O anuncio da sentenza do Tribunal Constitucional sobre o Estatut de Cataluña obrigará, máis cedo ca tarde, a abrir o debate sobre as posibilidade de reforma do Estatuto de Galicia. Unha sentenza que asumindo posicións neocentralistas sinala un límite para as aspiracións nacionalistas de construír un estado plurinacional, o que terá consecuencias políticas imprevisibles en Cataluña, mais que tamén suporá un modelo de recurte tanto para o resto das reformas estatutarias pendentes (como é o caso da galega) como para as xa aprobadas (como a andaluza ou valenciana).

A pesar do contexto de duro enfrontamento coa oposición ao longo deste triste primeiro ano da súa lexislatura, a presidencia da Xunta ten a obriga institucional de reabrir o proceso de reforma estatutaria que Núñez Feijóo como líder da oposición embarrancara in extremis o 17 de xaneiro de 2007, a pesar de que os tres voceiros dos grupos parlamentarios pechasen con anterioridade un acordo da ponencia. Como sinalou Pachi Vázquez, responsable hoxe dos socialistas galegos, tras a sentenza do Constitucional, ao que acudiu o Partido Popular na súa estratexia neocentralista de recurtar o autogoberno catalán e mesmo de expulsar aos catalanistas do consenso constitucional, abriríase paradoxicamente a xanela que permitiría recuperar en Galicia o consenso nos termos xa acordados en xaneiro 2007.

Os dous desacordos principais da fallida reforma estatutaria galega estarían clarificados tras a sentenza do Estatut, tanto o que atinxe á definición de "nación" no preámbulo (sen consecuencias xurídicas) como o do "deber" de coñecemento do galego que non presenta problemas de interpretación insalvables. Abriríase, así a posibilidade dunha reforma estatutaria para a Galicia pola vía rápida baseada no texto consensuado pola ponencia en 2006, asumindo sen complexos o teito competencial consolidado no Estatut recurtado polo Constitucional. Galicia recuperaría, asumindo esta posición, canto menos o estatuto que sempre lle correspondeu.

A responsabilidade de abrir o vieiro para chegar a estes acordos correspóndelle á Presidencia da Xunta. E para escenificalo Feijóo apenas tería que admitir un seu trasacordo –figura propia da identidade antropolóxica xenuinamente galega– sobre o posicionamento que o seu partido mantivo no último ano e medio sobre as dúas cuestións de fondo que suscitan maior controversia, a orientación da política lingüística e a definición de Galicia como nación. Sobre a primeira, referida as políticas dirixidas a reducir a presenza social e educativa do galego, hai xa datos demoscópicos abondos que demostran que constitúen un erro de vulto que divide á sociedade galega, conducen á extinción do galego e, por se non abondase o disparate, non asegurarán nin a Corina Porro nin a Carlos Negreira a maioría para acadar as alcaldías de Vigo e da Coruña. Sobre a segunda, sen dúbida máis complexa, non habería dificultades para que Feijóo recorrese a presenza do termo "nación" na nosa tradición literaria e política dende o século XIX, sexa no propio texto do himno galego ou nas intervencións dos membros das Irmandades da Fala ou do propio Daniel Castelao. No obstante, tanto para unha cuestión como para a outra, o Partido Popular de Galicia deberá decidir se opta pola estratexia neocentralizadora do Estado que esta semana defendía sen paliativos José María Aznar na apertura dos cursos de verán de FAES, alicerce tamén das políticas lingüísticas do nacionalismo español baseadas no mito da "lingua común", ou asume un marco máis flexible como os seus compañeiros de partido que no aprobado novo Estatuto de Andalucía de 2007 admitiron referencias no preámbulo "a realidade nacional andaluza", citando o Manifesto andalucista asinado en Córdoba en 1919.

A estas alturas, xa non é crible que Feijóo para explicar as importantes dificultades económicas que padece o noso país reitere a súa indignación diante das políticas autonómica e económica de Zapatero ou critique agremente aos partidos e cidadáns que defenden as políticas consensuadas arredor da promoción da lingua galega. A presidencia da Xunta non pode desaproveitar as posibilidades que para saír da crise e mellorar a convivencia supoñería a aprobación dun novo Estatuto que aumentaría o noso teito competencial e as capacidades financeiras e de autogoberno para Galicia. O acordo estatutario é unha cuestión estritamente de vontade política, á que Feijóo por moito que pretenda resistirse deberá dar unha resposta despois do verán. O líder do PPdeG deberá escoller entre a posibilidade de recuperar o consenso acadado en 2006, baseado nas razóns de Galicia e no acordo entre os tres grupos, ou asumir as posicións neocentralizadoras máis duras do seu partido, onde nun futuro máis ou menos próximo el podería ter unha participación destacada, máis aínda cando os ventos das próximas Xerais puidesen ser propicios para Mariano Rajoy.

bretemas@gmail.com