Sen dúbida que os sempre moi amables lectores destas crónicas –singularmente, todos aqueles que, como un servidor, hai xa tempo que "peinan canas"– han de lembrar a escintilante xeira do denominado "eurocomunismo." Georges Marchais, Santiago Carrillo, Antoni Gutiérrez… mesmo Enrico Berlinguer: que foi do todopoderoso Partido Comunista Italiano? E que aconteceu con esoutros, seus irmáns, PCF ou PSUC? Onde deron a teoría e a praxe de exerceren o liderado, mediante unha vangarda proletaria e unha organización baseada en cadros, para atinxir un partido de masas? Tanto revisionismo crítico para acabaren arrebolados, sen remedio, nas chamas inmisericordes da fogueira, baixo a acusación –François Furet dixit– de apenas ter procurado, coa leria democrática, outra cousa diferente máis que "pretender absolver ao comunismo dos espantosos crimes soviéticos". Así, sen máis matices nin perdóns e por moi moito que se esforzasen en demostrar –mesmo negar, cal San Pedro a Cristo– a inexistencia de calquera sorte de complicidade verbo deles. Claro que ben dito/escrito está: Vae victis!

Pois velaí que vinte anos despois –o PCI, por exemplo, desapareceu formalmente o 3 de febreiro de 1991–, tal semella que unha nova e imparable desfeita se estea a producir nas moi abaneadas hostes da esquerda europea. Certo é que a socialdemocracia, ou o que resta dela, aínda se mantén no poder por aquí e por acolá lonxe; porén, e como din/escriben os post-post-postmodelnos, "réstanlle dous telediarios". Sen ir máis lonxe, esta de por aquí, e que atende por PSOE, vén de perder case dous millóns de votos, unha cifra para tremer, de certo, cal vara verde. E non obstante, a cuestión agora nin tan sequera é esa, senón esoutra mesma que pregunta implacable: cantos miles máis lle quedan aínda por extraviar ao socialismo español? De veras hai alguén tan parrulo/optimista que considere que a presenza do tío Alfredo á frente das papeletas electorais vai conformar un poderoso dique, unha sólida muralla, unha defensa inexpugnable? Tan "inexpugnable", acaso, como foi a liña Maginot na Segunda Guerra Mundial?

"Non comparemos, home –retrucan algúns teimudos– Ao cabo, o do eurocomunismo tivo lugar tanto polas súas propias contradicións como polo ocaso da Unión Soviética. Nada comparable ao que estamos a vivir agora". Ah, non? De veras? Parécelles, daquela, pouca "perestroika" esa mesma argallada –polas boas e/ou polas bravas; para o caso, tanto lle ten que fose por obrigación que por devoción– polos José Sócrates, Yorgos Papandreu… J.L. Rodríguez Zapatero? Confían realmente no porvir da (actual) Unión Europea? Dan creto á solidez dos alicerces que a sosteñen?

"Un giro a la izquierda": iso era o que pedía por escrito os pasados días D. Julio Feo, secretario xeral de Presidencia en tempos de Felipe González. "Un xiro á esquerda…" E en qué consiste tal cousa? Porque xirar, virar realmente á esquerda, no momento presente, non pode significar senón unha destas dúas posibilidades: a primeira, avanzarmos decididamente cara a unha auténtica integración. Unha integración que signifique a existencia dun goberno europeo, elixido democraticamente, capaz de controlar "o monstro de Bruxelas" –así o califica Hans Magnus Enzensberger–, unha besta que, coa súa locura centralizadora e regulamentadora ameaza con transformar o continente enteiro nun auténtico "reformatorio". Unha integración que conleve, ademais, a existencia dunha débeda europea común; que considere, igualmente, a realidade dunha lexislación comunitaria en materia de xubilacións, pensións…; en fin, unha unión baseada na presenza de discursos políticos comúns, para alén dos prexuízos e dos egoísmos nacionais.

Agora ben; se isto resulta inviable –e, sinceramente, este modesto cronista comparte a opinión de que, agora mesmo, con personaxes como Angela Merkel, Nicolas Sarkozy, Silvio Berlusconi… David Cameron, si que o é (inviable); en todo caso, remito aos lectores ao artigo de Dirk Schümer, "Volver ao Estado-nación", publicado os pasados días no "Frainkfurter Allgemeine Zeitung"–, un verdadeiro xiro á esquerda conleva falarlle claro á xente, esgazarmos a tea de araña, finiquitar o euro e barallarmos de novo. Sen dúbida, os perigos de tal proceder son uns cantos; porén, moitísimo maior semella esoutro risco de que calquera días destes sexan os Le Pen, Wilders, Kaczynski aqueles que, sen anestesia, veñan desatar todos os nós, dinamitar todas as pontes posibles. Ben polo contrario, o deber dunha socialdemocracia, dunha esquerda responsable é deixar de contribuír á grande hipocrisía dunha unión que nin é tal, nin funciona xa como tal e que tan só a inercia, burócratas neoliberais, especuladores da débeda e mais pescadores de augas revoleas, en xeral, –cal se fosen avogados matrimonais ávidos de diñeiro doado– teiman en manter por enriba de todas as evidencias, sen reparar no sacrificio inútil de países enteiros. Dado que o divorcio resulta inevitable, polo menos que se faga de maneira civilizada: agora mesmo, talvez sexa esa a mellor contribución que se poida efectuar desde o pensamento progresista. Polo ben de todos. Polo propio ben da democracia. Polo ben de Europa.