Viaxo moito por Galicia. Dende hai meses, coincidindo co difícil proceso de reconversión das nosas caixas de aforros, comecei a detectar nas miñas conversas con xente de diversa condición profesional e afinidade política unha preocupación común, cando non aberta decepción, sobre “o que está pasando en Vigo”. “Que queredes os de Vigo?”, pregúntanme. Outrosí sucede nas tertulias da Radio Galega nas que participo semanalmente ou na lectura de xornais editados fóra de Vigo onde é adoito atopar opinións moi críticas sobre o papel que neste momento está desempeñando Vigo dentro do noso país.

Máis alá dos intereses políticos que podemos identificar nestas opinións, en boa medida vencelladas ás posicións dos responsables da actual Xunta de Galicia, é indubidable, porén, que amosan a existencia dun sector da opinión pública galega que pon en cuestión o liderado da que foi “a cidade galega por excelencia do século XX”, ademais do motor económico e cultural primeiro da Galicia do último medio século. Máis alá do valor que cadaquén queira conceder a estas opinións e máis alá da solución que se adopte esta semana sobre a reconversión das caixas, no difícil entorno da Grande Recesión hai razóns obxectivas para estar preocupados sobre o papel que o Vigo metropolitano poida desempeñar no proxecto galego das dúas vindeiras décadas. Ou noutras palabras, o Vigo metropolitano precisa recompoñer o seu posicionamento estratéxico.

Un liderado que, xa adianto, na miña opinión dependerá tanto do comportamento dos tres grandes motores da nosa economía metropolitana (automoción, construción naval e actividade portuaria) como da capacidade política de artellar un novo modelo de administración territorial baseado na creación dunha área metropolitana que funcione como centro equilibrador desa eurorrexión Galicia e Norte de Portugal de sete millóns de habitantes (o 12% de toda a península ibérica).

Máis alá do devir da planta de Citroën (o corazón da economía viguesa e da capacidade exportadora galega) e das plantas de montaxe naval da ría, evitar as deslocalizacións no sectores dos compoñentes de automoción e das auxiliares do naval son retos primeiros de empresarios e traballadores vigueses destes dous sectores fulcrais para a economía industrial galega, sometidos ás presións de mercados de traballo con condicións salariais e sociais moi por baixo das que aquí se ofrecen.

Outrosí cómpre dicir sobre a actividade portuaria que deberá competir por liderar os portos da fachada atlántica europea, diversificando os seus tráficos e facendo máis competitivos todos os seus servizos. O do Berbés deberá continuar sendo o porto de todos os portos galegos dunha pesca sostible e responsable; o de mercadorías, a cabeceira dunha autoestrada do mar que nos una non só con Francia senón tamén con portos mediterráneos e americanos; o de pasaxeiros, o primeiro de entrada e saída de cruceiros para as Rías Baixas e esa inexplorada Galicia interior (Ribeira Sacra, románico ourensán…); o de ría, o nodo marítimo dun novo transporte metropolitano integrado que ademais facilita o acceso ás illas Cíes e á ría concibida como Patrimonio da Humanidade.

No obstante, a continuidade do liderado de Vigo non dependerá só de cuestións económicas, xa que require unha ollada política nova sobre o territorio e a súa administración. Velaí un reto para a clase política viguesa que, sen apenas excepcións, non soubo ou non quixo durante o actual período constitucional e autonómico proxectarse máis alá da ponte de Rande. Artellar unha área metropolitana eficaz e cun perímetro suficiente para xestionar servizos básicos é unha condición indispensable para máis tarde poder aspirar a funcionar como auténtico centro equilibrador desa nova Gallaecia do século XXI formada por Galicia e o Norte de Portugal. Vigo ten a responsabilidade de funcionar coma ponte económica e cultural entre ambas as dúas bandas do Miño, servindo de contrapeso á voluminosa área metropolitana de Porto e á rexión urbana da Coruña e Ferrol, das que nos separan na actualidade apenas unha hora e media de viaxe por autoestrada e un pouco menos cando funcione o tren atlántico de velocidade alta. Velaí unha oportunidade que non podemos nin debemos perder

Fronte ás acusacións de localismo reseso ou personalismo, froito coiuntural da crispación provocada polo proceso de reconversión das caixas, os políticos e forzas sociais vigueses teñen a responsabilidade colectiva de recuperar o seu liderado en Galicia sobre os alicerces do traballo constante e ben feito da cidade toda. Esas foron as únicas ferramentas que utilizou ao longo da súa historia bicentenaria este volcán de dinamismos que chamamos Vigo. Non deberiamos perder ese sinal de identidade como abella da ribeira.

bretemas@gmail.com