A universidade, en tanto que institución dotada de especialistas nos diferentes eidos, incluído o da lingua, ten a responsabilidade de analizar a realidade social, incluída a lingüística, e explicar á sociedade que é o está ben e que está mal nos proxectos dos políticos que rexen os destinos do noso país.
A Real Academia da Lingua xa se pronunciou, con claridade e contundencia, sobre o documento de Bases para a elaboración do decreto de plurilingüismo no ensino non universitario en Galicia. Non vai ser o meu obxectivo abondar no que está xa explicado pola institución que máis autoridade ten en Galicia para opinar sobre o galego e as condicións que deben acompañar a regulación do seu uso no ensino. Pero si vou tentar explicar brevemente algo que non se nos pasa por alto aos lingüistas: a apropiación do termo plurilingüismo como argumento para debuxar un programa aparentemente desexable para a formación lingüística dos nenos e nenas en idade escolar.
E é que o proxecto de decreto non atende á realidade plurilingüística de Galicia, isto é, o feito de que se falen outras linguas ademais do galego e o castelán, nomeadamente as utilizadas polas comunidades de inmigrantes e, de xeito máis preocupante, a lingua de signos utilizada polas persoas xordas galegas. No caso destas últimas, viron recoñecida a súa lingua por unha lei orgánica, e polo tanto se esperaría que un decreto que desenvolva o plurilingüismo no sistema educativo non universitario previse o dereito das nenas e nenos xordos a desenvolvérense en lingua de signos española, a recibir clases desta lingua e a acceder ao galego e ao castelán na medida en que as súas posibilidades o permitan. Nada disto aparece do documento de bases. Por certo, cómpre sinalar que o Parlamento de Cataluña ten xa preparado un proxecto de lei da lingua de signos catalana.
En cambio, a concepción de plurilingüismo que se desprende da lectura do documento concede o mesmo tratamento ás linguas propias e oficiais de Galicia e ás linguas estranxeiras. É crucial desde o punto de vista da maduración lingüística dos nenos e nenas distinguir claramente e tratar de maneira diferenciada a lingua ou linguas maternas doutras que, malia a súa importancia para o éxito social e a consecución dun traballo ben remunerado, non se asimilan da mesma maneira. Unha lingua materna adquírese a partir dun input lingüístico que vén dado polo contorno natural da familia, e secundariamente pola escola e o resto da comunidade local da nena ou neno. No caso da lingua materna, a alfabetización, isto é, o acceso ás habilidades de lectura e escritura, constitúe a última etapa de maduración lingüística e metalingüística dos individuos en todas as culturas letradas. As linguas estranxeiras, en cambio, apréndense a través dun procedemento non natural, senón regulado, con de métodos de ensino-aprendizaxe que se desenvolven na aula.
Tendo en conta o dito anteriormente, o trato igualitario que o documento concede á lingua estranxeira con respecto ás dúas linguas propias de Galicia constitúe unha distorsión pouco ortodoxa, que non ten ningunha base científica. Para que o inglés sexa unha lingua vehicular do ensino é preciso, ademais de contar con profesorado formado, explicitar claramente como se programa nos tempos e nos niveis educativos a progresión desde a primeira alfabetización en galego e castelán cara á asimilación de competencias, faladas e escritas, na lingua estranxeira. Ademais, para que todo o alumnado poida acceder a esta nas mesmas condicións, sería desexable poder contar con instrumentos complementarios que reforcen o input lingüístico na mesma, como pode ser a oferta gratuíta de canais de televisión que se emitan en inglés ou nas outras linguas que se determinen.
A introdución do inglés no debate sobre as linguas en Galicia non contribúe ao progreso da nosa sociedade, senón a aumentar a confusión, na medida en que, por unha banda, desvía a atención da realidade plurilingüística e multicultural que é o noso país e, por outra, porque mistura o ensino das linguas maternas co das linguas estranxeiras, o que, como xa se explicou, non é realista.
Esperamos e desexamos que os posicionamentos que se están a producir desde as institucións máis involucradas na defensa da lingua e a cultura galega e a contribución das cidadás e cidadáns que nos sentimos seriamente preocupados pola incerteza a que dá paso esta previsión de regularización lingüística en Galicia consigan facer reflexionar aos responsables políticos.