Cada tempo ten os seus sons característicos. Cada lugar, aldea, barrio ou cidade posúe, tamén, unha identidade acústica, a creada polos sons do entorno, tanto os naturais como aqueloutros xerados pola actividade humana, que permiten contar a historia cotián das persoas que alí viven. Porén, nun mundo coma o actual, marcado pola supremacía abrumadora da cultura visual, non sempre somos conscientes da importancia que estes espazos sonoros, sexan os musicais ou os medioambientais, teñen nas nosas vidas e, tamén, na estrutura da memoria individual e colectiva.

A memoria almacena lembranzas da infancia, en boa medida apupadas polo seu carácter sinestésico. No meu caso o arrecendo ao anís da fornada dos roscóns na panadaría do Barrio do Cura mestúrase co boureo dos tranvías enfiando a liña de Pi e Margall camiño de Peniche, un son metálico, estrondoso, inesquecible. O son das sirenas da Panificadora, de Casa Mar ou de Barreras, as que se escoitaban no meu barrio, están asociados para min coa imaxe dos guindastres e da montaxe dos circos (Atlas, Mundial, Americano, Ruso, Price ou Ringling Circus) no Campo de Granada e, máis tarde, na chaira de Beiramar. A brétema quedou vencellada na memoria miña co asubío do porto do Berbés que alertaba ás embarcacións; como os días de verán (e de cortes de auga) co balbordo da auga fresca abrollando dos bicos da concorridísima Fonte da Falperra, onde fixen tantas horas de cola. Todos estes sons da miña infancia desapareceron, só quedaron as pegadas na memoria, como a do asubío do afiador e a súa roda diante do portal, a dos camións que repartían as gasosas e sifóns ou o motocarro que traía o xeo.

Lembrei estes espazos sonoros do Vigo de hai corenta anos, cando coñecín en Internet o “Mapa Sonoro de Vigo”, unha moi novidosa iniciativa, enmarcada no Plan de Excelencia Turística de Vigo, que pretende descubrir a cidade aos turistas, dende a perspectiva inédita da sonoridade. Con este mapa (http://turismodevigo.es/escoitar/) no que se amosan gravacións de case corenta puntos vigueses de interese sonoro preséntase o que podería ser a identidade sonora do Vigo do novo século: dende o son da cadea de montaxe de Citroën en Balaídos, o quebracabezas metálico do traballo nun asteleiro de Bouzas, o barullo da nave da lonxa do Berbés, pasando polas ondas nos cantís das Cíes, os chíos das aves no monte do Castro, o carillón da sede central de Novacaixagalicia, até, entre outros, o son do vento zoando no paseo de Afonso á altura da Oliveira, o traballo do cesteiro no Casco Vello ou o desfile das rondallas de Nadal. Un documento turístico excepcional, máis tamén de interese para a cidadanía viguesa, que permite coñecer Vigo mediante a escoita. Visitar o espazo web “Sons de Vigo” foi para min unha experiencia apaixonante. Sei que vai permitir desmontar moitos prexuízos e imaxes falsas sobre Vigo, ao presentar unha cidade vital, construída cada día ao ritmo que marcan os seus habitantes, onde se combina de forma harmoniosa o estrepitoso dinamismo industrial coa serenidade dos espazos naturais atlánticos, dos seus parques e museos urbanos.

Este pioneiro “Mapa Sonoro de Vigo”, preparado por Ouvirmos edicións, encádrase dentro da filosofía do proxecto da Asociación Cultural Escoitar (http://www.escoitar.org), nacido en Vigo hai cinco anos e promovido por un grupo interdisciplinar de profesores, artistas e tecnólogos, coa intención de chamar a atención sobre o fenómeno sonoro máis alá da música, identificando as diversas paisaxes sonoras e contribuíndo á conservación da memoria sonora de Galicia, como un elemento máis do noso patrimonio cultural inmaterial. Líderes deste proxecto, como o antropólogo e musicólogo Chiu Longina, insisten nas súas intervencións no fenómeno actual da desaparición, modificación ou ocultación dunha importante diversidade de paisaxes sonoras, asociadas a entornos naturais ou espazos culturais, mentres que, ao mesmo tempo, emerxen outras novas tendentes á homoxeneización, pola influencia dos procesos de urbanización. Identificar os sons en perigo de extinción e realizar o correspondente rexistro fonográfico por medio de gravacións binaurais sería un traballo vital para a conservación deste Patrimonio Sonoro.

En boa medida como froito do proceso homoxeneizador das paisaxes sonoras urbanas, impóñense entre os sons vigueses, o ruído provocado polo tráfico, causante da elevadísima contaminación acústica que padecemos en toda á área metropolitana, así como os rebumbios nocturnos de fin de semana existentes nesas 33 rúas declaradas hai tres anos polo concello como Zonas Acusticamente Saturadas. Eis a outra cara sonora da cidade, aquela á que a Comisión Municipal de Ruído debería poñerlle remedio eficaz.

bretemas@gmail.com