A noticia é triste: dende hai pouco máis dun mes o Panteón dos Galegos Ilustres está pechado ao público. Situado na capela lateral esquerda do convento de san Domingos de Bonaval, alí repousan dende 1891 os restos de Rosalía de Castro nun sepulcro encargado por emigrantes galegos residentes en Cuba e alí foron depositados, ao longo de máis dun século, os doutras cinco personalidades de noso: os do político rexionalista Alfredo Brañas en 1900, os do poeta Ramón Cabanillas en 1967, os do cartógrafo Domingo Fontán en 1988, os do escultor Francisco Asorey inhumado alí en 1961 e os do polígrafo e político nacionalista Daniel Castelao trasladados en 1984. Da noite para a mañán pechouse o acceso público dende o Museo do Pobo Galego dun espazo emblemático para a memoria do galeguismo civil, respectado por todos como símbolo da achega da galeguidade ao patrimonio da humanidade.

Tras un longo litixio xurídico entre o concello e o arcebispado de Santiago sobre a propiedade da pequena basílica de Bonaval, á que se accedía dende o claustro do Museo do Pobo Galego, unha recente sentenza do Tribunal Supremo adxudícalle á Igrexa católica a propiedade dunhas instalacións que dende hai cincuenta anos viñan sendo xestionadas polo patrimonio municipal compostelán. Máis alá da enorme estrañeza que produce o contido desta insólita sentenza, que revirte a titularidade duns bens expropiados no século XIX, produce auténtica alarma que o acceso ao Panteón permaneza pechado dende que o concello entregou por orde xudicial as chaves á Igrexa católica, tanto polo seu carácter simbólico como polo feito de que ao longo das tres últimas décadas foran as entidades públicas (concello, Xunta e Ministerio de Cultura) as que se fixesen cargo das obras de rehabilitación e mantemento deste Ben de Interese Cutural.

Non teño dúbidas sobre o carácter estritamente civil deste Panteón da Galeguidade (unha denominación máis acaída para unha sociedade na procura da igualdade) nin tampouco que a súa lexítima propiedade corresponde a todos os galegos e galegas; razóns polas que non abonda que a Xunta de Galicia acade un acordo co Arcebispado para permitir a súa inmediata apertura ao público. O Panteón da Galeguidade é patrimonio de Galicia e como tal debe quedar asegurado no futuro. Máis aínda, tal como dende hai tempo ven propoñendo Xosé Ramón Barreiro Fernández (homenaxeado onte en Trasalba pola Fundación Otero Pedrayo polo seu labor teimoso na defensa da cultura galega, parabéns!), o Panteón de Bonaval debera ser recoñecido como outro dos símbolos de Galicia (como a lingua, o himno, a bandeira e o escudo). Acadar esta nova consideración institucional, iniciativa que contaría co consenso parlamentario e social, obrigaría a que fose a Xunta de Galicia a que asumise a súa titularidade, xestión, dirección e mantemento dunha institución netamente aconfesional e aberta a toda a cidadanía. Un novo marco xurídico que aconsellaría que alí estivesen representadas simbolicamente (non é necesario que fosen alí trasladados restos mortais) moitas outras figuras que traballaron por Galicia, dende trobadores como Martín Codax ou Mendinho, pasando polas figuras da Ilustración como Feixóo ou Frei Martín Sarmiento ou dos nosos precursores como Manuel Murguía, a outros escritores, pintores, músicos, historiadores, artistas, investigadores ou científicos de noso que co seu traballo contribuíron dende Galicia ao desenvolvemento da humanidade.

O Panteón da Galeguidade, até agora, constituíu un respectuoso punto de encontro da civilidade galega. Superado este lamentable episodio do seu peche por parte da Igrexa católica, no futuro deberá seguir o ronsel da memoria aberto polas ideas dos nosos Precursores, actualizadas agora como un espazo tanto físico como virtual no que amosar de forma didáctica e atractiva a continuidade da pulsión dos galegos e galegas na súa contribución á causa da humanidade. Lonxe de calquera intención chauvinista ou de exaltación saudosa do pasado, este Panteón da Galeguidade debera ser refundado coa intencionalidade de constituírse nunha das iconas da Galicia do novo século, un país europeo que conta cunha cultura milenaria e que teima no seu compromiso de non desistir en ofrecela ás novas xeracións para que elas a volvan a actualizar.

Nese esforzo de orgullosa continuidade da nosa cultura enmárcase o cortexo cívico que o vindeiro 15 de xullo celebrará a Asociación de Escritores en Lingua Galega para conmemorar o traslado dos restos mortais de Rosalía de Castro, realizado o 25 de maio de 1891 dende o cemiterio de Adina até o Panteón de Bonaval. Ese percorrido de Padrón a Compostela amosa un vieiro posible de actualización do Panteón da Galeguidade para o que esiximos a súa apertura inmediata.

bretemas@gmail.com