EN DIRECTO
farodevigo.es » Opinión
 Noticia anterior   Noticia siguiente 
Campo de Granada

As alarmas do caso Garzón

Manuel Bragado

 06:30  
Enviar
Imprimir
Aumentar el texto
Reducir el texto

O procesamento do xuíz Baltasar Garzón por presunta prevaricación, por terse declarado competente para investigar as desaparicións de milleiros de persoas durante a Guerra Civil e a Ditadura Franquista, está provocando perplexidade e desorientación entre a cidadanía española e a opinión pública internacional. Quen fora durante máis de dúas décadas, como xuíz da Audiencia Nacional (esa extraña xurisdición especial que substituíu a aqueloutro malfadado Tribunal de Orde Pública), batallador teimoso contra o crime organizado, a corrupción e o narcotráfico (promotor da operación "Nécora", que desarticulou a organización liderada por Laureano Oubiña, e da operación "Pitón", que supuxo a detención do clan dos Charlines), responsable de enviar á cadea a máis dun milleiros de etarras e da ilegalización de Batasuna, das investigacións sobre o GAL e das ordes de detención de Pinochet e do militar arxentino Cavallo será, previsiblemente, suspendido das súas funcións por mor das querelas presentadas contra el por Falange Española e o pseudosindicato Manos Limpias, dúas entidades ultradereitistas, legais a pesar de que nunca chegaron a condenar a violencia.
A causa de Garzón, instruída polo maxistrado Luciano Varela na Sala do Penal do Tribunal Supremo, está sendo duramente criticada por diversas asociacións de xuíces e fiscais, de defensa da memoria histórica e dereitos humanos, polos sindicatos de CC OO e UGT, por milleiros de cidadáns en Internet, así como por algúns medios influentes da prensa internacional de diversa orientación ideolóxica que consideran, como sinala Antonio Doñate, "incomprensible e inaudito que se acuse a Garzón de prevaricación cando non hai ningún signo de mala fe ou de dolo nas súas accións". Ao tempo que tamén son numerosos os medios conservadores que amosan sen disimulo ningún a súa satisfacción polo procesamento de quen instruíu parte dos graves delitos de corrupción política do "caso Gürtel" e de quen o exministro Álvarez Cascos considera que mantén "unha manifesta animadversión pública e proclamada contra o PP".
Querido e admirado por moitos, recriminado e atacado de forma explícita por outros, semella que neste seu procesamento polo Supremo se dirimen, alén de pesar posibles cuestións corporativas, dous xeitos de entender o traballo xudicial, o que representarían Varela e Garzón, situados desta volta como maxistrado e acusado na mesma causa. Esta cuestión técnico xurídica é unha das claves principais de tan polémico caso: "é posible cualificar de prevaricadora a unha das posicións que se utilizan no debate xurídico, como sucede na posibilidade ou non de xulgar os crimes da ditadura franquista?" Garzón defende, en base ao dereito internacional, unha doutrina xudicial baseada "na existencia fáctica dunha interpretación defendible do Ordenamento Xurídico que non faga inevitable a impunidade dos crimes contra a Humanidade"; mentres que Varela considera no seu auto que non sería legal mentres non se modifique a Lei de Amnistía de 1977. Eis unha cuestión que pode ter enorme importancia para o futuro: considerar que un xuíz prevarica porque outra instancia xudicial non comparte o seu criterio xurídico, a pesar de estar fundamentado e razoado, significaría impoñer límites penais á interpretación xudicial, o que comprometería gravemente o noso Estado de Dereito e a independencia xudicial.
Máis alá desta complexa cuestión procesal, produce enorme alarma no caso Garzón a indefensión na que poden quedar os dereitos das familias das vítimas dos crimes de lesa humanidade cometidos polo franquismo a raíz do golpe de estado de xullo de 1936 contra a legalidade constitucional republicana. As máis de 140.000 vítimas existentes no censo de desaparecidas do franquismo perdidas por camiños e cunetas reclaman verdade, xustiza e reparación. Máis alá de valoracións éticas ou políticas, para estes crimes as normas internacionais de dereitos humanos establecen que son imprescriptibles e non amnistiables, ademais de que entorpecer a súa investigación pode constituír un delito. Non hai dúbida de que debe ser labor dos xuíces proceder ao levantamento destes cadáveres enterrados de forma clandestina e esclarecer a causa desas mortes. Só deste xeito se restablecería a dignidade das vítimas, dos seus familiares e da sociedade española no seu conxunto. Estoutra dimensión tan dolorosa do caso Garzón pon en evidencia o carácter preconstitucional da Lei de Amnistía de 1977, que debera estar sometida aos valores superiores do noso ordenamento xurídico constitucional de xustiza e igualdade, así como as insuficiencias da Lei de Memoria Histórica do Goberno Zapatero que moi ben puido axudar a evitar esta lamentable situación actual.
bretemas@gmail.com

COMPARTIR
 
  HEMEROTECA
  Encuestas de actualidad
¿Considera que debe ampliarse la dotación judicial en Vigo para evitar los atascos de sentencias?
  Sí
  No
Votar »
 
RESULTADOS ACTUALES
91%
No 9%
   
¿Debe compensar el Concello al pequeño comercio afectado por las obras de humanización?
  Sí
  No
Votar »
 
RESULTADOS ACTUALES
50%
No 50%
 
Ver más encuestas »
  CONÓZCANOS:  CONTACTO |  FARO DE VIGO |  LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES |  CLUB FARO DE VIGO     PUBLICIDAD:  TARIFAS |  CONTRATAR  
farodevigo.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad 2009