farodevigo.es » Opinión
 Noticia anterior   Noticia siguiente 

Norais, rimel e uralita

Alfonso Álvarez Cáccamo

 06:30  
Enviar
Imprimir
Aumentar el texto
Reducir el texto

A Natalia Zunzunegui, inesquecible profesora do Instituto Santa Irene que sempre nos recomendou ir armados de caderno e bolígrafo polas rúas).

Como continuación dun artigo meu anterior que trataba sobre os substantivos, adxectivos e verbos que se orixinaran a partir dos nomes e/ou apelidos de personaxes máis ou menos coñecidos, engadirei nestas páxinas algúns máis, pero con eles rematarei, polo de agora, a miña aportación a tan suxestivo eido da formación das palabras.
O poderoso veleno da nicotina, que non só é unha compoñente nociva do tabaco senón que tamén é o producto fundamental na elaboración dos modernos insecticidas, debe o seu nome ao diplomático francés, embaixador de Henrique II de Portugal, Jean Nicot de Villemain (1530-1600) quen trouxera a primeira planta de tabaco a Europa.
As saborosas madalenas, doces manteigados, foron elaboradas por primeira vez, con receita da súa invención, pola francesa Madeleine Palmier, de Commercy (Lorena), no século XIX. Unhas monxas dun convento da localidade puxéronas de moda.
Cando eu era un neno aínda figuraba nos mapas de África o nome dun país que afortunadamente xa non existe como tal pois a súa orixe foi froito da egolatría dun colonizador sen escrúpulos, o financieiro británico Cecil Rhodes (1853-1902) quen conseguiu o monopolio da explotación das minas de ouro e outros bens das actuais Zambia e Zimbabwe, todo, claro está, manu militari. O enorme territorio chamábase Rhodesia. Estou seguro que moitos lectores/as o lembrarán.
Revisei a miñas anotacións desta colección, algúns de singular curiosidade, pero sobre todo atopei os nomes dos científicos/as, literatos/as, pensadores/as, pedagogos/as que deron nome a elementos químicos, a procedementos médicos, a métodos de ensino, etc, etc que sería interminable e aburrido expoñer aquí. Cito só algúns, como homenaxe ao mundo da ciencia e da creación, tan emparentados ambos: Louis Braille, Louis Pasteur, Poupín, Pulitzer, Montessori, Curie, Jorge Manrique, Ginness, Valle Inclán…
Nesta semana recibín entrañables chamadas de xentes máis ou menos próximas que tamén aman este mundo das curiosidades das palabras, e aprendín cousas novas, un pracer. Ignoraba eu, por exemplo, que o topónimo Montevideo proviña dun bosquexo dun xeógrafo que anotara a situación daquela poboación que comezaba a medrar como pequena aldea: "Monte VI d. E. O." Monte sexto (en números romanos) dirección Este-Oeste. ¿Non é fermoso?
Sen embargo, aínda que atraínte e moitas veces máxico, o mundo dos topónimos e os antropónimos queda para os especialistas, non para min. Aí está a sabedoría de Gonzalo Navaza ou de Méndez Ferrín, entre outros/as. Eu só son un namorado das curiosidades. Usamos palabras a cotío que cremos que figuran nos diccionarios, pero algunhas só se gardan na nosa memoria para a troula dos nosos quefaceres. Conseguimos que os tebeos, marabilloso mundo de cultura e lecer, fosen recoñecidos como irmáns nas entradas dos diccionarios, desde aquel T.B.O. Pouco tempo tardará en facelo o cola-cao porque habería que ser ben repipi e revirado para pedir nunha cafetería: "Quero un batido do producto cola-malteado que se anunciaba no programa de Matilde, Perico e Periquín" . A uralita existe nos tellados, pero non en moitos diccionarios, xa que é unha marca, a primeira e máis importante, do elemento de construcción que se chama ferrocemento. O rimel, tampouco, porque é outra marca, a do prestixioso rizador de pestanas. ¿E os norais? ¿Saben vostedes qué son os norais? Dareilles unha pista: hai pouco tempo apareceu no FARO unha fotografía de Corina Porro pousando o seu delicado zapato de cristal enriba dun norai, coa ollada azulverdosa, coma o mar, soñadora, á procura dun cabaleiro salvador, un Caballero Español, tan bo como Abel quen, segundo lin nunha publicación (¡auténtico!), matou a Caín. Pois o que había debaixo do seu pe, unha estructura de ferro fundido, cagadiña, con perdón, polas gaivotas, na que se amarran os cabos dos buques, chámase en Canido, en Bouzas e no Berbés "norai", pero a palabra non ven no diccionario. ¿E saben de onde procede o termo? Pois procede do país no que foi fabricada desde hai décadas e décadas: Norway, ou sexa, Noruega. As seis letras aparecen ben gravadas na parte superior dos norais. Presumo que iso descubrino eu, ou, polo menos ninguén mo dixo nunca. Seguirei investigando polas rúas, ben armado de bolígrafo e caderno.

COMPARTIR
 
  LA SELECCIÓN DE LOS LECTORES
 LO ÚLTIMO
 LO MÁS LEÍDO
 LO MÁS VOTADO
  CONÓZCANOS:  CONTACTO |  FARO DE VIGO |  LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES |  CLUB FARO DE VIGO     PUBLICIDAD:  TARIFAS |  CONTRATAR  
farodevigo.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad 2009