Luis Espada Recarey, o noso infatigable Valedor do Cidadán, deu a coñecer esta semana un estudo interesantísimo, “A mobilidade local”, para identificar os comportamentos e hábitos dos vigueses en relación co emprego dos medios de transporte dentro da nosa cidade. Os datos do traballo, realizado en base a 1.372 entrevistas a persoas con idades entre os 16 e os 80 anos, comparados ademais cos proporcionados por un estudo anterior (realizado polo Valedor en 2003) e cos doutras cidades europeas, amosan que na cuestión da mobilidade urbana a cidadanía viguesa non pode estar satisfeita.

O estudo demostra que nos indicadores globais de mobilidade urbana sostible melloramos lixeiramente con respecto a 2003. Unha boa noticia. Empregamos un pouco máis o Vitrasa, xa que pasamos do 11,1% ao 14,0%, porcentaxes aínda moi cativas de uso habitual do transporte público, inferiores ás da maioría das cidades europeas que superan o 30%. Abusamos un pouco menos do coche particular, xa que baixamos do 43,9% ao 41,0%, cifras aínda moi elevadas, superiores á maioría das cidades europeas estudadas, que oscilan entre o 20% e o 30%. Mantemos o noso costume de camiñar (supón o 45,0% dos nosos desprazamentos urbanos) que, a pesar das costas viguesas, nos sitúa á cabeza das cidades europeas en hábito tan saudable, só superados por Vitoria e A Coruña.

Porén, cando descendemos a análise desagregada desas tres variables, acéndense todas as alarmas, sobre todo, no que atinxe ás mudanzas no emprego do vitrasa e do abuso do vehículo particular, onde se atopa a cerna das posibilidades de transformación do caso vigués cara a un modelo de mobilidade sostible. O estudo de Espada pon moi ás claras que Vitrasa, a pesar das melloras do seu servizo, ten enormes dificultades para gañarlle terreo ao emprego do coche particular como medio de transporte para acudir ao chollo e participar nas actividades de ocio (sobre todo na fin de semana). A pesar dos atascos e dos problemas de estacionamento, un 60% dos vigueses prefire levar o coche ao traballo e só un 20% (un de cada cinco) ir en vitrasa. Outrosí sucede cando acudimos aos espectáculos, como ben podemos comprobar nos días de partido en Balaídos, onde apenas tres ourugas abondan para desprazar os seareiros celestes vigueses. Outrosí sucede, seguindo os datos de Espada, co tremendo desplome que nos últimos seis anos sufriron os servizos de transporte escolar en beneficio do uso dos vehículos particulares das familias; unha involución moi negativa, agravada pola dobre fila incívica (e consentida pola Policía Local) diante dos centros educativos privados de Venezuela, Pi y Margall ou Sanjurjo Badía, que intensifica innecesariamente o tráfico e arruína durante horas a eficacia do transporte público. Comportamento semellante é, tamén, o dos universitarios consultados que amosan a súa preferencia por subir ás Lagoas no seu coche, desmerecendo o uso do servizo de transporte público existente.

Os datos amosan, tamén, unha cidadanía á que lle presta realizar a súa compra diaria sen utilizar medios motorizados, un comportamento esperanzador, moi saudable para o medio ambiente e para as posibilidades do comercio de proximidade. Con todo, tanto polas cifras deste estudo como pola innegable saturación de tráfico que sufrimos, semella que a nosa cidadanía continúa ancorada de forma maioritaría no abuso do vehículo particular. Non parece que este comportamento sexa o axeitado para unha cidade que pretende liderar a loita contra o cambio climático, mellorando a súa eficiencia enerxética e rebaixando as emisións de gases de efecto invernadoiro. É posible outra mobilidade urbana para Vigo?

É imprescindible atopar un modelo alternativo, non só para poñerlle freo ás emisións, tamén para evitar chegar a un colapso no funcionamento da cidade. Máis aínda, cando as perspectivas son pouco alentadoras, xa que a política de construción de estacionamentos soterrados intensificará o tráfico de vehículos privados sobre o centro. A longo prazo, haberá que deseñar, como temos proposto tantas veces, un novo modelo de transporte colectivo, sexa metro ou tranvía. A curto, o obxectivo non ofrece dúbidas: equilibrar as cifras actuais de transporte público (14%) e privado (41%) nos indicadores europeos. E para iso é imprescindible que o concello aposte por facilitar a circulación dos vitrasas e, ao mesmo tempo, e como lexítima contrapartida, esixirlle á concesionaria a mellora dos seus servizos (sobre todo no que atinxe ao aumento de frecuencias). Como tamén é unha prioridade establecer medidas disuasorias do uso do coche e, cando sexa necesario (como no caso da inmoral dobre fila), punitivas. Os vigueses camiñamos moito, agora, o reto é como deixamos de abusar do coche privado.

bretemas@gmail.com