EN DIRECTO
farodevigo.es » Opinión
    Noticia siguiente 
Sí Home Sí

Antón Moreda

Xosé Manuel Pereiro

 06:30  
Enviar
Imprimir
Aumentar el texto
Reducir el texto

Eu entrevistas aínda fixen bastantes, e iso que non é meu xénero preferido. En primeiro lugar porque son traballosas, en segundo porque non deixa de parecerme un método invasivo (por moito que o invadido polo xeral estea encantado da invasión, polo menos antes de ver o resultado), e en terceiro porque non depende de ti, senón do outro. Fíxenas a todo tipo de xente (máis ben a aqueles aos que os meus xefes consideraron que pagaba a pena saber da súa vida e opinións), en sitios dispares, pero unha das que máis teño na cabeza foi a que fixen a Antón Moreda, ese galeguista semioculto que acaba de morrer, coa mesma discreción coa que viviu. Quizais porque tivo unha vida de novela, aínda que daquela, moita xente tiña esas vidas, ou quizais por onde lla fixemos.
Igual que cando alguén morre dun cancro adoitase poñer cun pudor decimonónico que foi a consecuencia de "una larga enfermedad", nas informacións, poucas, que se deron do seu pasamento pásase con pes de la sobre un detalle que non deixa de ser importante: que Antón Moreda pasou máis de media vida, 43 anos, no psiquiátrico de Castro de Ribeiras de Lea. Así que alá fomos, o meu colega Santiago Romero e máis eu. Do tal sanatorio só sabía o que me contara un amigo de Monforte, Arsenio, que o meteran varias veces, a última por cortarlle o paso ao bus urbano, seguindo ordes (a de cortarlle o paso ao bus, non a de internalo) do Apóstolo Santiago. Arsenio saíu, a pesares do consello contrario dun cociñeiro de Chantada, que lle dicía que alí os da zona da Monforte tiñan todos os privilexios. Non digo que non, pero aínda sendo de Monforte, aquilo era todo o depresivo que pode ser unha institución dese tipo conservada intacta desde o século XIX, que o pode ser moito. E a Moreda pechárono alí cando tiña 32 anos, en plena vixencia dos baños fríos e do electrochoque.
Nacera en Reinante (San Cosme de Barreiros) e nacera para emigrante. Fillo e neto de emigrantes, cando tiña un ano a nai levouno para Cuba, e dous despois regresou á Mariña porque non paraba de chorar. Tardou dez anos en volvela ver. O pai volveu de América para morrer sen cumprir 40 anos, e el con 16 tivo que facer o camiño de volta. En Bos Aires coñeceu a Luis Seoane, a Isaac Díaz Pardo, a Suárez Picallo, e fundou as Mocedades Galeguistas. Dez anos despois, en 1960, volveu para traballar pola causa. Conseguíronlle o emprego apropiado: viaxante da Editorial Galaxia. Vendía libros e captaba adeptos. Elixírono secretario do Consello da Mocidade, o organismo que aglutinaba ás novas xeracións galeguistas. Aínda que máis que aglutinar, o que promoveu foi o fenómeno contrario: dividiuse entre os considerados marxistas (a criterio de Ramón Piñeiro, fundamentalmente) e os que non. Moreda caeu do lado malo, perdeu o traballo de Galaxia e os vencellos co causa da súa vida. Tentou refacerse en Barcelona, pero un trasacordo amoroso fíxoo volver, sen un can. En 1966, deulle un trasacordo mental, e un psiquiatra, que trataba a Celestino Fernández de la Vega, decidiu internalo en Castro, igual que a dúas irmás do autor de O segredo do humor e parente da actual vicepresidenta De la Vega.
Desde entón –insisto, con 32 anos- non volveu saír. Seguiu lendo, fixo a carreira de dereito, fundou dúas revistas, Falemos e Gaiola aberta, recibía contadas visitas (de Beiras, de Ferrín, de Margarita Ledo). E seguiu sendo galeguista, militante incluso do Partido Galeguista. A partires dos anos 90, recibiu homenaxes en San Cosme de Barreiros e en Bonaval, e publicáronse un par de libros sobre a súa figura. Na entrevista, preguntarámoslle que faría se saíuse, e dixo que lle gustaría servir "á causa" cos coñecementos profesionais que adquirira, pero claro… Eu acordeime daquel caso terrible da inmigrante húngara que, ao chegar aos Estados Unidos, metérona nun psiquiátrico, ata que, décadas despois, se descubriu que o que pasara é que non a entendían porque falaba húngaro, pero ela xa non quixo saír. Hoxe enterran a Moreda en Barreiros. Que a terra lle sexa leve, xa que a Terra non llo foi.

COMPARTIR
 
  LA SELECCIÓN DE LOS LECTORES
 LO ÚLTIMO
 LO MÁS LEÍDO
 LO MÁS VOTADO
  CONÓZCANOS:  CONTACTO |  FARO DE VIGO |  LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES |  CLUB FARO DE VIGO     PUBLICIDAD:  TARIFAS |  CONTRATAR  
farodevigo.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad 2009