O infanticidio feminino é unha desas lacras agochadas que, aínda que nos poida parecer incrible, padece hoxe a humanidade. Matar as nenas recén nacidas ou realizar abortos selectivos femininos, debido ao baixo valor que teñen en determinadas sociedades as mulleres e a preferencia polo nacemento de homes, son prácticas que se realizan en zonas de China, a India, Acerbaixán, Xeorxia, Armenia, Paquistán, Corea do Sur, Taiwan, Indonesia ou Vietnam. No informe sobre esta cuestión, presentado na sesión da Comisión sobre a Situación da Muller, celebrado en Nacións Unidas en 2007, estimábase que 100 millóns de mulleres faltan no mundo por mor do feticidio selectivo e o infanticidio feminino, dos cales 80 millóns corresponden á India e China, países onde se estima que hai hoxe 50 e 25 millóns máis de homes ca de mulleres. Estimacións que non se poden considerar froito do azar –moito menos cando o patrón estatístico de nacemento de homes e mulleres é da orde de 105 homes por 100 mulleres–, senón que expresan a crueldade dun fenómeno provocado polo abandono ou falta de coidados das nenas ou polos fenómenos que provocan directamente a súa morte como a fame, o envelenamento ou a asfixia. O infanticidio feminino é, sen dúbida, a expresión máis extrema da desigualdade de xénero.

Esta lacra está presente no distrito de Salem, unha comunidade de 200.000 persoas, pertencente ao estado indio de Támil Nadu, onde dende hai máis dunha década traballa a ONG galega Implicadas no Desenvolvemento coa organización támil PDI (People´s Development Initiatives) e onde dende hai tres anos desenvolve un proxecto específico de Erradicación do Infanticidio Feminino. A pesar de que alí o infanticidio está fortemente penado e que está prohibido revelar o sexo do feto ás familias, estímase que en Salem cada ano morren ou deixan de nacer 200 nenas. Programa o de Implicadas que abrangue dende un traballo de apoio, asesoramento e seguimento das mulleres embarazadas e as súas familias; pasando por accións dirixidas á mudanza dos patróns da discriminación e de mellora da autoestima dos mozos e mozas; até a posta en marcha de 60 grupos de aforro que nalgúns casos permiten poñer en marcha microempresas e dun Centro de Atención ás Mulleres, onde se lles proporciona apoio legal a aquelas que o precisen. Até agora, este proxecto financiouse mercede aos fondos propios de Implicadas e aos recibidos en 2007 e 2009 dos fondos da Xunta de Galicia destinados a cooperación e desenvolvemento: porén, este ano 2010 a súa continuidade xa non foi financiada pola Dirección Xeral de Cooperación, quedando moi seriamente comprometido o futuro dun proxecto que en tres anos conseguiu que nacesen en Salem 938 nenas e que a maioría delas vivan coas súas familias. Diante desta situación, Implicadas polo Desenvolvemento pretende afianzar a súa independencia económica e conseguir que ao longo deste curso 200 persoas se asocien á organización doando cada mes 12 euros, cantidade que sería semellante a axuda non achegada pola actual administración galega.

Programas como este de Salem en Támil Nadu, centrado no ámbito da cooperación e no desenvolvemento de políticas de igualdade, coma outros de acción humanitaria ou de emerxencia en caso de catástrofe, son os que artellan hoxe os esforzos das 48 organizacións non gobernamentais agrupadas na Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. Organizacións todas elas que, dende posicionamentos diversos, pretenden contribuír á erradicación da pobreza nun marco de desenvolvemento sostible e de defensa dos Dereitos Humanos, co obxectivo de rematar con calquera tipo de discriminación e acadar a igualdade entre homes e mulleres. Un traballo de voluntariado e cooperación, artellado dende o esforzo de entidades privadas, imprescindible para artellar civicamente a nosa comunidade, que debe contar co apoio corresponsable de todas as administracións. Non esquezamos que Galicia é hoxe a derradeira comunidade autónoma en achegas públicas a políticas de cooperación e desenvolvemento internacional, o que non se corresponde co noso nivel de benestar nin co que pide a propia sociedade galega.

A realización do Camiño contra a Pobreza, a campaña Pobreza 0 e a asinatura o pasado venres dos voceiros dos tres grupos parlamentarios e da Coordinadora Galega de ONG do Pacto contra a Pobreza sinala o inicio dunha nova etapa para a cooperación no noso país. O pacto asume o compromiso real que antes do ano 2017 o orzamento consolidado da Xunta de Galica dedique o 0,7% en axudas para a cooperación e o desenvolvemento. As dificultades da crise e os recurtes das administracións non poden ser excusas para non asumir este compromiso escrito e ineludible. É posible outro mundo, onde todos e todas poidamos vivir en igualdade.

bretemas@gmail.com