EN DIRECTO
farodevigo.es » Opinión
 Noticia anterior   Noticia siguiente 
Sí Home Sí

Nada de pactos

Xosé M. Pereiro

 06:30  
Enviar
Imprimir
Aumentar el texto
Reducir el texto

Miren que levo tempo afrontando resignada e gallardamente ese formato de loita libre parlamentaria que son as porfías entre presidente do Goberno e líder da oposición, e cada vez estou máis convencido de que son ao debate político máis ou menos o que as películas de Jean Claude Van Damme ao cine de acción: que tamén haxa moita labazada non quita que as interpretación sexan discretas tirando a malas e que a trama sexa máis que previsible. E iso que, desta vez, o macht ía de algo de importancia vital e xeral: a crise económica e como saír dela. Como intuíamos todos a cousa rematou sen unha conclusión clara, quitado a de que a Zapatero interésalle ter algún socio como burro dos paus e Rajoy non lle interesa nada que non sexa a rendición incondicional. Dise que dous non pelexan se un non quere, pero tamén que para bailar fan falta dous (polo menos debíase dicir cando o apoxeo do baile agarrado).
Como coinciden en salientar todos aqueles que seguiron o debate por obriga profesional de contárnolo, a cousa foi que Zapatero ofreceulle un pacto ao PP, que o PP rexeitou. Escápanseme as razóns polas que o presidente do Goberno ofrece un pacto ao mesmo tempo en que asegura que a crise económica estase a despexar. De ser certo que a crise escampa, non capto os beneficios políticos de darlle ao rival unha porcentaxe do éxito. Claro que, de non selo, sempre lle poderá reprochar a Rajoy que non puxo o lombo para axudar a paliala. Tampouco entendo moi ben as razóns do PP para negarse a un pacto se estamos na situación de emerxencia e catástrofe na que asegura que estamos. Ou é porque saben que a crise non vai remitir, fágase o que se faga, ou porque o único esforzo que queren facer pola cidadanía é o fregar as mans agardando que a situación lle pase factura ao PSOE, ou é porque non queren aparecer como socios dos socialistas nas medidas impopulares que eles consideran que hai que adoptar. O certo é que a súa proposta tipo "déixame a min que ti non sabes" é normal entre dos rapaces que discuten sobre como inchar un balón, pero non para cambiar un goberno.
O pavero é que a esmagadora maioría da poboación (un 80%, segundo un estudio de Sigma 2) demanda ese pacto que Zapatero ofreceu de esguello e Rajoy rexeitou de plano, nunha xogada que volveu deixar ao PP en solitario e preguntándose onde se meteron os outros que ían canda eles a pedir explicacións. Claro que posiblemente outra gran maioría de cidadáns –ou e mesma– apostan firmemente porque se tomen medidas, quitado que se dea o caso de que lle afecten directa e persoalmente. Eu, se me permiten, expreso desde aquí a miña oposición máis intuitiva que meditada ao tal pacto sobre a crise. En primeiro lugar porque se é patente que no Goberno hai escaseza de imaxinación e certeza, está igualmente meridiano que na oposición tampouco reinan a inspiración e a firmeza. Ou sexa, que está por ver que catro ou seis ollos vexan máis ca dous. En segundo lugar, porque cando non hai ideas novas e existe un compromiso de telas, bótase man das vellas. E xa sabemos como acaban estas cousas: coa escusa de remediar aos xa amolados, acábase amolando a case todos.

COMPARTIR
 
  LA SELECCIÓN DE LOS LECTORES
 LO ÚLTIMO
 LO MÁS LEÍDO
 LO MÁS VOTADO
  CONÓZCANOS:  CONTACTO |  FARO DE VIGO |  LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES |  CLUB FARO DE VIGO     PUBLICIDAD:  TARIFAS |  CONTRATAR  
farodevigo.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad 2009