Na tarde do sábado pasado atravesamos a ría dende o peirao da Laxe á illa de San Simón. Foi unha experiencia magnífica que nos permitiu gozar durante un par de horas da beleza e serenidade dese espazo de dor e curación acubillado na illa de Mendiño e, ademais, asistir ao acto inaugural do Iº Ciclo de Spoken Word "Palabras na illa do Pensamento" no que Manuel Rivas presentou a súa performance literaria e musical arredor da súa novela "Os libros arden mal". Esta iniciativa, que tivo continuidade o domingo coa intervención de Carlos Oroza (o noso primeiro poeta peripatético, a quen a cidade debe unha grande homenaxe), é outra das actividades organizadas pola Fundación Illa de San Simón, que nesta xeira dirixida por Xabier Alonso González está impulsando con determinación e intelixencia a recuperación (por fin, xaora!) destas illas da memoria para usos cívicos, educativos, culturais e de investigación, o que constitúe, sen dúbida, un feito que merece ser destacado.

Alén dos efectos euforizantes destas travesías, no caso noso incrementados o sábado pola nortada e pola experiencia de navegar por vez primeira baixo a ponte de Rande, o centenar de excursionistas (xuraría que case todos vigueses e a maior parte maiores) afanámonos en diagnosticar dende a ría o estado da beleza desta cidade disposta en anfiteatro. Esa actitude desprexuízada e curiosa de converterse en viaxeiros na propia cidade, achega a capacidade de sorprenderse, indignarse ou entusiasmarse pola fasquía que o tempo vai debuxando no noso skyline do que tantas razóns temos para fachendear. Sorpresa produce a marcha veloz dalgunhas obras portuarias, como a ampliación das plataformas dos norais do porto de trasatlánticos ou as dos antigos tinglados da froita na súa transformación en espazos de uso público. Indignación provocan as dimensións das naves de Punta Lagoa e a utilización industrial de novos espazos da beiramar máis alá da Ponte de Rande, xa na enseada das illas, que deberían ser conservados como espazos de uso público. Con todo, máis alá do crecemento desestruturado aquí e acolá de instalacións portuarias, a emoción que mellor contaxia o fondo da ría ao viaxeiro é o entusiasmo, sexa polos ronseis debuxados polo bulir das numerosas embarcacións deportivas, fose polos camiños que proxectan as bateas ou pola recuperación de espazos en terra como o parque da Etea ou o paseo da Guía. A cidade dende a ría continúa sendo un formidable espectáculo e motivo de fachenda (e autoestima) colectiva.

Semella que a nosa ría provocou idéntica emoción de entusiasmo no xornal "The Guardian" que declarou a praia de Rodas en Cíes como a mellor do mundo ou en Soichi Noguchi, o astronauta xaponés da Estación Espacial Internacional que no pasado mes de marzo difundiu a imaxe da ría de Mendiño e Martín Codax por Twitter obtendo un enorme éxito entre os milleiros de seguidores das fotografías que publicaba a trescentos cincuenta kilómetros de altura dos lugares considerados polo nipón como máis fermosos do planeta. Na fotografía de Noguchi, que pasará a historia da cidade nosa, poden distinguirse con moita claridade dende a invasión que as instalacións portuarias provocan no perfil da marxe da ría, pasando pola ponte de Rande, até as naves da fábrica de Citroën (co seu enorme tellado branco), síntese do que hoxe é a nosa cidade, unha abella da ribeira que durante as últimas cinco décadas foi tecendo a súa entena sobre o Val do Fragoso para transformarse, tamén, nunha das primeiras cidades do automóbil do mundo. Esta ría que tanto impresionou a Noguchi (a quen a Tenencia de Alcaldía pretende homenaxear como fillo adoptivo da cidade) é o patrimonio primeiro que a humanidade deixou ao noso coidado, razón pola que máis alá da satisfacción e fachenda que nos poida producir a proxección internacional que vimos recibindo por estes acontecementos mediáticos puntuais ou polos milleiros de cruceristas que nos visitan, obriga a conservala e protexela por riba de calquera outro interese.

A candidatura da Universidade de Vigo na convocatoria de Campus Internacional de Excelencia co seu proxecto de carácter integrador do Campus do Mar intégrase como anel neste proxecto colectivo e integrador que a protección da ría de Mendiño e Noguchi precisan. A ría de Vigo, e por extensión o resto das rías baixas e os case 1.500 quilómetros da costa de noso, serían o foco dun ecosistema de coñecemento mariño que xeraría este novo campus, onde a docencia, a investigación e a súa transferencia sobre as actividades económicas e culturais vencelladas co mar serían ámbitos prioritarios. O Campus do Mar sería un xeito de celebrar a pervivencia milenaria das palabras de Mendiño e a imaxe de Noguchi sobre a nosa ría.

bretemas@gmail.com