Co obxectivo de "afondar no desenvolvemento dos preceptos da lei de normalización lingüística no tocante ao ensino, sen dúbida un sector fundamental para a implantación de hábitos lingüísticos en galego, e establecer unha nova regulamentación do galego que facilite o seu emprego en todos os niveis e graos non universitarios", tal e como se declara no preámbulo das Bases para o Decreto de Plurilingüismo, recentemente perpetradas polo goberno de Núñez Feijóo, cómpre reducir o número de horas e materias impartidas na lingua propia de Galiza. Natural. O reparto que propugnaba e pretendía implantar o decreto aínda vixente –obra do goberno da anterior lexislatura–, un equilibrio do 50% entre as dúas linguas oficiais, dificultaba o desenvolvemento dos preceptos da lei de normalización. Resulta evidente que a porcentaxe do 30% agora proposta apunta no rumbo dunha nova regulamentación que –as cifras cantan– impulsa con maior enerxía a implantación de hábitos lingüísticos en galego, aínda que semelle o contrario. As novas evidencias aritméticas concordan coas recentes descubertas da Sociolingüística, unha fulgurante reviravolta con mudanza de rumbo en dirección antípoda do pensamento do Secretario Xeral de Política Lingüística, don Anxo Lorenzo, especialista, precisamente, na materia que se ocupa da vida e morte das linguas no ámbito social. De sabios é rectificar. Se a rectificación se realiza por vía de urxente adaptación ao medio político no que o sabio, por vontade propia, se instala, a súa sabiduría atinxe rapidamente un nivel de excelencia e complexidade que fai dificilmente comunicábel o sentido das novas convicións.

Podemos intuír, non obstante, o perfil da música de fondo, Sinfonía do Novo Mundo, himno da Galiza Trilingüe. Ademais de afortalar a implantación de hábitos lingüísticos en galego por medio da redución porcentual do uso escolar deste idioma, de acordo co axioma tradicional que afirma "menos é máis", trátase tamén de non desatender a defensa do castelán, lingua ameazada como consecuencia da imposición do galego en todos os ámbitos da vida social, especialmente na sanidade, nos medios de comunicación, na industria, no ensino e no ecosistema das grandes superficies comerciais. Cómpre, asemade, protexer o inglés dun hipotético, aínda que non demostrábel, de momento, risco de extinción no noso territorio. Estamos na hora axeitada para unha definitiva consolidación da recoñecida competencia lingüística dos estudantes como usuarios espontáneos da lingua de Margaret Thatcher, que, a partir de agora se reforzará progresivamente co estudo dun 30% das materias en inglés, aprendizaxe e docencia ben doadas, aínda que inéditas en tal porcentaxe no espazo da Unión Europea. Os rapaces e rapazas de Galiza, para os que resulta labor arduo –como xa alertou o colectivo Galicia Bilingüe– o seguimento das materias transmitidas en galego imposto, non terán problema, pola contra, para comprender e asimilar explicacións especializadas e textos escolares escritos en inglés universal. Razón pola que non estarán obrigados ao uso oral nin escrito da lingua propia de Galiza pero si do idioma natural de Occidente. Lembremos reiteradas declaracións procedentes dos líderes da dereita, entre eles as do pontevedrés Mariano Rajoy, incapacitado desde o nacemento para articular fonemas e palabras galegas, en relación co idioma da Gran Bretaña –que tampouco le nin fala–, fundamental para o futuro e destinado a resolver o "inútil debate sobre se se debe educar en castelán ou na outra lingua oficial".

A nova aritmética complementa así as súas propostas coa Xeometría da Equidistancia Triangular, base para unha Sociolingüística do Trilingüismo Harmónico. Para unha distribución xusta das tres linguas que conviven en Galiza e desde Galiza para o mundo, contaráse a partir de agora, tamén desde a filosofía da triangulación equilibrista, coa colaboración de tres instancias ditaminantes: a opinión vinculante de nais e pais, a decisión dos consellos escolares e algunhas determinacións emanadas da lei. O lexislador reparte responsabilidades en fragmentos porcentuais que, máis unha vez, deseñan a figura do triángulo áureo e evitan á Consellería de Educación comprometerse de cheo en impopulares ditames que poden cheirar a imposición, molesta substancia inevitábel dos decretos e leis destinados a organizar a vida colectiva. En Galiza están de sobra os poderes lexislativo e executivo. Que lexislen directamente os cidadáns através de enquisas e consultas anuais. O esperpento está servido. Os espellos cóncavos e convexos reflicten a imaxe deformada das certezas da Sociolingüística e o perfil grotesco da dereita españolista.