CHAT
farodevigo.es » Opinión
 Noticia anterior   Noticia siguiente 
Campo de Granada

Internet de futuro

Manuel Bragado

 06:30  
Enviar
Imprimir
Aumentar el texto
Reducir el texto

Inmersos como estamos nos efectos máis duros dese furacán implacable da crise económica, é decepcionante que o primeiro antídoto que preparou o Goberno Zapatero para alivialos, a chamada “Lei de Economía Sostible” (LES), poida lembrarse no futuro como a da “Lei antidescargas”. Polo camiño do esquecemento quedarán as pretensións recollidas no texto de mudar o modelo produtivo da economía española, até agora baseado na construción de vivenda nova, por outro alternativo alicerzado na innovación e na rehabilitación de vivendas antigas. Outrosí sucederá coa liña de créditos de urxencia que se introduce para facilitar o financiamento directo das pymes hoxe asfixiadas pola redución do crédito bancario ou coa introdución de criterios de austeridade e redución drástica de consumo enerxético por parte das diversas administracións públicas. Medidas económicas de choque, concibidas todas elas para facer fronte a esta crise apabullante, entre as que os responsables de Moncloa coaron unha “disposición final primeira” que pretende legalizar o peche rápido daquelas páxinas webs, sobre todo as dedicadas ao intercambio de arquivos, consideradas por unha comisión administrativa dependente do Ministerio de Cultura como incompatibles coa actual lexislación de propiedade intelectual.
Esta iniciativa volveu incendiar a rede e a provocar unha importante mobilización entre aqueles internautas que consideran que esta “defensa da propiedade intelectual”, apupada polos intereses das sociedades de xestión de dereitos (moi especialmente a SGAE), se convertirá na gran excusa para censurar e controlar internet en España. Para eles as modificacións lexislativas que introduce esta “Lei Sinde” afectan ao libre exercicio das liberdades de expresión, información e acceso á cultura, dereitos fundamentais dos cidadáns que non se poden poñer por baixo dos de propiedade intelectual; insistindo, ademais, en que a suspensión destas liberdades, como as do acceso dos cidadáns a determinadas páxinas webs, só poder ser competencia do poder xudicial.
Nos termos nos que se establece este debate, que non é outro que o da regulación de Internet no noso país, a torpeza do Goberno Zapatero é clamorosa, tanto no que atinxe ás formas coma ao seu fondo. Nas formas porque é dunha inxenuidade inverosímil pretender coar pola porta pequena dunha disposición adicional (da que nada se fala sequera cando se presenta o texto da LES aos medios) unha cuestión que afecta a millóns e millóns de usuarios da rede. Estratexia mediática gobernamental só comprensible pola súa incapacidade para abrir en España un debate, que se está tendo en todo o mundo, sobre a liberdade de expresión e a neutralidade na rede, así como sobre a necesidade dunha nova Lei de Propiedade Intelectual acorde co novo modelo da comunicación cultural dixital. Unha estratexia política de Zapatero só comprensible polo seu curtopracismo dirixido a seguir contando co apupo entusiasta das sociedades de xestión de dereitos, mais que o afasta e moito das novas realidades sociais (e desas xeracións de nativos dixitais ás que prometeu non fallar) xermoladas na rede, onde se están xerando prácticas de innovación social que non poden ser minusvaloradas polo goberno socialista.
Para que Internet continúe sendo un espazo libre e neutral, un espazo educativo de acceso á información e ao coñecemento, ou simplemento un espazo interxeracional de lecer e acceso a produtos culturais dixitais, é imprescindible que funcione como un servizo público, cuxo regulamento debe ser froito dun gran debate social no que deben ser consultadas todas as partes implicadas. Como é necesario recoñecer lexislativamente que existe un novo paradigma de comunicación cultural dixital, caracterizado polas utilidades da literacidade electrónica e a creación cultural compartida, o que non debería supoñer de maneira ningunha desprezar o dereito de cada un dos autores e autoras e as posibilidades lexítimas que estes teñan de vivir dignamente do seu traballo e das súas obras.
A saída racional e lóxica para esta lea residiría en abordar de vez a cuestión do papel que teñen os poderosos provedores de Internet (como Telefónica ou Vodafone), os grandes privilexiados do aumento do tráfico na rede. Non deixa de ser paradóxico que xeralmente se considere que o contido en Internet debe ser sempre gratuíto, mentres polo acceso á rede os consumidores continuamos pagando en España unha cantidade desorbitada. Non teño dúdidas de que a cerna deste debate está en atopar un equilibrio entre as achegas dos participantes nesa nova cadea de valor da comunicación dixital: operadoras, autores, editores, administración e usuarios. Velaí o futuro da industria cultural dixital, eis a nova Internet.
bretemas@gmail.com

COMPARTIR
 
  LA SELECCIÓN DE LOS LECTORES
 LO ÚLTIMO
 LO MÁS LEÍDO
 LO MÁS VOTADO
  CONÓZCANOS:  CONTACTO |  FARO DE VIGO |  LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES |  CLUB FARO DE VIGO     PUBLICIDAD:  TARIFAS |  CONTRATAR  
farodevigo.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad 2009