Toda vez que están espallados por toda a cidade, sen dúbida que han de coñecer Vdes., sempre moi amables lectores destas crónicas semanais, o contido deses carteis pre–electorais nos cales D. Abel Caballero (nos) sinala aos vigueses –e viguesas; compoñamos a fórmula precisa tal e como esixe a nova corrección política– como efectivos construtores/as dun Vigo no que as grandes infraestruturas, os parques e xardíns, os complexos deportivos e culturais… en fin, toda unha urbe limpa, fermosa e feliz de coñecerse a si mesma está en movemento. "E o fixéchedes": velaí a concluínte sentenza que o señor alcalde proclama –sorrinte e acaso feliz de coñecerse, tamén el, a si mesmo– urbi et orbi.

"E o fixéchedes". De certo que, por moi boa vontade –e "manga ancha"– que lle queiramos poñer, semellante construción gramatical –máis ben toda unha derruba– non dá para moito máis aló dun 2–3 como nota na materia de lingua galega. Porque se ben é certo que, nun alarde de amor e entrega polas variantes dialectolóxicas, cabe admitir que a solución hipercaracteridada en –chedes, "fixéchedes", atinxa certas posibilidades –e iso a pesar e por máis que na maioría do territorio galego, a 5ª persoa dos pretéritos de indicativo presenta a forma "fixestes", que vén ser, ademais, a normativa–, do que non cabe a menor dúbida é da absoluta imposibilidade do pronóme átono –"o"– precedendo o verbo. Si; é boa verdade que non falta quen se exprese de tal xeito: "me dixo que non"; "te vin onte", "o sei moi ben" e, desde logo, "e o fixéchedes/fixestes". Pero tamén é moi certo que somos donos dos nosos silencios, pero escravos das nosas palabras. Aló entre as nubes, Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Celso Emilio Ferreiro, Álvaro Cunqueiro… sen dúbida que andan a botar as mans á cabeza: "E para isto pasamos nós tantos e tantos traballiños?"

Non ten volta: "e o fixéchedes" non deixa de ser unha construción mal feita, un galego ruinceiro. Mais a pregunta vén ser xa esoutra: por que o señor alcalde, e mariachis adxuntos, se conducen de tal xeito? Na estima deste modesto cronista, caben tres posibilidades: a primeira, desde logo, é que se trate dun simple lapsus calami; a segunda está en que nos situemos perante unha calculada forma de chamar a atención; o terceiro suposto, en fin, viría ser que D. Abel e familia viñesen "pasar" moi moito de morfoloxías e sintaxes.

Un lapsus calami… pero home: é que non hai no entorno da Alcaldía viguesa alguén que aprobase o galego de 4º da ESO? Será preciso nomear talvez unha comisión ad hoc para redactar correctamente a propaganda electoral? E que se fixo dos normalizadores? Acaso non lles pagan e vén ser esa a súa maneira de declararse en folga? Non haberá por todo o concello de Vigo nin un triste exemplar dun urxente manual de galego urxente? D. Manuel Bragado, D. Víctor Freixanes, D. Bieito Ledo e demais editores: xa sei que estamos en crise, mais non sexan Vdes. cutres e regálenlle unha gramática do noso idioma aos nos benamados rexidores!

Chamar a atención, velaí a segunda posibilidade a considerar. E daquela… non había outra mellor que esa mesma de atropelar a gramática? De acordo que vivamos malos tempos para a lírica, para a novela e mais para o infinitivo conxugado, pero… tan pouca imaxinación lle saben botar os asesores e publicistas? Tan baixo caeron que utilizan técnicas de captación da audiencia moi dignas dos programas de sobremesa de Tele 5?

En fin, tan só nos resta a terceira perspectiva: "¡Ud. no me va a decir a mí cuántas copas de vino puedo tomarme o no!" Pola mesma, "Vde. non me vai dicir a min como teño que escribir en galego, ou non!" Sen dúbida, habitamos nun país singular: un territorio onde habitan xentes perfectamente capaces de presumir, sen ningún rubor, tanto que estudiaron na mellor universidade de todas –"la universidad de la calle"– como que o seu (suposto) galego "é o que falaban os meus abuelos (sic!) na aldea, non ese que ahora han inventado (sic!) catro filólogos nun laboratorio". Traducido: que habendo tantos e tantos listos, para que raios imos precisar de academias e institutos da lingua? Fóra ortografía e fóra regras gramaticais! Democraticemos de vez o idioma!

"A ver, Sr. Pena, non se poña Vde. así que tampouco é para tanto. Todos cometemos erros. Ademais, e sen ir máis lonxe, Valle–Inclán tamén cometía faltas de ortografía…" Moi ben, de acordo, OK MacKey. Xa vexo cales son os defectos que comparte Vde. co xenial D. Ramón, pero… e podería indicarme, de paso, cales son as virtudes que ambos teñen en común?

Pero xa abonda. Sen dúbida, chegados aquí, D. Abel está a tempo de rectificar e, de paso, facer honra ao seu apelido. Sería todo un detalle.