EN DIRECTO
farodevigo.es » Opinión
    Noticia siguiente 
DE BOLINA

Englishman nos Peares

Xosé Ramón Pena

 06:30  
Enviar
Imprimir
Aumentar el texto
Reducir el texto

Como queira que, ademais de sempre moi amables, os seareiros destas crónicas semanais veñen ser xentes cultas, sen dúbida que han de estar todos Vdes. ao cabo dese novo descubrimento que vén aumentar de forma decisiva o patrimonio da literatura medieval galego-portuguesa; máis concretamente, o espazo da denominada Materia de Bretaña ou Ciclo Artúrico. Refírome, xa que logo, ao ms. 22595 da Biblioteca Nacional de Viena, a conter unha ampla narración acerca do gran torneo de arqueiros celebrado en Camelot baixo o patrocinio das Súas Maxestades o rei Arturo e mais a raíña Xenebra. En todo caso, refire o códice como se presentou un arqueiro ao dito concurso, como colleu un neno duns oito anos e como lle puxo unha mazá enriba da cabeza. A unha distancia duns cincuenta metros, disparou a frecha e esta fendeu, limpamente e en dúas metades, a froita sen danar para nada o infante. Aplaudiu enfervorizado o numeroso público asistente. "From Switzerland, I am Wilhelm Tell", explicou o triunfane saxitario. Mais xa outro concursante acudiu á escena. Desta volta, tomou da man un cativo duns tres aniños e púxolle enriba da cabeza unha uva. A unha distancia duns cen metros, disparou a frecha e esta fendeu, limpamente e en dúas metades, a froita sen lle causar a menor mágoa ao raparigo. Aplaudiu máis enfervorizado aínda o público asistente. "From England, I am Robin Hood". Pero xa un terceiro participante apareceu lixeiro. Colleu unha crianza que apenas botara a andar e púxolle enriba da cabeza unha améndoa. A unha distancia dun quilómetro, o terceiro arqueiro disparou a frecha e esta… esta foille dar ao coitado do recén no medio e medio dun ollo. Perante o silencio abraiado do público, o seteiro explicou: "From Galicia, I am sorry".
Atento como ninguén ás noticias da filoloxía patria, D. Alberto Núñez Feijoo non se mostrou indiferente diante de semellante acontecer. Apoiado –no tocante á tradución das partes redactadas en guiri– polos conselleiros D. Xesús Vázquez Abad e D. Roberto Varela, o señor presidente non está disposto a que o noso país continúe a vivir na Idade Media. Porque pase que os nosos arqueiros non acerten unha e leven por diante unha ducia de rapazolos; pero de aí a que non saiban expresarse en inglés…! "I am sorry", que vergoña!
Criado nun lugar –Os Peares– capaz de pertencer ao tempo a catro concellos e a dúas provincias diferentes, como non ía apostar, daquela, D. Alberto porque as novas xentes que alí veñan ao mundo se expresen perfectamente en tres linguas distintas? Que menos que iso?
O malo é, porén, que pretender que eses futuros cidadáns das ribeiras do encontro entre Miño e Sil sexan educados á vez en galego, castelán e, sobre todo, inglés non deixa de ser unha arroutada que si poderá dar votos, pero pura e mais dura arroutada, apenas apta para a impericia -benintencionada e mesmo inocente, iso si– dus cantos e, desde logo, para o esnobismo e/ou a pasmonería de papóns con pretensións cosmopolitas á violeta. E é que, a pouco que alguén teña unha certa idea de como aprender realmente un idioma, ha de saber ben que a verdadeira solución efectiva consiste xustamente na plena inmersión no mesmo. Explicar (cun mínimo de calidade) xeografía, ou historia, ou matemáticas… ten as súas dificultades e, desde logo, custa os seus bos cartos. Explicar tales materias, ademais, en inglés vén importar unha absoluta barbaridade de diñeiro. Un prezo tal que resulta moitísimo máis viable –á vez que lóxico– enviarmos a todos os nosos rapaces a Londres, Dublín… para faceren unha estancia dun mes, dun ano ou do que lles pete, e que convivan de veras cun medio que os mergulle na lingua de Mr. Shakespeare (iso se non se "enrollan" cun noivo/a do país, que é o mellor xeito de aprenderen). Ou o que é o mesmo: máis lle valería ao goberno da Xunta –e a calquera outro goberno; ao cabo, a paixón demoagóxica polo inglés vén ser un puro e duro andazo entre os políticos que nos (mal)dirixen- preocuparse por ser quen de fornecer un bo ensino de todas as materia –incluídas, desde logo, as linguas estranxeiras– e non prometer estratosferas que, no mellor dos casos, a que tanto por cento acabarían beneficiando? Porque onde van necesitar algúns/moitos, o inglés? "E que co inglés vas a todas partes", retrucarán. Óptimo; é que sitúan, daquela, o noso futuro nunha nova emigración masiva? E cara onde? Cara a Botswana? Cara a Nixeria? Cara a Ghana? En todos eses lugares o inglés é idioma oficial…
"I don´t drink ribeiro or albariño, I take tea, my dear (…) And you can hear it in my accent when I talk. I´am an englishman nos Peares" Que Sam Gordon Sumner –Sting– nos ampare!

COMPARTIR
 
  LA SELECCIÓN DE LOS LECTORES
 LO ÚLTIMO
 LO MÁS LEÍDO
 LO MÁS VOTADO
  CONÓZCANOS:  CONTACTO |  FARO DE VIGO |  LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES |  CLUB FARO DE VIGO     PUBLICIDAD:  TARIFAS |  CONTRATAR  
farodevigo.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad 2009