"Que Deus a bendiga, Señora Robinson. O Paraíso ten un lugar para todos aqueles que rezan": velaí, acaso, o texto da declaración de amor que un rendido/apaixonado Kirk Mc.Cambley –dezanove primaveras conta a criatura-- lle dirixiu á moi relixiosa, moi puritana, moi membro activo da Igrexa Pentecostal, moi homófoba, moi retrógada…. –iso apenas nos discursos, claro; todo un auténtico pendón verbenero, a medida que imos coñecendo as súas variopintas aventuras-- Mrs. Iris Robinson, esposa que aínda é do ministro principal de Irlanda do Norte (Ulster, para os da súa banda) Mr. Peter Robinson. Esposa dun só Peter verdadeiro, pero amante, barragá, querida… de medio país do Cúgie Uladh, segundo oportunamente andan a informar emisoras de radio, "papeis", canles televisivas e mais Internet adiante.
Iso si; ben pode acontecer antes de continuarmos coas presentes liñas, e á vista do título que preside, que xurda algún(s) de entre Vdes. –sempre moi amables lectores destas crónicas semanais que hoxe retornan, logo da paréntese de Nadal e Aninovo-- a reaccionar cun aquel de abraio/desacougo/ e mesmo de indisimuladas aberta mofa e befa: "Pero… a quen vén semellante impertinencia? Seica non pode Vde., Sr. Pena, timbrar a súa columna en cristián, como fai todo o mundo? A santo de qué iso de encabezala en inglés? Desde logo…"
Queden tranquis; non se me alporicen, meus. Comprendan, ben polo contrario, que poucas veces ten un servidor a oportunidade de matar dous pombos cun único tiro. Lembren, dunha parte, que este –seu-- modesto cronista algo ten que ver, despois de todo, coa "cousa" do ensino. Pois ben; non está aí xa, mesmo á volta da esquina, ese singular plurilingüe decreto de parte do noso inefable e –plurilingüe?-- goberno autonómico a determinar que un terzo das materias han de ser explicadas, xustamente, na lingua de Mr. Shakespeare? Segundo o vello adaxio, "home prevido…" Mais acontece aínda, doutra banda, que aqueles de entre Vdes. que xa "peinen canas" han de recoñecer sen dúbida o estribillo da canción composta no seu día por Paul Simon e Art Garfunkel, e que funcionou como banda sonora da célebre película de Mike Nichols protagonizada por Anne Bancroft e un rapazolo Dustin Hoffman; nin que dicir ten, refírome a "O Graduado": "Jesus loves you (Mrs. Robinson) more than you will know".
"Pode ser, de certo, que Xesús me ame máis do que eu chegue a saber" –debeu coidar Dona Iris--, pero, por se acaso, máis que dito está aquilo de que "para que lo coman los gusanos…", ou como queira que iso se traduza ao guiri. E é que co amor divino/platónico acontece algo semellante ao que ten lugar coa beleza interior e a exterior; a primeira, en ocasións, está tan oculta, tan agachada que por moito que un mire e remire, non che hai maneira. Porén, a exterior –sobre todo cando se chama, poño por caso, Angelina Jolie, Charlize Theron… Sharon Quen-Tivo-Retivo Stone, e poñan os/as lectores/as os exemplos masculinos que lles peten-- si que visible, a condenada!
Os todopoderosos Usa con adolescentes descerebrados/as e mais francotiradores psicópatas; Rusia con axentes secretos compulsivos xurdidos do frío; Bélxica con taciturnos asasinos a enterraren as súas vítimas no xardín da casa; o Reino Unido con estiradísimos lores circunspectos a se travestiren como auténticas toliñas tan logo como teñen ocasión ; da nosa parte, con recorrentes trabalinguas, quebralinguas, malalinguas, linguas de dobre fío a enredaren e fozaren… vaia, que está visto que cadaquén garda os seus cadáveres no armario asemade que ten que padecer as falcatruadas dos seus demos familiares: simples trasnadas, nuns casos; absolutas e infelices desgrazas, noutros.
Din que preguiza é a nai de todos os vicios. Pode que así sexa, pero, en todo caso, vén ser a hipocrisía o alicerce certo onde asentan todas as maldades. Errou Mrs. Robinson: no seu mundo perdoan que envíes a xente a morrer nunha guerra ilegal ou que deixes morrer de fame aos nenos doutro continente. Porén, nada que conteña drugs, sex and rock´n´roll pode ter cabida. "God bless you please, Mrs. Robinson. Heaven hols a place for those who pray". No seu Paraíso –no dela, claro- talvez teña asento de tribuna reservado. Nestoutro purgatorio/paraíso doméstico desta beira… aquí, nin de coña!