No serán do pasado sábado celebráronse dúas importantes cerimonias literarias: no auditorio de Cangas de Morrazo, a lectura do discurso de ingreso como membro numerario na Real Academia Galega de Bernardino Graña; na illa de San Simón, a entrega da XXVIIª edición dos Premios Xerais. Máis alá dos efluvios de complicidade existente entre os dous actos, salientados por Méndez Ferrín, presidente da Academia; endebén en que ambos os dous espazos, ancorados na memoria de sete séculos, arrecendese a salitre e tenrura, sobre o berce da ría de Vigo púxose de manifesto o feito da continuidade na renovación da literatura galega e o da coexistencia de diversas xeracións empurrando no proxecto común da independencia desta República das Letras.

Preto do Santuario de San Mamede da parroquia de Beluso, no berce de Johán de Cangas, Bernardino Graña, un dos máis destacados poetas e narradores da literatura galega da segunda metade do século XX, dedicou o seu discurso a afondar nas relacións entre os contos populares e Rosalía de Castro, procurando o xenoma da literatura de noso no celme agarimeiro das palabras familiares e da ficción xerada ao pé do lume polas xeracións humildes, labregas, mariñeiras e obreiras que nos precederon. O poeta do amar -como foi definido por Ramón Lorenzo, o académico que lle respondeu en nome da institución- representa o esforzo dunha xeración, a do grupo de intelectuais de Brais Pinto, que durante xa máis de cinco décadas de actividade levan termando do proxecto de dotar ao país dunha literatura nacional de calidade en diálogo co seu tempo e cunha tradición literaria que sabían milenaria.

No fondo da día, na illa de San Simón, cercadas polas ondas que cantou Mendinho, dúas escritoras anunciaban un tempo novo para as nosas letras: a grovense Teresa González Costa, gañadora do Premio Merlín pola novela “A filla do ladrón de bicicletas” e a viguesa Iolanda Zúñiga, gañadora do Premio Xerais de novela con “Periferia”. Dúas escritoras nacidas en 1975, cando xa Bernardino publicara os seus dous libros máis emblemáticos, o poemario “Profecía de mar” (1966) e o seu inesquecible libro de relatos “Fins do mundo” (1974), que amosaron coa tenrura potente das súas intervencións que a literatura galega enxerga un novo horizonte, no que sen dúbida sen producirán rupturas e variacións na expresión da arte literaria, mais na que continuará ese proxecto histórico, iniciado polos Precursores, de desenvolver unha literatura nacional na nosa lingua. As palabras potentes, fermosas, comprometidas, emotivas pronunciadas por Iolanda Zúñiga en San Simón estremeceron ás trescentas persoas que as escoitamos tanto polo seu carácter de epifanía, con elas agromaba un tempo novo, mais tamén polo que supoñían de continuidade co proxecto centenario actualizado por cada xeración de galeguistas.

Acredito que se está producindo unha profunda renovación xeracional na literatura galega nos últimos anos. Abonda con ler as páxinas dos xornais para comprobar que hai unha xeración de escritoras e escritores menores de 40 anos, formada xa con noticias escolares sobre a nosa lingua, que comeza a petar moi forte. Repasemos a nómina dos gañadores dos premios literarios de todos os xéneros e a presenza de persoas desta xeración -tan maltratada no eido do emprego (moitos dos seus membros teñen empregos moi precarios, outros inventan as súas vidas na emigración, fóra do país)- é recorrente. Esta mesma semana, Eva Moreda, outra escritora desta xeración, gañou o Premio Terra de Melide con “A Veiga é un tempo distinto”, unha novela sobre a emigración galega nos setenta en Londres, cidade onde reside.

Ademais, felizmente vivimos, tamén, na primeira década das narradoras galegas. Teresa Moure, María Reimóndez, Rosa Aneiros, Anxos Sumai, Inma López Silva, Maite Zúñiga, Eva Moreda, Andrea Maceiras, Begoña Paz, Chelo Suárez, Begoña Camaño… son algúns nomes da cada cada vez máis extensa nómina de narradoras que comezaron a publicar en galego na última década e que empezan a ser traducidas a outras linguas e seguidas por un público cada vez máis numeroso. Un feito que enche de fachenda as nosas narradoras pioneiras, como María Xosé Queizán, Xohana Torres, Marilar Aleixandre, Margarita Ledo, Carme Blanco ou Fina Casalderrey que tanto levan feito para acadar a igualdade, tamén, na República das Letras Galegas.

A renovación e feminización da literatura galega é un feito a celebrar. Abre posibilidades para ampliar públicos, para vencer prexuízos e, o que é máis importante, para enxergar un futuro moi esperanzador para a presenza e o prestixio da nosa lingua. A continuidade do proxecto colectivo da cultura galega, a pesar dos esforzos dunha minoría extremista da sociedade galega que pretende negala, está asegurado.

bretemas@gmail.com