Os anuncios dos nomeamentos de Corina Porro e de Santiago Domínguez como candidatos á alcaldía de Vigo, así como a segura continuidade de Abel Caballero, abren unha campaña electoral de dez meses. Os partidos preferiron en tempos de crise económica e política profundas aguantar o trebón e non facer mudanza ningunha nos responsables da súa cabezalla. Recuncan Porro, Caballero e Domínguez catro anos despois, un tempo no que se normalizou o funcionamento do concello –unha das bazas da xestión do goberno de coalición de socialistas e nacionalistas–, mais nos que de novo se adiaron os grandes retos estratéxicos da cidade metropolitana. Non hai novidades no cartel para un debate personalista entre vellos coñecidos que sexa cal sexa o resultado electoral augura poucas, moi poucas sorpresas capaces de provocar unha mudanza en profundidade para a cidade.

A estas alturas, no cuarto ano de mandato do actual Goberno Municipal de socialistas e nacionalistas, o balance xeral semella positivo. A pesar da diferenciación formal introducida entre as responsabilidades dos equipos de Alcaldía e Tenencia da Alcaldía, as relacións entre os coaligados ao longo de todo o período sempre se presentaron como froitos da colaboración e da lealtade, amosando un exercicio de madurez e responsabilidade do que os seus partidos careceron en experiencias anteriores. A aprobación do complexo Plan Xeral de Ordenación Municipal en 2008 e a decidida posta en marcha do PEPRI, aprobado no mandato anterior de Porro cos votos de populares e nacionalistas, incrementando o ritmo de recuperación sobre o Casco Vello e o casco histórico de Bouzas son dous dos froitos máis logrados desta colaboración. Outrosí sucedeu coa construción, por fin!, do Auditorio de Beiramar, que a Alcaldía pretende inaugurar antes das eleccións, así como coa prolongación das humanizacións das rúas a todos os barrios, máis alá dos límites do centro, ao abeiro do agora tan vilipendidado "Plan E", outros dous éxitos dificilmente discutibles do goberno presidido por Abel Caballero.

Porén, ao longo deste mandato continuaron nun camiño sen saída algunhas das cuestións principais para o futuro de Vigo. O fracaso da posta en marcha da Área Metropolitana de Vigo, tanto tivo que o Goberno Galego fora presididos por Touriño como agora por Feijóo, como a incapacidade para normalizar as relacións do Concello coa Autoridade Portuaria, que é tanto como dicir a definitiva reconciliación da cidade co seu porto, son os dous maiores fracasos políticos deste período. Dúas cuestións claves, fulcrais para adoptar un posicionamento estratéxico competitivo de Vigo no marco da fachada de cidades atlánticas europeas, a nosa auténtica "premier league", onde se debería enxergar o noso futuro. As deprimentes leas –unhas veces por cuestións estritamente protocolarias, outras por cuestións políticas, competenciais ou xurídicas– entre a Alcaldía e a Presidencia da Autoridade Portuaria (o lugar escollido pola candidata popular para facer a súa campaña, emulando a exitosa estratexia do actual alcalde) aborrecen á cidadanía viguesa, cansada desta carreira cara a ningures, onde cada un dos participantes semella máis interesado en varrer para a casa ca en chegar a un acordo.

Outra cuestión que, sen dúbida, vai afectar ao futuro debate electoral é a valoración que faga a cidadanía sobre o posicionamento adoptado por cada un dos candidatos no proceso de fusión das caixas. O feito indubidable de que o proceso de unión está sendo liderado por Caixanova, favorecerá, previsiblemente, aos responsables do Goberno Municipal, sobre todo a Abel Caballero, pese aos denodados esforzos que poidan facer os membros do PPdeG para capitalizalo politicamente, como puidemos comprobar en Vigo esta mesma semana nun acto organizado en territorio politicamente tan pouco neutral como o da Estación Marítima.

Neste contexto de política local e galega, os efectos da crise económica e das duras políticas de redución de déficit impostas a todas as administracións poden ser eses convidados non agardados que decanten un resultado electoral que en Vigo todas as enquisas debuxan axustadísimo. Equivocaríanse os candidatos tanto se pretenden agochar este efectos sobre a política municipal, cando sabemos que van contar con menos recursos e nula capacidade de endebedamento, como se pretenden transformar (como de feito xa está facendo a dirección do PP) esta convocatoria nunhas primarias das Xerais previstas para o ano seguinte. Incertidume á que habería que engadir a profunda mudanza que supoñería a aparición dunha cuarta candidatura con representación no concello de Vigo, algo que non debemos desbotar, un feito que desequilibraría o modelo actual de gobernanza. Agardemos.

bretemas@gmail.com