EN DIRECTO
farodevigo.es » Opinión
 Noticia anterior   Noticia siguiente 
Campo de Granada

Modesta proposición

Manuel Bragado

 08:42  
Enviar
Imprimir
Aumentar el texto
Reducir el texto

A última Enquisa de Poboación Activa amosa que en España hai cinco millóns de persoas (o 21,29%) paradas. Unha cifra que non é menos desacougante para Galicia, onde o número supera xa as 226.000, situando a taxa de paro nun alarmante 17,33%, que na cidade de Vigo chega ao 20,8%; sendo case 70.000 os fogares galegos nos que todos os seus membros carecen de traballo e máis de 20.000 os que non reciben xa ningún tipo de axuda. Cifras que no caso da poboación xuvenil, a comprendida entre os 16 e os 29 anos, acadan en Galicia a inaudita taxa do 31%, a pesar do aumento do número de emigrantes e do notable alongamento da permanencia no sistema educativo, característico deste tramo de idade. Dende 2007 triplicouse en Galicia o número de parados e descendeu de forma significativa a poboación activa, o que constitúe un pésimo balance para a conxunto da economía nosa. Cifras que non poden considerarse alleas ao fracaso sen paliativos tanto da recente reforma laboral, promovida polo Goberno, como das chamadas "políticas activas de emprego", competencia da Xunta de Galicia.
Sen dúbida, a situación é moito mellor para os traballadores que contamos con emprego, mais non por iso menos desalentadora, xa que a política feroz de axustes e de redución do déficit acometida polas administracións públicas, motivada pola crise da débeda soberana española nos mercados financeiros, provocou o aumento da idade de xubilación e outras subtracións dos avances e conquistas sociais gañados nas catro décadas anteriores. Se a iso engadimos a usurpación da democracia, realizada por políticos de diversas cores e países que actúan baixo a disciplina das axencias de cualificación e dos chamados de forma enigmática como "mercados"; se lle sumamos as dificultades das caixas de aforro para acometer o seu proceso de privatización e saneamento, que pagaremos a escote os seus clientes e todos os cidadáns durante uns cantos anos; se consideramos a clara tendencia inflacionista que comezamos a sufrir, cun IPC xa preto do 4%, á que non son alleas cuestións como a subida dos prezos das materias primas (alimentos) nos mercados internacionais de futuros, a dependencia dos carburantes fósiles ou o incremento dos intereses das hipotecas, é moi difícil para calquera cidadán, mesmo para o máis optimista, enxergar unha xanela de luz para saír da crise.
Máis alá da utilización apocalíptica da situación por parte dos voceiros mediáticos conservadores, que identifican esta xanela coa desaparición de Zapatero do escenario e a entrada de Rajoy no Goberno –simplificación interesada e falaz motivada pola proximidade das municipais– non hai dúbida que vivimos inmersos nunha crise moi profunda, non só económica, tamén social e política. Unha auténtica crise civilizatoria que pon en cuestión a viabilidade do modelo europeo acuñado tras a Segunda Guerra Mundial, tanto do seu proxecto de unión política e monetaria, como do modelo democrático de participación e de redistribución da renda, o da "sociedade do benestar", baseado na tributización fiscal progresiva, na existencia de pensións ao remate da vida laboral e no acceso universal aos servizos de sanidade, dependencia, educación e acceso á cultura. Unha crise que hoxe comeza a poñer en cuestión a estabilidade e viabilidade destas conquistas, mais que sobre todo constitúe unha ameaza para a xeración dos nosos mozos e mozas, esa "xeración perdida" ou "xeración sacrificada" (xeración "rasca" en Portugal) cuxo futuro semella cada vez máis incerto.
Neste contexto comezan a aparecer textos vindicativos que rescatando o valor das palabras denuncian con indignación estas ameazas e propoñen o compromiso de non resignarse. Este é o caso do panfleto de Stéphane Hessel "Indignádevos!" (publicado en galego por Factoría K), que nuns poucos meses leva espallado en Francia mais de dous millóns de exemplares contendo unha mensaxe insurxente, incardinada na insurrección pacifista de Martin Luther King. Chamamento semellante realizaba en 1996 Lois Pereiro, o autor deste 17 de maio, na súa "Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidraúlica dunha cíclica historia universal da infamia" (Xerais 2011), o noso "Indignádevos!". Un texto vindicativo anticipatorio no que Pereiro denuncia a inocente indiferencia e reclama o noso compromiso e a nosa obriga en loitar polo que sempre nos resultou xusto e evidente: "Quen desexe realmente facer algo, a medida das súas forzas, talento e influencia, que se poña xa mans á obra e axuda a exercer a sabotaxe. Inda que un non consiga aspirar máis que a transformar o seu espírito, a mellorarse tan sequera a súa alma e a súa vida en cada un dos seus actos, só con iso elevará o nivel da súa propia e dormida conciencia e a súa capacidade de indignarse e sentir noxo".

COMPARTIR
 
  HEMEROTECA
GALERÍA: EL OLIVO HUELE EL ASCENSO
+ VER GALERÍA
  Encuestas de actualidad
¿Considera que debe ampliarse la dotación judicial en Vigo para evitar los atascos de sentencias?
  Sí
  No
Votar »
 
RESULTADOS ACTUALES
88%
No 12%
   
¿Debe compensar el Concello al pequeño comercio afectado por las obras de humanización?
  Sí
  No
Votar »
 
RESULTADOS ACTUALES
50%
No 50%
 
Ver más encuestas »
CONÓZCANOS: CONTACTO | FARO DE VIGO | LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES | CLUB FARO DE VIGO | ACERCA DE ED. GALEGO PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR
farodevigo.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca | El Diari  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad