"Onte falou o fillo de don Bernardino no Club novo. Pediu unha fonte pra o Forte". Así falou un vello mariñeiro na taberna de Turata, Cangas.
En realidade o fillo de don Bernardino, o mozo Bernardino Graña, pronunciara unha espléndida conferencia no Club Rodeiramar sobre o heroi e o seus substitutos contemporáneos. Referiuse ao protagonista de L´Etranger, de Albert Camus, en atrevida relación con don Quixote da Mancha. Era o verán de 1959 e Xosé Alexandre Cribeiro, como directivo do Club, organizara un pequeño ciclo de conferencias que chamaron algo a atención en Cangas de Morrazo e en Vigo. Logo da conferencia de Bernardino, intensamente existencialista e xeracional, veu a de Alvaro Cunqueiro, sobre zooloxía fantástica. Convén observar que daquela o mindoniense estaba moi afectado por un libro de Borges sobre tales asuntos que vira a luz nas edicións da Revista de Occidente. Logo eu falaría sobre Joan de Cangas e os trovadores do Mar de Vigo. Cunqueiro regaloume o guión da súa palestra cun dibuxo da Ave Roc e a súa asinatura.
Camus, no verán de 1959, non gozaba de simpatías políticas en determinados círculos, non pola súa controversia con J.P. Sartre, senón por el ser alxeriano e non lle dar apoio ao combate independentista dirixido polo FLN e por Ben Bella. En realidade, nisto Camus coincidía co Partido Comunista Francés que non reclamaba a independencia e a descolonización de Alxeria. Cantábase moito polas rúas a cantiguiña, orixinaria do Oranesado, "Ya Mustafa", que era como himno festivo a favor do FLN.
Pero todos sentiamos un extraño afecto por Camus, ao que, nembargantes, consideraban, algún de nós, un suxeito "humanitario" de pensamento elemental. Ninguén deixaba de admirar a súa potencia literaria e o citado librín, O Extranxeiro, convertiuse naqueles anos no distintivo emblemático dun vago "nosoutros" que nos situaba en solos e terreos moi distantes do fascismo. Pasabamos a frontera de Hendaia examinados por gardas civís mal barbeados e pior encarados e por policías don bigotiño de ex-alférez provisional moi seguros de que nos puñan o medo no corpo. Ao entrar baixo o dominio da xendarmería francesa, o sol radiaba e o corazón se puña coma esponxa. Aquilo era Francia e aquilo era o lugar no que o conflicto se establecía entre Sartre e Camus. O horror, ou sexa España, ficaba atrás.
Durante as vacacións de Nadal, o catro de xaneiro de 1960, soubemos a noticia. Camus morrera nun accidente de automóbel. Pertencía a unha promoción de combatentes que actuaban sobre nós coma mestres ou irmáns maiores. Falo da xeración dos soldados na Guerra de España e dos que souberon resistir ao fascismo en Europa. Sartre elaboraba unha doutrina, a do "compromiso", que nos influiu durante a vida. Albert Camus deixou de vivir hai cincuenta anos e rara foi a estación, en tal medio século, na que non voltaramos sobre un seu libro, sobre unha súa páxina.