A axenda informativa internacional está centrada estes días arredor de WikiLeaks e da detención de Julian Assange, o promotor deste espazo de Internet que filtrou a varios xornais de referencia milleiros de informes que diplomáticos estadounidenses remitiron ao Departamento de Estado. Moi importante debe ser este asunto de WiKileaks para que ao seu abeiro foran desaparecendo ou moito diminuísen da atención dos medios outros temas que semellan claves nestes tempos tan convulsos da primeira e durísima crise do capitalismo do século XXI, dende a crise da débeda soberana promovida por Alemaña até o aparente fracaso do cumio mundial de Cancún sobre o cambio climático que in extremis conseguiu o acordo de que sexa a ONU quen pilote o proceso que debe levar a reducir antes de 2020 as emisións de CO2 entre un 25% e un 40%.

Máis alá do contido dalgúns destes informes de WikiLeaks, que ispen a figuras como as do presidente Zapatero, que pasou de retirar as tropas de Irak a ofrecer aos EE UU o aumento da súa presenza militar en España, o que realmente desacouga deste asunto é a actitude que manteñen os gobernos dos estados afectados con respecto ás filtracións e aos dereitos da cidadanía de acceso á información, transformando a Julian Assange nun seu inimigo público e as súas actuacións, como sinalou Hillary Clinton, nun ataque á comunidade internacional. Porén, a vergonza na que quedan algúns gobernantes e políticos, tras a lectura destes textos, dificilmente pode ser considerada un dano grave para os seus estados, nin como pretenden facernos crer afecta a súa seguridade, senón que pon en evidencia as carencias e feblezas destas persoas, ao tempo que amosa unha forma subalterna de entender a política e mesmo as relacións diplomáticas entre os estados. A esta altura do século XXI, os intereses dos estados soberanos non poden ser outros que os da súa cidadanía, que ten dereito a coñecer o que se di e o que se defende no seu nome. Os crimes de WikiLeaks non son ter filtrado estas informacións, senón os crimes que estas informacións revelan, como poden ser o caso do fotógrafo galego Couso, as torturas desveladas en Guantánamo ou o apoio dos EE UU ao golpe de estado de Honduras.

A cerna de WikiLeaks reside en que este espazo de Internet é fornecedor de transparencia pública cara uns gobernos e unhas poderosas corporacións transnacionais que pretenden funcionar na maior opacidade, predicando unhas cousas e facendo as contrarias. WikiLeaks fornece datos dos exércitos (a súa primeira actuación foron as filtracións referidas ás guerras de Irak e Afganistán) ou dos corpos diplomáticos (como sucede desta volta), institucións que nos sistemas democráticos están ao servizo da cidadanía, coa intención de que fosen transformados en informacións pola, análise, verificación e contraste dos profesionais dos xornais. Como sinalou Enrique Dans, "o crime de Julian Assange foi construír unha ferramenta para ofrecer certas garantías de confidencialidade a quen queira sacar a luz pública información comprometedora". WikiLeaks é apenas unha xanela aberta á libre información, un antídoto contra a corrupción, un fornecedor de transparencia no contexto dunha sociedade mundial cibercomunicada. O conflito aparece cando estes niveis de transparencia da cibersociedade non son asumidos polos gobernos, os estados e as corporacións transnacionais.

WikiLeaks remítenos, ademais, a outra cuestión aínda non solucionada polos estados democráticos: como se asegura a autonomía, a liberdade e a neutralidade da rede nunha situación, como sinalou Juan Varela, extremadamente paradóxica, "cando Internet e as redes sociais se transformaron no novo espazo público da democracia, os datos e a actividade dos usuarios están cada vez máis privatizados en mans de grandes empresas"? O conflito aberto por WikiLeaks obriga a conquistar os ciberdereitos dos cibercidadáns diante das grandes e poderosas corporacións estadounidenses de Internet –dende Google que controla os servizos e contidos da nube, pasando polo cibercomercio de Amazon, até as plataformas de pagamento–, mais tamén das empresas de telefonía e cable que ofrecen a conectividade en cada un dos estados. Os cibercidadáns temos dereitos a controlar o acceso aos datos da nosa identidade dixital, mais tamén a acceder e utilizar libremente os nosos datos. Lembremos que a neutralidade en Internet consiste en que os bits non sexan discriminados nin polo seu contido nin pola súa orixe nin polo seu destino nin polo protocolo empregado na súa distribución. Ao fío de WikiLeaks estamos vivindo uns días decisivos para asegurar a liberdade e a neutralidade de circulación da información na rede. De como se resolva este conflito, vai depender moito o futuro de Internet.

bretemas@gmail.com