O resultado das municipais do 22-M trasacordou a posta en marcha da Área Metropolitana de Vigo (AMV). O fracaso do Partido Popular en Vigo e dos gobernos de coalición de socialistas e nacionalistas en Redondela, Cangas e Moaña desequilibrou os compromisos adquiridos -non me atrevo a empregar o termo “consensos”, xa que non foron asinados- antes da convocatoria electoral polos tres partidos arredor da Lei da Área Metropolitana de Vigo.

Tras máis dunha década de complexa tramitación lexislativa, na que houbo acordos e trasacordos abondos sobre o carácter desta nova entidade local concibida naquela alboral “Declaración de Soutomaior” de 1999; tras ter superadas as dificultades de determinar cales serán os concellos (14) que formarán parte da súa contorna inicial, na que se barallaron mapas máis ou menos amplos; tras ter acadado acordos sobre as súas competencias e servizos básicos a ofrecer, no que atinxe a temas claves como a xestión concertada do tratamento e abastecemento de augas, do saneamento, da xestión de residuos ou do transporte de viaxeiros, o proxecto do Vigo metropolitano pode volver quedar encallado nas pedras do partidismo por mor da imposibilidade de chegar a un acordo sobre quen debe presidir o ente metropolitano e cal debe ser o papel da Deputación Provincial de Pontevedra.

Ningún destes trasacordos son menores e ambos os dous teñen carácter político, ligado ao recente resultado electoral do 22-M. Con toda certeza, se Corina Porro fose a alcadesa elixida polos vigueses, o grupo parlamentario do Partido Popular de Galicia non tería introducido na lei as emendas que permitirían que a área fose presidida por calquera dos 47 concelleiros que forman a asemblea da entidade ou que a Xunta de Goberno da AMV non fose formada só por alcaldes. Unha perrencha inxustificable do PPdeG, que amosa a escasa consideración que a dirección dos conservadores teñen no só coa primeira cidade do país, senón coa organización e cos militantes do seu propio partido na cidade nosa. Non se concibe racionalmente que Vigo, a quen só representa o alcalde lexitimamente escollido pola súa corporación, non presida a AMV, tanto polo peso da súa poboación (o 62%), como pola importancia dos servizos e recursos económicos que cedería ao ente metropolitano, como polo carácter vertebrador da cidade sobre a área, tanto no que atinxe ao eido económico (porto, industrias e rede comercial) coma os servizos territoriais públicos (dende os hospitais, xulgados, entidades mercantís até a propia Universidade de Vigo). Concibiría algúen que a sede da AMV non estivese radicada en Vigo? Hai razóns para que sexa diferente a presidencia?

Que a alcaldía de Vigo non fose a que ocupase a presidencia da AMV sería unha anomalía política, ao tempo que, quizais, provocaría un efecto de desimplicación, cando non de aberto rexeitamento emocional dunha parte da cidadanía viguesa sobre a entidade metropolitana. Aínda que lle doa, o PPdeG ten que asumir o fracaso da súa estratexia en Vigo encabezada por Corina Porro e recoñecer que Abel Caballero debe ser o presidente dun ente metropolitano no que estará en clara minoría. Esa presidencia da alcaldía viguesa, condicionada pola necesidade de acadar acordos e consensos nunha asemblea metropolitana de maioría popular -onde se aprobarán cuestións decisivas como as ordenanzas e tarifas ou a incorporación de novos concellos-, pode ser unha fórmula eficaz para alicerzar un proxecto ao servizo dos intereses xerais de todos os concellos e toda a cidadanía, sen ningún tipo de exclusión nin de presidencialismo caciquil.

Outrosí sucede co papel da Deputación de Pontevedra. Fálase das competencias e servizos que a Xunta e o concello de Vigo cederían ao novo ente metropolitano, mais nada se sabe daquelas que cedería a da entidade presidida por Rafael Louzán, moi importantes no que atinxe a axudas e subvencións, sobre as que os responsables do PPdeG manteñen silencio, mesmo o vicepresidente Figueroa, novo líder do partido conservador en Vigo.

Sen consenso político e sen compromiso de redeseño da administración territorial do conxunto do país -falamos do papel das deputacións, mais tamén da redución do número de concellos-, non é viable a posta en marcha con éxito da AMV. Impoñerlle a Vigo a ferro e fariña un modelo metropolitano partidista, como pretenden Feijóo, Rueda e Louzán, sería outro erro, semellante ao que incorreron coa fusión das caixas ou coa paralización do proxecto da nova depuradora, que os populares vigueses pagaron coa súa derrota municipal. A creación das áreas metropolitanas é un proxecto que precisa de doses elevadas de consenso e xenerosidade política, como reclamaba aquela bendita “Declaración de Soutomaior” de 1999. Un espírito que se debería recuperar.

bretemas@gmail.com