"Algo va mal" é o título da tradución española (Taurus, 2010) de "Ill Fares the Land", o derradeiro ensaio de Tony Judt, o historiador de orixe xudía e profesor da Universidade de Nova York falecido o agosto pasado tras loitar durante dous anos contra a esclerose lateral amiotrófica. Nese libro ditado por Judt –un dos intelectuais europeístas socialdemócratas máis sólidos do noso tempo– con enormes dificultades ao seu colaborador Eugene Rusyn atópase un dos diagnósticos máis precisos e acaídos da actual doenza que padece a Terra, expresada cunha sutil metáfora no título orixinal extraído dun verso do poeta Goldsmith. Para Judt a actual crise económica que sufrimos dende 2008, cando se produciu o crac das hipotecas "subprime" e a reserva federal acudiu ao rescate dos bancos, apenas sería unha consecuencia inevitable dun estilo materialista e egoísta da vida contemporánea e da retórica que a acompañou durante as tres últimas décadas.

Para Judt gran parte dos principios do capitalismo non regulamentado que hoxe se consideran como "naturais" non son nin moito menos inherentes á condición humana, apenas datan dos comezos da década dos oitenta do pasado século: o culto pola privatización e o sector privado, a obsesión pola creación de riqueza, a admiración polo funcionamento dos mercados non regulamentados e polo estado mínimo de moi baixa tributación, o desprezo polo sector público (sexan os seus recursos, servizos ou espazos, sometidos sempre á sospeita de xestión ineficaz) ou a ilusión polas posibilidades dun crecemento económico infinito. Ideas xeradas por posicións conservadoras que ao longo destas tres décadas influíron dunha ou doutra maneira nas políticas da maioría dos gobernos e nalgúns casos conseguir réximes de capitalismo non regulamentado (velaí aquel chamado "Tigre celta" irlandés que se nos presentaba como modelo a imitar) onde os baixos impostos atraían os investimentos privados e provocaban un crecemento que a todos deixaba pampos, até que picou a burbulla e todo quedou esmiuzado. Non esquezamos que Irlanda é hoxe o estado da unión monetaria de maior déficit en relación co seu PIB e un dos que debe cubrir un maior burato bancario.

Fronte o fracaso deste modelo do libre mercado e de culto ao individualismo extremo, coidadosamente agochado polas posicións mediáticas conservadoras (aquel 2008 no que Sarkozy propoñía refundar o capitalismo xa ningunha delas o quere lembrar), Judt propón volver á vista ao pasado e recuperar as políticas baseadas nas ideas de igualdade, xustiza social e mercados regulamentados. As mesmas que levaron a Europa á prosperidade tras a IIª Guerra Mundial e deseñaron o actual estado do benestar baseado na tributación progresiva, na prestación gratuíta de servizos universais de educación e sanidade e na provisión pública dun sistema de pensións, transporte e outros servizos considerados esenciais. Políticas que devolverían o valor do estado e do sector público e, sobre todo, deseñadas cuns valores que non estivesen guiados pola economía.

Para Judt a profunda crise actual do capitalismo amosa "a urxencia dunha volta á conversa pública imbuída de ética" na que é imprescindible librarse do actual círculo de conformidade deseñado polos chamados "mercados" na que tanto os gobernos como a cidadanía estamos atrapados. O benestar, a xustiza, a equidade, a igualdade non poden ser esperanzas perdidas para a xeración dos nosos fillos e netos. Ou noutras palabras, a pesar do que poida parecer nestes momentos de axustes brutais dos investimentos públicos e de redución inevitable da calidade dos servizos proporcionados polas administracións públicas, impostos pola ditadura dos mercados que manexan a débeda soberana de estados coma o noso, a cidadanía debe loitar para que a cuestión social volva a presidir á axenda política e mediática, por aquilo que o Estado deba facer para que as persoas poidan vivir decentemente.

Sei, como sinala tamén Judt, que nesta era da incertidume e do capitalismo impaciente os que así pensamos situámonos nas difíciles posicións do partido inconformista, os daqueles que asumimos o deber de mirar criticamente o mundo e que defendemos unha axenda política que transcende as fronteiras nacionais. Non hai dúbida que recurtes como os que aproba o Goberno Zapatero (ou imporía un goberno da oposición conservadora) ou o fracaso desacougante do Cumio do Clima de Copenhague amosan que no mundo presente algo vai mal, moi mal, aumentando a actual sensación de impotencia e desacougo dunha boa parte da cidadanía. Nese malestar, quizais, poida residir a explicación da ampla resposta que recibiu a convocatoria sindical do 29-S, tan criticada polos medios conservadores tan sumisos cos ditados dos chamados "mercados".

bretemas@gmail.com