Sabido é que "lo que no pué ser, no pué ser, y además es imposible" –como diría "El Gallo"–; non obstante, permitan os lectores iniciarmos as presentes liñas cun anaco de política-ficción. Imaxinen Vdes. por un momento, daquela, que na célebre consulta por parte das autoridades educativas a pais/alumnos acerca das súas preferencias lingüistico-educativas, os resultados viñesen aportar que apenas un 10%-20% dos inqueridos se mostrasen favorables a unha distribución equitativa entre o galego e o castelán, mentres o resto se inclinase, ben polo contario, a favor de solucións máis radicais. Como interpretaría tales resultados o goberno presidido polo Sr. Núñez Feijoo? Que clase de decreto –de borrador de decreto– lle presentaría á sociedade? Respectaría, sen máis, a "libre decisión da cidadanía"?
O certo é que, por moitas voltas que se lle queiran dar, dá a sensación de que, diante de calquera sorte de conflito –declarado ou con eufemismos– tan só caben tres solucións posibles: a primeira consiste en que unha das faccións consiga impoñer á(s) outra(s) a súa vontade, tentación demasiado próxima aos abismos da limpeza étnica e/ou demais variedades da mesma. Unha segunda saída radica na suposta "liberdade de acción" de cada unha das partes implicadas.
Un laissez faire de aparencia democrática, pero que na práctica adoita materializarse mediante a construción de barreiras, alambradas, muros –de Berlín, de Irlanda do Norte ou de Israel/Palestina, mais tamén esoutros con menos cemento, pero igualmente vergoñentos, de carácter social, cultural, económico…–; en fin, do puro e duro apartheid, sexa este made na vella Sudáfrica ou nesoutra república bóer á que semellan aspirar, entre nós, os dirixentes de certa asociación de cuxo nome non me quero acordar. Xa que logo, tal semella que só na sincera procura da convivencia –por veces difícil, necesitada arreo de lubricación- podemos atopar unha resposta ética, democrática e decente. Repitámolo: non é un camiño doado; porén, trátase de termos moi claro de que lado estamos da liña de sombra.
Escribiamos máis arriba acerca da hipótese de tantos por cento a favor destoutra e daqueloutra respostas. Mais situados agora xa na realidade que habitamos, se a aposta vai decididamente, e sen ningunha clase de reservas mentais e argucias de tafur, na busca dun modelo de coexistencia efectiva, parece que esta só poida devir sólida cando se garantice –polo menos, no alicerce lexislativo– a plena admisión do "outro" como un igual, a vontade de aceptalo, nun exercicio ecolóxico e solidario. Traducido: que se obxectivo consiste en acadaren a plena competencia idiomática, non hai outro camiño senón o de que a educación dos nosos escolares, xustamente para garantir tal horizonte bilingüe, considere de veras a evidente necesidade dunha discriminación positiva a favor do idioma marxinado historicamente. Un idioma que non é outro –a non ser que se pretenda tamén negar o Holocausto ou declarar que Elvis e JFK están vivos e residentes na illa de Skorpios– que este mesmo no que van escritas as presentes liñas. Predicar que o marxinado vén ser o castelán, iso significa ser de mal corazón.
"Pero se iso mesmo é que queremos nós! Do que se trata é de que os nosos rapaces e rapazas finalicen os seus estudos coa capacidade de poderse expresar plenamente en calquera dos dous idiomas que conviven en Galicia!". Pois ben; se niso estamos… daquela, hai cousas que non se entenden. Por exemplo, esa mesma consulta en plan "fogos de artificio" a pais e alumnos ou aínda esoutra posibilidade de que poidan escoller –con qué clase de criterio?– se as matemáticas han de ser explicadas en A ou en B: algo parecido, poño por caso, a que nun hospital se lles preguntase aos pacientes cales son os tratamentos, as intervencións quirúrxicas… que merecen prioridade ou que nun tribunal de xustiza fosen os demandantes/demandados os que decidisen a axenda dos maxistrados. Resudimindo: se o actual goberno –e mariachis mediáticos axuntos– ten tan clara o seu proxecto, se considera que representa o xusto equilibrio… por que xoga, coas cartas marcadas, a tentar aparecer como falso paladín das liberdades, alcumando de "radicais" e/ou de "acólitos dos radicais" a todos os que discrepamos do seu proceder? A santo de qué introducir a confusión babélica do inglés –todos sabemos da súa importancia; mesmo, non somos tan parvos, ata sabemos conxugar algo máis que o verbo to be, D. Alberto– na cerna do debate?
Non; non se trata de sermos máis ou menos nacionalistas e/ou "compañeiros de viaxe" de ninguén. Simplemente é un caso de sentido común, de lóxica democrática. E cando se trata diso, este modesto cronista, como millares de concidadáns –a falaren castelán e galego, galego e castelán– non ten ningún reparo, todo o contrario!, en autodefinirse: Yes, I am radical! ¡Soy un radical! Son un radical!