EN DIRECTO
farodevigo.es » Opinión
 Noticia anterior   Noticia siguiente 

O Xacobeo 2010 e a comisión de festas

José Carlos Bermejo Barrera - Catedrático de Historia en la Universidad de Santiago de Compostela

 06:30  
Enviar
Imprimir
Aumentar el texto
Reducir el texto

Cando nunha parroquia galega vai ser o día da Festa, algúns dos seus veciños forman unha comisión que se encarga de pedir cartos en cada casa, para poder pagar o que custa a contratación das orquestas que van tocar polas noites. Todos os veciños deben contribuir con algo e seren solidarios, aínda que non vaian á festa, e mesmo pode estar cáseque establecido cánto debe poñer cada casa.
Na Festa de cada parroquia hai un compoñente relixioso, xa que todos os días hai misas, ás que van as mulleres e os nenos, mentres os homes quedan atrás ou de palique no adro, aínda que logo se incorporen á procesión na que se saca o santo que é orgullo da festa e da parroquia.
Na Festa é fundamental a gastronomía de cada casa e o movemento de xente (os festeiros), que se desplaza movida pola busca dos sabores locais conservados polas tradicións culinarias das avoas e as nais, mentres reforzan os seus lazos familiares e sociais. Non pode haber unha boa comida se non hai abundancia e variedade de platos, e por iso na Festa non se deben medir os gastos. En certo modo, cada comida é unha exhibición, igual que o orgullo da parroquia se ve no nivel das orquestas contratadas, que sempre teñen que ser mellores que as da parroquia veciña, así como no número das atraccións –os "cochitos", as "cadenas"– que se poñen no campo da festa, pois, ¿que sería da identidade da parroquia se non puidese competir coas outras?
A Festa dura un, dous, tres días. Nela gástase, non se aforra. Se a Festa durase todo o ano, non sería unha festa, senón o normal, acabando ademáis nun perpetuo insomnio e nunha interminable enchenta. Todo o mundo sabe isto nunha parroquia galega, e aínda que na Festa se exprese o orgullo local en toda a súa plenitude, todo o mundo sabe tamén que a realidade é outra cousa. Nen sequera nos momentos de maior entusiasmo que pode producir o consumo inmoderado de alcol na casa ou nos "chiringuitos", ningún dos nosos paisanos, moi dados a expresaren ideas xeniais en frases rotundas, sería capaz de dicir que as verbenas deben ser a base do desenvolvemento sostible da economía rural, e sobre todo que deben ser financiadas cos cartos públicos e os impostos de todo os galegos. E é que todo o mundo sabe o que é unha comisión de festas.
En Santiago atópase a igrexa máis famosa de Galicia. En Santiago hai cada ano unha Festa, coas súas misas, as súas comidas, as súas verbenas, bombas de palenque, "cadenas" e "cochitos". Pero tamén hai unha festa que dura todo un ano, por razóns estrictamente relixiosas, pero que os políticos teñen convertido en macrofesta. Chámase Xacobeo.
Tamén no Xacobeo hai unha comisión de festas, pero esa comisión sabe que non lle pode pedir cartos aos sufridos veciños de Santiago, porque seguramente non llos iban dar. Por iso din que a macrofesta debe ser financiada con cartos de todos os galegos, gracias aos beneficios que a tal festa xera, e ao que contribúe á educación cidadá e á mellora da cultura galega.
No Xacobeo hai misas todos os días, multiplícanse as comidas nos restaurantes cáseque igualando o milagre evanxélico dos pans e os peixes, contrátanse cantantes, orquestas e todo tipo de espectáculos a precios desorbitados, xa que na Festa non se debe medir o gasto. Móntanse atraccións a gran escala, algunhas con vocación de permanencia.
Todo o mundo quere contribuir. Caixa Galicia aporta 2,4 millóns de euros, e contribúe ao desenvolvemento da cultura galega contratando a Raphael, Mª Dolores Pradera e montando un ciclo de zarzuela, e á vez o seu director anuncia a realización dun estudo (porque aínda non se fixera ningún) sobre o impacto económico do Xacobeo (se vai invertir eses cartos supoñemos que logo dirá que era rendible). O Conselleiro de Cultura tráenos a Cecilia Bartoli e a un pianista chino, entre outros, mellorando da mesma maneira a cultura galega. Pero tense que enfrontar a unha intifada de alcaldes que reivindican para os seus concellos atraccións e concertos, xa que todos eles saben que un dos motores da economía galega debe ser unha Festa que dure un ano, unha Festa que vai rematar coa construcción da maior atracción nunca vista en Santiago: un maxestuoso teleférico (e a Unesco pode dicir o que lle pete).
Animados quizáis polo alcol comentaban un día uns paisanos que xa non se vían polo campo os lagartos arnais, sentenciando un deles: "agora xa non se ven esa clase de insetos", engadindo un toque erudito á súa conversación. ¿Merecemos os galegos esa clase de políticos? ¿Aínda que teñan votos?

COMPARTIR
 
  LA SELECCIÓN DE LOS LECTORES
 LO ÚLTIMO
 LO MÁS LEÍDO
 LO MÁS VOTADO
  CONÓZCANOS:  CONTACTO |  FARO DE VIGO |  LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES |  CLUB FARO DE VIGO     PUBLICIDAD:  TARIFAS |  CONTRATAR  
farodevigo.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad 2009