Galicia e o mar veñen da man desde o comezo dos tempos. As cidades atlánticas emerxen como as metrópoles que atraen, ademais de comercio, coñecemento que universaliza as culturas e aos homes e mulleres que as comparten. O mar, por tanto, elixiunos. Unha elección que nos vén dada. Nacemos a súa beira e desde o berce escoitamos o seu son e as historias que del proceden.

O proxecto de Campus de Excelencia Internacional, Campus do Mar, liderado pola Universidade de Vigo e no que participan as universidades de Santiago de Compostela e A Coruña, o Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), as universidades veciñas do Norte de Portugal, así como centros e plataformas tecnolóxicas pertencentes a diferentes organizacións, é quen de integralos a todos nunha tarefa común: a procura da excelencia como motor para o desenvolvemento do territorio, do país.

Cando me preguntan que é o Campus do Mar acódenme argumentos diferentes que inciden en aspectos que apuntan para que a comisión de expertos internacionais aos que lle presentaremos o proxecto o vindeiro 19 de outubro en Madrid nos conceda o que lle solicitamos con toda ilusión. Pero por outra banda, persiste a idea de que o Campus de Excelencia Internacional, Campus do Mar é un proxecto natural de Galicia e, por ende, quen o debe liderar é Vigo por motivos que van ligados a unha Universidade que ten o mar presente constantemente no seu ADN.

Galicia é unha gran potencia mariña pero precisa enfrontar novos retos que, como o Campus do Mar formula, aglutinen o capital humano, tecnolóxico, académico e científico que temos e que fomos quen de acadar logo de séculos de intensa relación co mar. Un novo horizonte cara ao que debemos encamiñarnos con paso firme e acompañados, nun claro exemplo de cooperación intelixente, dun socio natural como é o Norte de Portugal. Non me cabe dúbida de que esta "ousadía transfronteiriza" que formulamos tamén será tida en conta.

Deseñamos unha organización que se converterá na máis grande agrupación de investigación mariña de España e unha das maiores de Europa. No Campus do Mar traballarán máis de 3.000 investigadores e tecnólogos procedentes de 23 institucións, con 1350 doutores que abarcarán todos os ámbitos do coñecemento relacionados co mar. Trátase dunha agregación de I+D de excelencia que suma 10.600 traballos publicados, 582 teses de doutoramento presentadas e mais de 275 millóns de euros en contratos de investigación nos últimos cinco anos.

O Campus do Mar desenvolverá a súa investigación ao redor de catro clústers de investigación: observación do océano e cambio global; uso sostible de recursos mariños; xestión integral da zona costeira e competitividade: progreso tecnolóxico e xestión empresarial. A súa vez identifica tres novas liñas emerxentes de investigación mariña do século XXI: análise e modernización de sistemas complexos; tecnoloxías ómicas que nos permitirán capacidades produtivas de todo tipo de sucesos aplicadas ao medio mariño que nos achegarán á vangarda da bioloxía molecular, e enerxía de orixe mariña.

Excelencia investigadora e transferencia; excelencia docente e internacionalización, así como mellora da calidade de vida nos campus, son as tres grandes áreas en torno ás que se organiza o Campus de Excelencia Internacional do Mar. Promove ademais a integración urbanística, paisaxística e ambiental da ETEA, permitindo recuperar edificios emblemáticos e con identidade propia da cidade de Vigo para convertelos en singulares, cuxa función será a de actuar como membranas, onde se construirá coñecemento en simbiose e sintonía permanente con todos os axentes da contorna, internacionalizando dun xeito pleno o concepto de Open Innovation.

A docencia de excelencia. Velaí o obxectivo central do Campus do Mar. Sobre este alicerce construirase unha Escola Internacional de Posgrao, Doutorado e Formación Continua que aspira a converterse nun referente europeo na formación en ciencia e tecnoloxía mariña, tanto na súa vertente investigadora como profesional. O Campus do Mar márcase como obxectivo que no 2015 cando menos o 30 por cento do seu alumnado proveña de países distintos a España e Portugal e que este se integre no Campus a través dun ambicioso programa de acollida de estudantes.

Somos unha institución pública e o noso carácter de servizo á sociedade na que nos inserimos corre polas veas deste proxecto co que tamén aspiramos a devolver ao mar, cando menos, unha pequena parte do que nos ten regalado ao longo de séculos .

Este xoves en Vigo presentaremos á sociedade galega o proxecto elaborado. Os tres reitores do Sistema Universitario Galego, xunto co presidente do CSIC e os representantes das universidades do Norte de Portugal, o alcalde de Vigo e o presidente da Xunta, así como representantes de toda a comunidade universitaria e da sociedade en xeral, escenificaremos o apoio ao proxecto co envío da documentación ao Ministerio de Educación. En outubro tocará defendelo alí. Imos persuadidos de que o mar xa nos elixiu, o que significa que o futuro que nos agarda só pode ser o do compromiso co Campus. Xogámonos a velocidade na execución. E isto, para os tempos que corren, é moito. Non contemplamos, en ningunha circunstancia o abandono do proxecto, sexa cal sexa o resultado. Galicia e Vigo xa nos deron o alento necesario para tirar cara adiante. Agora só necesitamos a aprobación final que nos permita desenvolver con toda a ilusión un futuro prometedor que permita que as novas xeracións de galegos e galegas sigan a ser competitivas, excelentes e vangardistas. Desde esta Universidade xa estamos a construír o futuro de aquí a 25 anos co Campus de Excelencia Internacional, Campus do Mar. Somos quen de enfrontarnos aos retos que se nos presenten co coñecemento que atesouramos.

Vigo e Galicia necesitan o Campus do Mar.