Patrimonio Nacional Grego, habería que titular, mellor e máis exactamente, á vista da candente noticia. Polo demais, vén de publicala urbi et orbi –e nunca mellor dito/escrito, toda vez que se trata do primeiro rotativo de Europa, canto á tiraxe- o diario sensacionalista alemán Bild. Pois velaí, daquela, que dous deputados no parlamento da todopoderosa Bundesrepublik Deutschland, Josef Schlarmann e Frank Schäffler –ambos pertencentes á coalición gubernamental que lidera Angela Merkel- propoñen que o estado grego poña á venda unha, ou varias, das illas que del forman parte co obxectivo de poder aminorar deste xeito unha parte da desatada crise que está a estragar agora mesmo o país de Pitágoras, Sócrates, Platón… e Anthony Quinn bailando a danza de Zorba (Zorba, o grego, naturalmente).
Non aclara o Bild, iso si, cantos quilos de salchichas e, desde logo e sobre todo, cantos litros de cervexa –ou, acaso, a cousa fose xa polos metros cúbicos- levaban enriba Herr Schlarmann e mais Herr Schäffler cando explicaron tan orixinal proposta. En todo caso, será cuestión de irmos tomando as oportunas e urxentes medidas: por exemplo, botarlles, ás agachadas, tres ou catro quilos de ansiolóticos, benzodiazepinas mil, na bebida antes de que sexa demasiado tarde. Porque sabido é que cando se poñen cegos perdidos, determinados teutóns son moi capaces de montar no pánzer –digo, no Mercedes- e xa non hai quen os dea parado até que apalancan unha illa, un arquipiélago enteiro… a península do Peloponeso, Tracia e mais Macedonia xuntas! En fin, que se á cervexa lle engadimos aínda, en plan sentimental, a audición dunha ópera de Wagner, aos ghichos éntranlles unhas ganas irreprimibles de invadiren Polonia, Francia e mais o Benelux que non vexas! "Vendede as illas, gregos arruinados! E a Acrópole tamén!" Vale, de acordo: así pode que non dea demasiado medo. Pero rroben, proben Vdes. destoutra maneira: "Verkauft doch eure Inseln, ihr Pleite-Griechen un die Akropolis gleich mit!" A que, de repente, lle entran ganas a un de aliviar augas menores e maiores a fume de carozo? Debe ser cousa do "k" de "Akropolis".
Preocupados como estamos todos polo que está acontecer nesas terras, benamadas, do mar Exeo e, fundamentalmente, por non darmos no mesmo saco sen fondo que os malfadados descendentes de Pericles e Alexandre Magno, non falta por aquí quen faga cálculos xa acerca das nosas posibilidades/imposibilidades se acontece que as divisións da Wehrmacht –digo, os moi espilidos axentes do Europäische Zentralbank- asoman polos Pirineos en son de guerra. Tamén teremos, entón, que desfacernos dalgunha parte do noso amado patrimonio nacional, cal marqueses de Leguineche en franca decadencia e costa abaixo, sen freos?
"Home, xa postos… e de algo haberá que comer!", resignaranse algúns impíos vendepatrias diante da cruel evidencia. Non obstante, o problema está en que, a pouco que o pensemos… e qué parte del, do patrimonio nacional, nos queda aínda por vender? Se a cousa vai de illas, cómpre lembrar que foi, precisamente, aos alemáns a quen lles traspasamos -cando os animais falaban, aló por volta de 1899- os restos daquel imperio polo que andaron a paus, mundo adiante, o capitán Alatriste e pringados adxuntos: o arquipélago das Marianas e mais esoutro das Carolinas, consulten os lectores os atlas e mapas ad hoc. Das illas actuais, sabido é que xa hai moito tempo que Mallorca e/ou as Canarias pasaron a converterse en länder, a limitarem ao norte con Hessen e ao oeste con Buden-Württemberg. Quedarían aínda as Cíes, claro, pero se Angela Merkel vén con dúas curmás súas a facer topless na praia de Rodas, daquela alí xa non queda sitio para ninguén máis! Ou sexa, que o único que resta é Perejil, pero sen párking e tendo que manter, por riba, a cabra da Lexión.
Mentres tal acontece, preguntado insistentemente polos lizgairos xornalistas, o primeiro ministro heleno, Georgios Papandreu, respondeu algo así como "?p?st??d??!"; como queira que a formación clásica brilla pola súa ausencia –os estragos da E.S.O.-, os diferentes medios traduciron eufemisticamente: "Non me parece unha proposta oportuna". Pois ben; que me perdoen D. Giorgios e mais todos os seus concidadáns -que dabondo teñen, os coitados, coa que está caendo!-, mais é o caso que xa hai tempo que o gran filósofo e politólogo internacional Miguel Gila advertiu nitidamente da situación que se aveciñaba: "Grecia…francamente, no se puede hablar bien de Grecia. Es unha pena: todo está roto, caído, las cosas tiradas por aquí y por allí". Desafortunadamente, quen máis quen menos, todos llo tomaron a chiste.