O 95,4% dos mozos e mozas galegos empregan decote o ordenador. Unha elevadísima porcentaxe da primeira xeración galega de nativos dixitais, por riba da media estatal, que, porén, segundo o plan do Goberno galego para o desenvolvemento das TIC e da Sociedade do Coñecemento (“2014.gal. Axenda Dixital de Galicia”), publicado hai uns días, non pode agochar as carencias existentes no noso país no que atinxe tanto a instalacións e equipamentos como ao uso das Tecnoloxías da Información e Comunicación.

Como sucede con outras infraestruturas básicas, Galicia non pechou, aínda, a súa fenda dixital, esa liña que divide as sociedades entre as persoas que utilizan estas tecnoloxías e aqueloutras que non teñen acceso a elas ou non saben como empregalas. As Nacións Unidas, como a propia Unión Europea (“Estratexia Europa 2020”), como o Goberno de España (Plan Avanza 2, aprobado esta pasada semana no Consello de Ministros), teñen salientado que a utilización das TIC no novo milenio facilita o crecemento económico, a igualdade, o desenvolvemento sustentable e a calidade de vida. Pechar as fendas dixitais existentes no planeta (entre os países do Norte e do Sur) ou no seo de cada unha das nosas sociedades (entre o mundo rural e urbano, ou entre determinados sectores sociais ou xeracionais) constitúe hoxe un obxectivo político ineludible para calquera goberno que pretenda asegurar a igualdade de oportunidades e o benestar para toda a súa cidadanía.

O informe “2014.gal”, que citabamos con anterioridade, mellor ca ningún outro, expresa a magnitude desta fenda dixital que arrastramos e que pexa e condiciona o desenvolvemento e competitividade da economía galega. Velaí unha serie de indicadores que sitúan aos nosos fogares en porcentaxes sempre moi afastadas das da media española: o uso de Internet en Galicia (49,8%) sitúase dez puntos por baixo; a porcentaxe de fogares con ordenador (58,5%) é cinco puntos inferior e aqueles que dispoñen de acceso a internet de banda larga (38,3%) quedan trece puntos (51,3%) por baixo da media española. Outrosí sucede coas nosas pequenas empresas (aquelas de menos de dez traballadores) cunha porcentaxe inferior de conexión a Internet e un emprego moi baixo do comercio electrónico.

Con todo, no caso galego son as carencias dramáticas de conectividade, a pesar das melloras acadadas no último lustro, as que máis están impedindo suturar esta fenda dixital. Outra volta os datos do informe “2014.gal”, neste caso sobre o acceso á banda larga, son contundentes: carecen deste servizo o 30% da poboación galega (o 40% nas provincias de Lugo e Ourense), o 30% dos centros sanitarios, o 25% dos centros educativos, o 53% das casas dos concellos (mesmo hai un 15% de concellos sen páxina web), o 18% das bibliotecas públicas, o 10% dos xulgados de paz, o 64% das explotacións gandeiras, o 51% das casas rurais, o 16% das empresas... Porcentaxes que amosan unha preocupante desvertebración territorial en Galicia no acceso aos servizos de telecomunicacións, mesmo agravada no sector das administracións públicas, obrigadas a ofrecer con carácter universal os seus servizos empregando estas tecnoloxías.

Pechar esta fenda dixital debe ser unha prioridade para todas as administracións públicas, obrigadas a coordinar as súas “axendas dixitais”, singularmente o “Plan Avanza 2” do Goberno de España e a “Axenda Dixital de Galicia” do Goberno galego, en liña coas prioridades da “Axenda Dixital Europea”. Ambas as dúas axendas comparten idéntica estratexia de considerar as tecnoloxías dixitais como ferramentas para saír da crise e modificar o modelo cara unha economía sostible e asumen idénticos obxectivos: aumentar o acceso a banda larga para toda a cidadanía, dixitalizar as administracións públicas e incrementar o peso tecnolóxico na economía.

Máis alá dos listados de boas intencións que adoitan presentar todos estes documentos estratéxicos, no caso da “Axenda Dixital de Galicia” son significativos os seus compromisos para reducir drásticamente a fenda dixital: contar con “2 megas para todos” en 2013 (converxendo así co establecido na “Axenda Dixital Europea” sobre universalización da banda larga); acceder por Internet a todos expedientes da Administración galega en en 2014 (nun modelo global de e-administración, na que a Xunta de Galicia colaboraría coas administracións locais e de Xustiza); contar para Galicia cunha identidade dixital de seu destinada a preservar e divulgar a súa identidade cultural, patrimonial, lingüística e social; desenvolver un hipersector empresarial das TIC con especial atención á produción de contidos dixitais; impulsar a alfabetización dixital de toda a poboación; apostar polo software libre e de código de fontes abertas…

bretemas@gmail.com