Ninguén sabe mellor onde lle manca o zapato que quen o calza. Nadie coñece mellor a suas necesidades que aqueles que as padecen. Mais dun millón trescentos mil impositores, mais de oitentamil prestatarios, vigueses ou non, saben o que perdemos con Caixanova. Non nos convence nin a codicia política dun sector, nin nos sorprende a pretendida indiferencia dos perxudicados. Nos reclamamos o dereito de resistencia como elementos concienciados do que supón a amputación da nosa entidade financieira para o próximo futuro, disolta a nosa Caixa no maremagnum do discurso sofista que se pretende verdadeiro e indiscutible ó manter con afouteza que unha soa caixa é o mellor para o interese de Galicia. O interese Xeral está representado por maiorías políticas circunstanciais e as decisións das institucións non poden adoptarse sen atender o eco que espertan na opinión pública.
Despois de moito debate un fato de mozos espetoume: "a ver dinos, que perdemos con Caixanova?". Para que sigan afondando na sua reflexión resumo por escrito o que na mentada discusión defendín de palabra.
Primeiro perdemos a memoria, a memoria que dá continuidade estruturante á comunidade veciñal e política. Pois compre lembrar que permitindo esta abducción extínguese en nos o impulso creativo dos fundadores que en 1879 deron vida a unha modesta institución de aforro vinculada ó monte de piedade donde os pobres pignoraban os poucos obxectos de valor que os poideran axudar a soportar os golpes adversos da fortuna. Alí iníciase a extensión do creto aos cidadáns que vivían do seu traballo, privados dun sistema universal de saúde, dun sistema educativo completo, orfos de calquera seguro de desemprego, carencias todas elas que foron paulatinamente conquistadas polo proletariado urbán o longo da segunda metade do século XIX ata ben entrado a segunda metade do século XX.
O aforro modesto concentrado nas caixas atendeu á demanda, igualmente modesta que solicitaban os traballadores mais agobiados cando eran visitados polo infortunio. Esto compre lembralo, porque aínda sendo outros os tempos non son de tódolos xeitos hoxe menos inquietantes.
En segundo termo estimo que perdemos un modelo de entidade de aforro definido pola preocupación fundamental de desenvolver e elevar a condición formativa do factor humán. Vigo, cidade crisol, á que arribamos forasteiros e callamos cidadáns, debe a sua Caixa un plan completo de desenvolvemento educativo compensatorio: garderías, centro de EXB, colexio de FP de San Roque, o centro "Saladino Cortizo" de educación especial e de xeito sobranceiro a construcción das instalacións do CUVI como núcleo seminal da espléndida universidade que temos. Pero sendo importantes estas realizacións nada serían se a Caixa non asumira o pago das nóminas do profesorado cando se comprometeu con Ministro de Educación e Ciencia Sr. González Seara a pechar coa gabela das remuneracións mentras o Ministerio non dera artellado o orzamento necesario para o funcionamento normalizado do Colexio Universitario.
A Universidade de Vigo, para o Sur de Galicia foi reivindicación que tivo na Caixa adalid indesmaiable, decimos así porque con seguridade o proceso de estruturación do moderno sistema universitario de Galicia foi realidade que atopou na vocación polo desenvolvemento do capital humán do territorio que alentaban na Caixa un factor dinámico mobilizador de tódalas enerxías sociais, políticas e institucionais para que a nosa área xeográfica, tan volcada na actividade empresarial se vira asistida por unha oferta cualificada de man de obra, de cuadros e directivos capaces de impulsar con eficacia a nosa vocación industrial.
Desta mesma paixón xurdiu a Escola de Negocios que completa con formación específica a iniciativa de todos aqueles que sinten o prurito dos emprendedores. A xeracións que pasaron por estas institucións, animan e dirixen o noso tecido empresarial e productivo. Non foi allea a nosa institución financieira a ningunha iniciativa científica e de investigación que agromara no noso ámbito territorial.
En terceiro lugar perdemos un axente cultural insustituible, lembremos senón a desidia que causou a perda do Vigo vello e monumental, de hermosos edificios de pedra, cidade que se perdeu como tan palmariamente nos ten mostrado o arquitecto Xaime Garrido. Que houbera sido do hermoso edificio do arquitecto Palacios, o teatro García Barbón, que hoxe acolle un programa cultural fundamental na cidade. Igualmente emblemático é o edificio coñecido como Casa Bárcena, adicado despois da restauración a Centro Social de actividade trepidante.
Caixanova fornece a financiación dunha iniciativa indispensable para as necesidades do noso dinamismo social, o pazo de congresos en Beiramar que logo será un fito de referencia inexcusable. A música, o teatro, a pintura e o compromiso co sistema museístico da cidade –nomeadamente o MARCO–, atoparon na preocupación pola elevación do nivel cultural e da sensibilización popular pola creación artística que latexa na nosa entidade financieira de referencia, o motor certo do seu dinamismo. Habería que valorar a colección de pintura e arte de Caixanova para ter idea cabal da riqueza artística que se atesoura.
Cidadáns sensibles, cultos, ben formados intelectualmente e con vocación empresarial transformaron Vigo e cando o sector agrario, como consecuencia da modernización e maquinización do campo liberou os excesos da sua poboación activa, o sistema productivo industrial puido acoller e incorporar as novas capas de poboación traballadora artellando simultáneamente políticas activas de construcción de vivendas. O barrio de Coia ofrécenos de seguido unha ilustración modélica de eficaz integración urbán.
Moitas xeracións accedemos ás nosas vivendas apalancados polos créditos hipotecarios da nosa Caixa. Créditos non fallidos que afortalaban, a medida que se cumprían os compromisos, a saúde económica dos seus balances, o tempo que o incremento dos beneficios avalaba a firmeza da sua solvencia.
Esta poboación traballadora e de modestos recursos, convertida en factor solvente da demanda interna, accedeu igualmente o uso e disfrute dos primeiros vehículos, financiados na inmensa maioría pola nosa institución de aforro.
Cando a restructuración industrial, a crise do sector naval, e a extensión das augas territoriais do mar ata as duascentas millas, puso en crise ó sector naval, o aopio a flota, a construcción e a extensión da rede de frío, a modernización en suma do noso sector pesqueiro, atopou na Caixa de Aforros o protagonista financieiro que situación tan comprometida requería. No ano 1987 máis de vinte mil millóns de pesetas distribuidos en créditos a multitude de armadores permitiron a construcción de 46 novos barcos que garantizaron emprego na Ria de Vigo durante uns anos cruciais, según informaba FARO DE VIGO en febreiro de dito ano.
Non queda lonxe a laboriosa xestión para a construcción do cinto de circunvalación que ocupou moitos desvelos do Concello e tamén da Consellería de Ordenación do Territorio. Pois ben, a Caixa, a través do seu director xeral, compareceu ante o Ministro de Fomento acompañando o Conselleiro e o Alcalde da cidade, para garantir con once mil millóns de pesetas a execución do proxecto. Por certo que o Ministro a sazón non considerou a oferta.
Na actualidade Citroën reclama as axudas do Estado que respondan o mantemento da actividade na factoría viguesa. Fai anos na anterior crise fomos testigos dos oitocentos millóns que aportou a Caixa de Aforros Municipal de Vigo facilitando o goberno galego a liquidez precisa para acudir en auxilio da empresa exportadora por excelencia.
Quedará alguén que aínda se pregunte que perdemos nos con Caixanova? Os que pensan convencernos co argumento que fusionar é unir, reflexionen que a fusión a martillazos non une, fende o país sen remedio.