Valentín Arias morreu de socate o venres na súa casa de Vilerma, na parroquia de Maside do concello de Sarria, onde nacera en 1934. Fillo de humilde casa de labregos aprendeu as catro regras nunha escola de ferrado. Como ten confesado “ía para labrego”, mais o 1 de febreiro de 1948 acontecería un feito decisivo para o seu futuro: o empresario Antonio Fernández López inaugurou a un quilómetro do seu fogar a Escola Agrícola da Granxa Barreiros para rapaces e rapazas de seis a catorce anos das parroquias da contorna, así como para as persoas adultas que se achegasen para recibir leccións. Alí acudiu Valentín como alumno e alí amigou de por vida co mestre galeguista que a dirixía, Avelino Pousa Antelo. Alí deu en ensinante e quedou contaxiado polo virus da escritura con enxebreza de don Avelino, ao tempo que pola obriga moral de traballar arreo a prol do país.

Dende aquela e ao longo de seis décadas, Arias dedicou a vida toda ao servizo do desenvolvemento de Galicia. Fíxoo como mestre, editor, tradutor, ensaísta, biógrafo, investigador, empresario agrícola, promotor do cooperativismo ou militante do nacionalismo galego na clandestinidade (foi membro do PSG). Actividades todas nas que se entregou cunha xenerosidade incesante, unha discreción superlativa e unha dispoñibilidade permanente para o abrazo e a axuda máis fraternal con todos aqueles que compartían ansias e vieiros. Foi Valentín un home de país.

Como mestre, formouse co espírito activista e anovador da Escola de Barreiros, inequivocamente decroliana, da que tras os seus anos de formación sería tamén mestre responsable durante unha década (1955-1965). Labor docente creador que continuou en Vigo, desque ingresou en 1969 no Colexio Público de Sárdoma, onde se xubilou en 1994 deixando unha gratísima lembranza entre os seus milleiros de alumnos.

Iniciou as súas tarefas no mundo do libro galego en 1970 cando comezou a traballar na Fundación Penzol e, máis tarde, de 1975 a 1978 como xerente da editorial Galaxia, onde publicara, coincidindo coa súa chegada á cidade da oliveira, os seus primeiros libros “A lingua galega na escola” (1970), “Lecturas galegas” (1972), “A escola rural en Galicia” (1975). Mais será coa creación de Edicións Xerais de Galicia en 1979, cando comezará a desenvolver un labor extraordinario como revisor e tradutor de milleiros e milleiros de páxinas en galego. Ao seu criterio rigoroso debemos a revisión de boa parte dos cen primeiros títulos publicados por Xerais, a redacción dalgúns dos primeiros libros de texto para o ensino do Coñecemento do Medio en Educación Primaria e a tradución de moitos dos títulos das primeiras coleccións infantís da editorial, “Arroás”, “Xabarín” e “O rato Pérez”.

Foi quizais do seu labor como tradutor do que Valentín Arias se sentía máis fachendoso e responsable. En 1984 promoveu a creación da Asociación de Tradutores Galegos, da que foi presidente e animador incansable, coa inequívoca vontade de contribuír dende este eido a recuperación idiomática e a ofrecer a posibilidade de ler en galego calquera tipo de texto do corpus literario e científico universal. O seu esforzo como tradutor foi monumental. Deixa milleiros e milleiros de páxinas traducidas para o galego nas nosas bibliotecas. Traduciu a autores como Verne (“A volta ao mundo en 80 días”, “Viaxe ao centro da Terra”, “Da Terra á Lúa”), Rodari (“Contos ao teléfono”, “Contos a máquina”), Camus (“O estranxeiro”), Le Clézio (“Mondo e outras historias”), Saint-Exupéry (“Voo de noite”), Duras (“O xardín”), Atxaga (“Memorias dunha vaca”), Ricardo Mella (“Lombroso e os anarquistas”) ou Diderot (“Sobriño de Ramuau”). Verqueu para o galego os cómics de Tintin, dirixiu o equipo de tradutores do Quixote galego, preparou as versións galegas de libros de investigación como “A guerrilla antifranquista en Galicia” de Heine, “Diego Xelmírez” de Biggs ou “Os galeóns de Rande” de Stenuit. Un labor polo que foi recoñecido con premios como o Ramón Cabanillas (1989), o Plácido Castro (2001) ou coa homenaxe que recibiu en Vigo o 30 de setembro de 2008 con motivo do Día da Tradución, sendo declarado o “patriarca dos tradutores galegos”.

Foi o de Valentín Arias, pois, un labor de alicerce e soporte esencial sen o que non poderíamos entender o pulo da cultura textual en galego do noso tempo. Home de elegancia natural e trato agarimeiro forxou acordos en positivo alí onde se precisaba a súa presenza. Mais e sobre todo, Valentín Arias exerceu como mestre no sentido máis amplo desta palabra sagrada. Ben merecería que a cidade na que viviu durante corenta anos o lembrase co nome dunha rúa onde rezase “Tradutor e mestre Valentín Arias”. Con todos os nosos abrazos para Amparo Castaño, a súa inseparable compañeira, e para os seus fillos e netos.

bretemas@gmail.com