|
|
|
HEMEROTECA » |
|
Se todo ten lugar na espazo da coherencia, Xosé Luís Méndez Ferrín –quen, como Vdes. coñecen dabondo, escribe aquí ao lado, na porta situada máis á esquerda- resultará elixido en breve novo presidente da Real Academia Galega.
De certo, para nada precisa o aludido que este modesto cronista veña escribir aquí e agora calquera cousa ao respecto. E de certo, igualmente, que tampouco necesitan os, sempre moi amables, lectores destas liñas que un servidor veña subliñar/repetir determinados apartados tanto acerca dos méritos que concorren na figura do propio Ferrín como aínda arredor de qué significa, e ha de significar, a propia institución académica no tocante, sobre todo, ao seu papel esencial no proceso de defensa da normalización lingüístico-cultural do noso país. Non obstante, permitan Vdes. que o cronista volva insistir. Primeiro, porque estamos a tratar de alguén que, se no plano obxectivo, constitúe a figura máis representativa das letras galegas da xeira que habitamos, unanimemente aceptado como o mellor escritor de noso –e con auténtica proxección internacional-, desde esoutro territorio subxectivo, damos en falar de alguén a quen me cabe a honra de coñecer desde a miña mocidade: un compañeiro diario nas tarefas docentes ao longo de vinte e cinco anos, un amigo certo co que transcorreron e transcorren –e agardo que sigan a facelo por moito tempo aínda- magníficas horas de de proxectos conxuntos e tamén aínda de feliz conversa e lecer. Pero persisto, en segundo termo, porque, superados momentos escuros, a relevancia da Academia, o afortalecemento do seu carácter referencial, a consistencia do seu quefacer deveñen apartados irrefutables no proceso de (re)apropiación dos nosos sinais de identidade.
Tras as brillantes etapas de Fernández del Riego e X.R. Barreiro Fernández, a figura do presidente da Academia Galega vén ser a dun intelectual de prestixio, un representante incontestado da galeguidade, alguén que, con absoluta independencia de calquera poder social, político…, asume como tarefa primordial a defensa do idioma, o seu emprego normal no país, a proxección da nosa cultura como un patrimonio común a todos os galegos, un tesouro que queremos e podemos utilizar arreo na mellora da nosa calidade da vida.
Corren, porén, certas conxunturas de (interesada) confusión. De aí que haxa quen teime, porfíe…, a conto da "independencia", na procura dunha "despolitización" da Academia; o que é máis, semellan dispostos os tales –algún deles auto-proclamado "líder de opinión", (case)editorialista de determinadas tribunas mediáticas- a darlle leccións de (supostas) esencias democráticas ao presidente e membros da mesma. Pois ben; para alén da moi lexítima, opción concreta de cada unha dos cidadáns que a compoñen, a Academia Galega ten como labor a proxección e mais o respecto debido ao idioma galego, tal e como figura consignado, ademais, nas leis que nos rexen. Xa que logo independencia non significa –non pode significalo nunca- deixación, ausencia de belixerancia, neutralidade… cando o que está en xogo vén ser, nin máis nin menos, iso mesmo que constitúe os alicerces do labor da institución. E todo isto por moito que desgoste, ou poida desgustar, a algúns (falsos) defensores da liberdade, dispostos mesmo a secuestrala cando non favoreza aos seus intereses.
Certamente que hai na actual RAG xentes ben merecedoras de acceder á súa máis alta representación e, polo tanto, a decisión dos académicos –sexa cal for- ha de resultar acertada. Porén, por todo o exposto máis arriba, o cronista quere depositar, aínda que só sexa simbólico, o seu máis afectuoso voto a favor de X.L. Méndez Ferrín.
|
|
| LA SELECCIÓN DE LOS LECTORES | ||
LO ÚLTIMO |
LO MÁS LEÍDO |
LO MÁS VOTADO |
| CONÓZCANOS: CONTACTO | FARO DE VIGO | LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES | CLUB FARO DE VIGO | ACERCA DE ED. GALEGO | PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR |
|
|
||||||||