Doulles palabra a Vdes. de que este cronista preferiría ben que as presentes liñas tivesen como motivo calquera outra temática. En primeiro lugar, porque se aínda hai xente que, logo de ler aqueloutras palabras de Rosalía, Pondal, Castelao… de Celso Emilio Ferreiro, X.L. Méndez Ferrín…, permanece absolutamente insensible ao contido das mesmas, máis que díficil, será absolutamente imposible que atenda sequera a esoutras, modestas, dun servidor. E en segunda instancia porque dito/escrito está tamén que malos tempos corren para a lírica, pero igualmente para a novela, o ensaio… cando non queda máis remedio que loitar por facer evidentes as cousas que o son –evidentes-- da súa mesma natureza; evidentes de seu.
Non obstante, é o caso que, logo do último artigo publicado neste mesmo lugar, recibe o cronista cartas, e aínda algún correo electrónico, por parte de lectores que se declaran castelán-falantes –fillos e netos, ademais, de castelán-falantes-- e que non comprenden a miña "teima" –e a doutros miles de cidadáns, claro-- en lles mostrar a necesidade/deber de aprenderen o/en idioma galego. "¿Qué razones puede tener Ud, y la gente que piensa como Ud., para que aprendamos no sólo la lengua gallega, sino en lengua gallega?" Perante tal demanda, non cabe máis que tentar ofrecer resposta. Disimulen, pois, os amables lectores se os argumentos ecoan nos seus oídos; en todo caso, velaí van repetidos, pero non por iso menos certos e sentidos.
Razóns para aprender o/en galego? A primeira delas, por lealdade. Retrucarán algúns que "os dereitos non son das linguas, senón das persoas" e aínda que "eu son cidadán do mundo". Xa que logo, poden admitir o dereito a aprender o/en galego, pero nunca o deber, algo que consideran como unha pura e dura imposición.
Desde logo, non lles falta razón canto aos dereitos e canto á cidadanía; ao cabo, deixou escrito Rosalía que "toda a terra é dos homes". Pero acontece tamén que se nos apelidamos, por exemplo, Abella, Lois, Estévez, Carballo, Rúa, Vilas, Quintáns, Taboada, Veloso, Puga… se habitamos en Bouzas, no Freixeiro, en Castrelos, en Matamá, en Vilaboa… iso mesmo –tales apelidos e topónimos-- non son produto do azar. Por moito que teñamos pais, e mesmo avós, castelán-falantes –e quede moi claro que nada hai de negativo niso-- as nosas orixes, os lugares nos que residimos, delatan a berros a procedencia galega dos devanceiros. Parafraseando aquilo de Napoleón, séculos enteiros de galeguidade están a contemplarnos! Somos libres cidadáns do mundo, é certo; pero tamén o é que ninguén vén a este planeta debaixo dunha verza, senón no medio e medio da xente. E é que non somos só nós; somos tamén as nosas raíces, aquilo que nos acompaña, para ben e para mal, desde que nacemos. Aló cadaquén cos seus amores/desamores; pero o camiño da lealdade está moi ben debuxado para quen non queira tapar os ollos.
A segunda razón reside na solidariedade.
"De acordo –insistirá alguén--, pero é que eu ´paso´ olimpicamente de render eterna pleitesía aos meus apelidos, por moi enxebres que resulten. Falo no que me peta e no que me dá a gana". "E eu –engadirá outro-- nin sequera conto con tales apelidos no meu patrimonio, así que…" "Paso olimpicamente…" De veras que hai alguén que se considere a si mesmo demócrata, defensor das liberdades… e que poida adoptar/xustificar tal actitude? A liberdade indivudal consiste, xustamente, en desatender a existencia/falta de existencia diso mesmo nos demais? Podemos situarnos, sen máis, á marxe dos outros, para alén da historia? E que é posible vivir no perpétuo solipsismo moral e obrar apenas polo interese persoal? Podemos pretender, ademais, que as institucións públicas paguen/defendan/lexislen a favor do noso egoísmo? En Galicia hai xentes –non importa sequera cantas e cales-- galego-falantes. Ou aceptan a súa –a nosa-- existencia ou, simplemente, erguen un muro, unha alambrada que nos ille. E se aceptan que temos dereitos, un deles consiste, xustamente, en aprenderen este mesmo idioma no que me estou a comunicar con Vdes., téñano ou non como fala desde o berce. Se por solidariedade, aprendemos o/en castelán, esa mesma solidariedade é que obriga a facer o mesmo co/en galego. O resto, repitámolo de novo, chámase apartheid.
E a terceira razón é a ecoloxía.
"É que o galego non é útil; para iso, mellor aprender inglés". Útiles, son máis útiles as vacas, ou as galiñas, que as baleas ou os hipopótamos, poño por caso, e ninguén, cun mínimo de sensibilidade, deixaría morrelos sen máis. Ademais, que é útil/inútil de veras? Para este modesto cronista, é útil escribir estas liñas: humanamente, eticamente e tamén porque penso cobrar algúns euros por elas. Pero útil é poder pisar a herba dos parques, as areas limpas das praias, bañarse nas augas azuis… Útil é poder utilizar unha cultura, un idioma capaz de transmitirnos beleza, de reconciliarnos cunha parte de nós, mesmo con esa parte que, acaso por preguiza, descoñecemos, desprezamos.
E, claro é, last but not least, todo o dito é perfectamente compatible con aprender o/en castelán –obviamente!-- pero tamén o/en inglés, portugués, chinés ou hawaiano!