farodevigo.es » Opinión
 Noticia anterior   Noticia siguiente 

O orgullo de sermos galegos

Xosé González Martínez - Presidente do Foro E. Peinador

 06:30  
Enviar
Imprimir
Aumentar el texto
Reducir el texto

Hai uns días que este xornal publicou un anuncio publicitario de "Aguas de Mondariz". Chamou moito a atención a súa mensaxe. Porque desta volta, a intención da marca non era convencernos das moitas bondades da súa auga, que as ten, para a saúde dos consumidores. A mensaxe que espallaron foi outra ben distinta: proclamar o orgullo de seren galegos na única acepción que ten a palabra, sen perversas reviravoltas. A oportunidade escollida para a súa publicación coincide coa agresión que o noso patrimonio cultural está a sufrir dun tempo a esta parte.
A empresa mondarizana recupera deste xeito o espírito que lle dera no primeiro terzo do século pasado a familia Peinador, nomeadamente Enrique Peinador Lines, o "Cónsul do romanticismo" como o chamara Xoán Carballeira. Entón, coma hoxe, a cultura galega tiña inimigos que tentaban desprestixiala e coutala. Ante aqueles desaforados ataques, Enrique Peinador, manifestaba nunha entrevista que lle facían en xullo de 1934 no xornal vasco "El Día": "o galeguismo malia os inimigos que aínda ten a súa doutrina, inspira como falanxe intelectual o respeto dos máis encarnizados inimigos". Tal coma hoxe; pasou o tempo pero perviven o autoodio e os inimigos da nosa cultura. Por iso é de louvar a actitude da dirección actual de "Aguas de Mondariz" publicando ese anuncio que estamos a comentar na defensa da nosa identidade.
"Aguas de Mondariz" súmase ao ronsel de empresas que en Galicia están incorporando a lingua galega ás súas actividades, na etiquetaxe e publicidade, nomeadamente, como están a facer as cento setenta adegas galegas que xa rotulan os seus envases na nosa lingua. O seu exemplo racha con tódolas argalladas e prexuízos lingüísticos que manifestan algúns; argumentan que a lingua galega é unha limitación para poderen colocar os seus produtos nos mercados internacionais. A realidade é outra ben desemellante: nos mellores restaurantes de París, Xapón, Londres, New York ou Sidney podemos atopar viño etiquetado no noso idioma onde gozan de enorme prestixio pola súa calidade. O mesmo estáno a facer moitas empresas de produtos agroalimentarios.
Dicía recentemente Ferrán Adriá, o reputado cociñeiro catalán, que Galicia ten os mellores produtos, pero que os galegos non sabemos vendelos. ¡Canta razón ten! Non somos quen de manifestarmos con orixinalidade e con orgullo de pertenza a unha terra con acusada personalidade de seu. Moitos empresarios aínda seguen a ocultar ou menosprezaren a lingua galega, un dos sinais máis preclaros da nosa identidade, na que se escribíu a mellor lírica medieval tan admirada polos paises cultos do mundo.
O Foro E. Peinador, que vén traballando arreo pola galeguización da nosa economía, está a constatar a permeabilidade dun amplo sector do empresariado ao discurso da galeguidade, feito que os consumidores deben apoiar. Sobre todo esa franxa social máis sensible ao feito diferencial galego. A eles, ás institucións públicas e entidades privadas –partidos, sindicados, asociacións culturais, etc…– que os representan, diriximos o noso chamamento apelando á responsabilidade de todos para que presten o apoio que lle cómpre a este proceso de reencontro entre a empresa e a lingua. E para que isto aconteza é preciso que os consumidores fagan uso responsable do principio de "a igual calidade, preferenza polos produtos etiquetados en galego".Eis o reto. A regaleguización de Galicia é un obxectivo no que os fabricantes e os consumidores débense apoiar recíprocamente.

COMPARTIR
 
  LA SELECCIÓN DE LOS LECTORES
 LO ÚLTIMO
 LO MÁS LEÍDO
 LO MÁS VOTADO
  CONÓZCANOS:  CONTACTO |  FARO DE VIGO |  LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES |  CLUB FARO DE VIGO     PUBLICIDAD:  TARIFAS |  CONTRATAR  
farodevigo.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad 2009