Tras participar no Líber de Barcelona e na Feira do Libro de Frankfurt non teño dúbida ningunha de que a industria mundial do libro está vivindo un proceso de transformación moi profundo, ao que non debemos ter medo de cualificar como histórico. Tras unha longa estabilidade do soporte impreso, utilizado durante máis de cinco séculos, a irrupción do paradigma da comunicación dixital, asociado tanto aos desenvolvementos de Internet e da telefonía móbil como ao das novas tecnoloxías da información e dos sistemas de telecomunicación, semella un fenómeno irreversible, tamén, para o conxunto do sector editorial.

Despois do visto e debatido nestas dúas feiras hai moitas evidencias das mudanzas que se están producindo. Moi poucos poden ser os editores que non acrediten na convivencia dos tradicionais libros impresos cos novos libros dixitais, baixo as diversas formas nas que hoxe estes se ofrecen, sexa como servizos de consulta en liña, como audiolibros ou como arquivos para ler nos e-readers de tinta electrónica ou como apps de taboíñas dixitais (como a Ipad ou as recentísimas montadas co sistema operativo Android). O libro dixital naceu, primeiro para coexistir co impreso, e nun futuro para substituílo. A incerteza que pode remoer aos editores será determinar a duración deste tránsito inevitable, sobre todo cando sabemos que a velocidade coa que se están producindo as mudanzas nestas tecnoloxías incrementouse a un ritmo semellante ao marcado pola Lei de Moore que establece un período de ano e medio para duplicar a capacidade de procesamento das computadoras e reducir o tamaño dos seus compoñentes.

No entanto, é ben coñecido que a difusión dunha innovación destas características na sociedadade divide ás persoas en función da velocidade da súa aceptación. A moitas aínda lles custa admitir que o libro (tal como o coñecemos) poida desaparecer, para ser substituído por "algo" que coa excepción dos gurús da comunicación dixital ou dos afectados pola doenza da tecnofilia, ninguén sabe que forma vai ter. Para Enrique Dans, o coñecido blogueiro coruñés, autor de libro tan recomendable como "Todo va a cambiar. Tecnología y evolución: adaptarse o desaparecer" (Deusto 2010), estes fenómenos de substitución poden adoptar facianas diferentes, dende a coexistencia pacífica e progresiva das tecnoloxías, até o que el denomina disrupción ou "innovación disrutiva", capaz de crear un mercado ou unha cadea de valor novos. Para Dans serían claros exemplos destes fenómenos disrutivos, asociados ás tecnoloxías da información e da comunicación, o que xa se produciu no eido da música (na que case desapareceu a comercialización de discos) e no que está comezando a suceder no eido das industrias da edición, tanto de xornais e revistas como de libros.

Frankfurt 2010 amosou que a convivencia dos libros impresos e dos dixitais, a pesar de artellar cadeas de valor e comercialización diferentes, caracterizará a edición nos vindeiros anos. É innegable que camiñando polos quilómetros de corredores da feira constatamos como o libro impreso aínda supón a maioría abrumadora da produción editorial mundial; como quedamos abraiados diante do libro impreso máis grande do mundo (a edición australiana dun altas do mundo, que ten un formato de 1,80 x 1,40 m) ou da boa saúde do mercado da ficción internacional, do peso crecente da edición de libros de cociña ou mesmo da sorprendente pegada que sobre os adolescentes alemáns (todos eles "nativos dixitais") ten o fenómeno do manga xaponés ou da ficción gótica de calidade das novelas de Cornelia Funke que comezamos a editar en galego. Mais tamén sería absurdo que os editores pecharamos os ollos diante de realidades como o atractivo das taboíñas dixitais que na feira aparecían aquí e acolá e negásemos os efectos da innovación disrutiva que se está producindo en todos e cada un dos ámbitos e tipoloxías da edición de libros. Tras máis dunha década especulando sobre as posibilidades de éxito do libro electrónico, este Frankfurt enxerga o camiño trazado polo paradigma da comunicación cultural dixital.

Este período de tránsito (cheo de incertidumes) obriga a afrontar de vez o complexo debate da regulación da propiedade intelectual de xeito que faga compatible tanto a lexítima retribución dos autores polo seu traballo como o dereito que teñen os cidadáns dixitais a utilizar unha rede libre e neutral. Ademais, contando coas novas posibilidades creativas e comunicacionais que sabemos achegarán as tecnoloxías dixitais (en eidos que nin sequera somos capaces de imaxinar), outro debate fulcral da edición internacional é o de como artellar unha nova cadea de valorar para este novo libro do século XXI (intúo unha convivencia prolongada de ambos os dous soportes e, quizais, unha especialización por tipoloxías de edición e xeracións de lectores) que preserve tanto o seu carácter de ben cultural como o de mercadoría comercializada en establecementos especializados aos que chamamos con devoción librarías.

bretemas@gmail.com