Nin que dicir ten, teñen enteira razón todos aqueles –sempre moi amables-- lectores destas crónicas semanais, que xa "peinen canas", ao consideraren o título que preside as presentes liñas: efectivamente, a fórmula precisa foi esoutra de "galego coma ti". Con semellante lema por diante, Manuel Fraga Iribarne –e á beira do "león de Vilalba", e como candidato á presidencia da Xunta, Xerardo Fernández Albor--, veu ser o vencedor dos nosos primeiros comicios autonómicos, aló por volta de 1981.

"Galego coma ti": unha fórmula que, desde logo, sempre lle deu moi bos resultados aos conservadores galegos e que, sorprendentemente, semella non querer aproveitar D. Mariano Rajoy Brey, empeñado como está en que Galicia limite ao oeste –máis exactamente, pola parte de "Sangenjo"-- co mar Mediterráneo e mais os exóticos bañistas comandados pola Sra. Lago (dona Gloria).

"Galego coma ti", daquela. Mais velaí que, benia aos continuados esforzos e traballos mil da "outra" Rosa I de España (y nada de Alemania), ilustre lideresa de Unión Progreso y Democracia, podemos proclamar que non só D. Manuel, D. Xerardo… ou mesmo o moi veleta presidente (aínda!) do goberno español, J.L. Rodríguez Zapatero, veñen ser concidadáns nosos. Antes ben, nin máis nin menos que o gran xenio universal William Shakespeare merece, con todas as honras inherentes ao caso, levar perennemente pegada sobre o peito e/ou as costas a etiqueta de "galego"; máis exactamente, "galego coma ti". Ou, xa que logo, levarmos nós esoutra de "galego coma Shakespare". Iso si: benia a Rosa I de España e tamén ao trilingüismo de Mr. Núñez Feijoo, que todo hai que dicilo/escribilo.

"To be or not to be –that is the question;/Whether ´tis nobler in the mind to suffer/The slings and arrows of outreageous fortune/Or to take arms against a sea of troubles/And by opposing end them. To die, to sleep-. No more." ("Ser ou non ser, esa é a cuestión…"). Como moi ben aclararon Dna. Rosa María Díez González e mariachis adxuntos, a moi inenarrable deputada de UpyD utilizou a expresión "gallego en el sentido peyorativo del término" aludindo a que o malvado ZP anda xustamente a comportarse tal e como o fan esoutros típicos/tópicos, e tamén malvados, galegos: está claro que nunca se sabe se soben e/ou se baixan pola escaleira. Pois ben: coñecen Vdes. a alguén máis galego que o príncipe Hamlet, dubidando iso mesmo? Vale, iso si, que Hamlet era príncipe de Dinamarca e non de Galicia. Pero como ben apuntaba aquel anuncio arxentino: "Che, mirá esta servesa: ¡es argentina!". "¿Argentina? Perdoná, pero aquí dise ´made in Dinamarca´". "¡No; no dise eso, boludo! Dise: Di Namarca. Como Di Caprio, que también es argentino". "Che! ¡Ysho ysha sabía que Di Caprio era argentino, como Gardel!"

Hamlet, pero non apenas el. Porque qué dicir, ao cabo, de Otelo, o mouro de Venecia (cabería dicir que de Noia ou de Betanzos)? Viron os lectores –e mais Dna. Rosa Díez, desde logo,-- un caso-modelo de auténtico galego desconfiado superior a este? E seguindo aínda máis adiante: Shylock, tamén en Venecia, que pensarmos de semellante personaxe? Retrucarán algúns que Shakesperare afirmou del que se trataba dun usureiro xudeu; porén, esa preocupación de "a vaquiña (ou a carne dela, que vén ser o mesmo) polo que vale", non lles resulta demasiado familiar? En fin, velaí a traxedia do rei Lear: Goneril, Regania e Cordelia apañando a herdanza parterna, talmente como tolas. Viron Vdes. unha representación máis axustada das liortas por causa da lexítima e/ou do terzo de mellora? Obxectan os guiris que foi D. Willian foi bautizado en Stratford-upon-Avon e de aí que o fixesen concidadán seu. Pero tamén argüen os moi fillos da Gran Bretaña que o Santo Grial e mais a espada Escalíbur anden por aló cando é ben sabido que se atopan, respectivamente, no Monte do Cebreiro e nunha furna da illa de Sálvora –Cabanillas dixit.

Colón, Gorvachov (sabido é que se trata dunha rusificación desoutro apelido noso, Corbacho) e tamén Shakespeare, a lista de galegos ilustres non ten paraxe! De certo que ten toda a razón Dna. Rosa Díez --e alegre tuna adxunta-- en explicarlle o singular caso ao psiquiatra de garda: "doutor, teño un sexto sentido: ás veces, vexo galegos". "Galegos? Onde?" "Galegos que soben e baixan escaleiras; galegos que van para adiante e para atrás; galegos polo norte, polo sur, polo leste e polo oeste; galegos que veñen e van desde Santurce a Bilbao, de Rianxo a Ribeira; galegos vascos, galegos cataláns, galegos franceses, galegos ingleses, galegos de Marrocos, de Mauritanai e mais da China Popular; galegos na Lúa, en Marte; galegos en naves ardendo máis aló de Orión; galegos como raios-C brillando na escuridade cerca da porta de Tannhäuser… É grave, doutor?"