Dos poucos chistes que dou recordado, un é o que lle contaba a protagonista da película Fargo, a policía tremendamente embarazada que encarnaba Frances McDormand, ao seu compañeiro de patrulla: "Sabes de aquel tipo que quería poñer no coche unha matrícula personalizada e como non tiña cartos, cambiou o seu nome? Agora chámase 5609-CPG". Nos países civilizados e nalgúns a medio civilizar, o normal é que podas cambiar de nome sen demasiados trámites. Aquí, en cambio, ata hai nada cargabas toda a vida co que che puxeron teus pais e impoñía a lei correspondente e/ou criterio dos curas, que durante moitos anos antepoñían "María" de oficio a toda canta nena pasaba pola pía. Debe ser por esas férreas costumes que se está a producir esa nova e crucial batalla no horizonte político que evidencia outra vez a calidade da nosa clase política, social e mediática, e o seu criterio de prioridades. A dos apelidos. Xa saben, o proxecto de lei que permitirá aos responsables de traer ao mundo a un novo cidadán escoller a orde dos apelidos cos que circulará en adiante a criatura.

E realidade, a lei xa existía, pero establecía que se non había acordo entre os proxenitores, imperaba o do pai. Agora, para anular esa prerrogativa masculina, o imperio será da orde alfabética. Sinceramente, non é un gran paso para a igualdade, porque a lexislación española xa estaba a anos luz da maioría do resto do mundo, no que as mulleres, en xeral, perden o apelido ao casar, e os fillos herdan o paterno e van que se matan. Pero si é un avance para a diversidade. Tal e como está a cousa, sen poder escoller tan sequera cal dos dous apelidos poñer de primeiro, a tendencia é que se perdan os menos habituais e se impoñan cada vez máis García, Fernández, González, Rodríguez ou López, que son os cinco máis comúns en España:, suman máis do 12% do total e repítense cunha frecuencia que cuadriplica ás normais en Europa. Non é so unha cuestión de gusto: ninguén lle chama Núñez a Feijoo, Rodríguez a Zapatero ou Pérez a Touriño (ben, a Touriño si, porque había quen pensaba que era unha mostra de agudeza mental).

Ou sexa que grande ou pequeno, un paso é, pero o da orde alfabética moito me temo que vai ser unha fonte de conflitos. En primeiro lugar porque en boa parte dos casos nos que a lei actual non se cumpría era porque algún probo funcionario do rexistro dicía necesitar ter os proxenitores da criatura diante para acreditar nos seus desexos, e normalmente é o pai quen fai os trámites mentres a nai se recupera do trance no hospital e na casa. Ou sexa que niso, a nova lei pouco resolve. En segundo, porque calquera negociación cun resultado xa determinado en caso de desacordo está viciada. Se Varela e Abalo discuten por como lle insiren os apelidos ao retoño, teñan por certo que Abalo non se vai matar en chegar a un acordo. E terceiro, pode ser fonte de enfrontamentos derivados, mesmo político-lingüísticos, por exemplo, se Couso e Chamoso non acordan, vanse ensarillar en se CH é unha letra (en galego non, en castelán de momento si, aínda que desde 1994 non a efectos de orde alfabética), e polo tanto a criatura será Couso Chamoso, ou non, e será Chamoso Couso. Claro que vaia futuro lle espera a Couso Chamoso ou viceversa se os pais se pelexan no rexistro por esas cousas. Igual que a nós como o debate político discorra por estes camiños.