Hai tres semanas morreu Alejandro Febrero Lorenzo, unha das glorias do deporte galego do século XX. A noticia do pasamento aos oitenta e catro anos do que foi o primeiro nadador olímpico galego (Londres 1948) sei que petou moi fondo a milleiros de vigueses que coñecían e querían a este deportista en estado puro.

Non podo ser obxectivo con Febrero. Na miña casa foi (e continúa sendo) unha lenda que provoca decontado o entusiasmo. Sei que se debe a que durante uns anos Alejandro viviu en Mantelas na casa dos meus avós, xusto cando chegou a Vigo procedente de La Fuente de San Esteban, en Salamanca, onde se mudara o seu pai ferroviario socialista tras a folga de 1934. O meu avó Beleiro educounos na admiración ao seu amigo Febrero, que durante a nosa infancia traballaba xa como mergullador do porto: "o primeiro que foi ás olimpiadas", "o primeiro home que cruzou a ría a nado", unha fazaña na que moito cismei de pequerrecho na balconada do Paseo de Afonso, a carón dos anxelotes de Nogueira, valorando unha distancia que me parecía enorme para os que apenas eramos capaces de dar unhas poucas brazadas na praia da fonte. Febrero foi o primeiro heroe da miña infancia, o seu físico de home callado imitaba ao de Johnny Weissmuller, o protagonista das películas de Tarzán que soubemos (moito máis tarde) tanto lle impactaran a Alejandro e o levaran a querer ser nadador, algo infrecuente naqueles díficiles corenta, máis difíciles aínda para as familias (como a súa) da "cáscara amarga". O meu avó Beleiro fachendeaba, meu pobre, que lle ensinara a Febrero os segredos dos oficios de ebanista e vernizador, que permitiran ao olímpico facer coas súas propias mans o seu propio dormitorio. Eis outra proeza do afouto nadador artesán.

Nacido en Madrid o 25 de febreiro de 1925, o vigués Alejandro Febrero incorporouse como nadador ao Club Marítimo (de tradición asociativa inequivocamente republicana) en 1944. Nese seu primeiro ano participou nos campionatos galegos na proba de 1500 metros, na que obtivo un tempo de 25,33,08", comezando dende aí, nesa proba longa, a que el sempre máis lle prestaría, unha progresión enorme. En 1945, xa tras a integración do Marítimo no Club Náutico, mellorou o seu rexistro en máis de dous minutos (23,01´,09"), progresión que continuaría en 1946 recurtando outro medio minuto (22,25´,04"), marcas que situaban a Febrero á cabeza dos nadadores galegos. En 1947 participou por primeira vez nos campionatos de España de Las Palmas, onde obtivo a segunda praza nas probas de 400 metros estilo crol (libre) e de 1500 metros, realizando unha das mellores marcas da súa traxectoria (21,12´,07"), o que provocou que Febrero fose seleccionado para participar nos Xogos Olímpicos de Londres de 1948, os primeiros que se celebraban despois da Segunda Guerra Mundial.

A participación de Alejandro Febrero en Londres 48 forma parte desas páxinas da historia olimpismo galego. O seu palmarés merece ser lembrado: quinto clasificado na primeira eliminatoria de 400 metros; cuarto clasificado na terceira eliminatoria de 1500 metros, cunha marca próxima ao seu mellor rexistro (21,15´,27"), que o situaron na vixésimo sétima posición entre trinta e nove nadadores. Tras a súa participación olímpica, en 1950 comezou o seu declive competitivo, iniciando a súa tarefa como profesor de natación e waterpolo do Náutico, club ao que continuaría vencellado ao longo da súa vida toda, converténdose nun referente humano e deportivo para varias xeracións de vigueses e viguesas, lembrado no Trofeo de Nadal que o club acordou levase o seu nome.

A proeza olímpica de Febrero ten aínda máis mérito polas condicións precarias nas que se desenvolveu. Daquela non existían centros de alto rendemento, nin os privilexios e bolsas actuais para estes deportistas de elite. A xeración de nadadores e waterpolistas vigueses de Febrero (formada por unha longa relación de deportistas natos como Carmelo, José Carlos Mumary, Melito, Chicho, Reboreda, Fraga, Rodrigo…) nin sequera dispoñían dunha piscina (a primeira foi a do Náutico, inaugurada en 1967). Adestraban en verán ou inverno (coa auga xeada) na praia ou na dársena deportiva das avenidas, onde se dispoñían boias cada 33 metros nas que se realizaban tamén as competicións (daquela en Galicia existía só a piscina deportiva da Solana na Coruña), que o público contemplaba dende aquela fermosa verxa de forxado, que non desapareceu da nosa memoria.

A figura de Alejandro Febrero debe ser revificada entre os novos deportistas vigueses. O seu exemplo de esforzo, tesón, afouteza, compromiso coa ría e coa nosa cidade de sal non poden perderse. A corporación debía valoralo e darlle o seu nome a un dos treitos do paseo das Avenidas, quizais como "Dársena Alejandro Febrero".