EN DIRECTO

O crucifixo ausente

X.L. Méndez Ferrín

 06:30  

Xesús, cruelmente cravado na cruz, constitúe unha imaxe de grande impacto emocional. Cando eu era neno aínda o P. Serrano e outros predicadores abominaban nos púlpitos de Azaña por que el ordenara quitar o crucifixo das escolas. Había unha estampiña que levaba o Cristo de Velázquez por unha cara e, pola outra, a poesía que unha neniña lle escribira a Xesús cando lle retiraron o crucifixo da súa aula. Antes, en México, os "cristeros" fixeran unha revolta dirixida polo clero que tiña como obxectivo real impedir a reforma agraria e como pretexto de fe a retirada dos cristos das escolas e centros oficiais. Hai ecos deste movemento en Pedro Páramo, de Rulfo. Un dos núcleos da propaganda das dereitas autónomas e das dereitas fascistas durante a II República foi a retirada dos crucifixos. Todo o mundo sabe que Constantino venceu a Maxencio porque unha aparición lle fixo ver que con aquel signo vencería. As cruzadas levaron, como é obvio, o signo da cruz nas súas sanguinarias operacións en Terra Santa. Hai unha fantasía moitas veces centenaria que identifica o signo da Cruz co poder. "Cristo vence, Cristo impera,/ Cristo reinará./ Flota al viento su bandera/ y en sus pliegues la victoria va".

A Orde Teutónica colonizou a Prusia Oriental e inaugurou a östpolitik imperialista alemá arborando o signo da cruz. O valor propagandístico do crucifixo é moi rendedoiro e non sempre os que usan del teñen a caridade, máxima virtude cristiá, aniñada nos seus corazóns. Agora parece que tratan de reeditar a campaña das dereitas que nos días da República tiñan os crucifixos como lema da súa protesta. Certo que naquela época resultoulle moi ben ás dereitas porque as identificaron para sempre, ou sexa deica o día de hoxe, co catolicismo. Rouco Varela e o PP, sen ningunha clase de pudor, lánzanse a explotar a imaxe do crucificado con fins políticos. E comezan cunha mentira. Ela consiste en decer que a Unión Europea e Zapatero ordenan retirar os crucifixos das escolas, como ocorrera na República. É certo que, daquela, España foi realmente laica e os crucifixos desapareceron dos centros oficiais. Pero no día de hoxe en Galicia, e estou seguro de que tamén en todo o territorio do Estado Español, os crucifixos non poden ser retirados dos centros de ensino público pola sinxela razón de que hai un mundo de anos que non penduran das súas paredes. Teño unha filla de vintecinco anos que, desde preescolar ao último día de universidade, nunca mirou un cristo nunha aula. Mesmo antes da morte de Franco os crucifixos ían desparecendo dalgúns centros de ensino público por acción do seu profesorado laicista, o mesmo que os retratos de Franco e de José Antonio Primo de Rivera.

No instituto no que eu fun docente, o Santa Irene de Vigo, un tempo aloxado en Coia, deixou de haber crucifixos ben antes de que Franco marchase a se someter a xuízo particular perante a Face de Deus. Decer que se impón a lingua nosa porque a metade das asignaturas ou materias se vaian explicar en castelán e a outra metade en galego é unha falsidade posta en circulación polo PP para ocultar a súa incapacidade e o seu desinterese polos problemas reais. Decer que o goberno quer retirar os crucifixos das escolas é unha mentira igualmente propagandística pois nas aulas dos centros de ensino público, e supoño que en moitos dos privados, na actualidade non hai simboloxía relixiosa. O debate sobre confisionalidade e laicismo debe establecerse doutra maneira.

  HEMEROTECA
Caja Negra        O Bichero         Floreano
  LA SELECCIÓN DE LOS LECTORES
 LO ÚLTIMO
 LO MÁS LEÍDO
 LO MÁS VOTADO
CONÓZCANOS: CONTACTO | FARO DE VIGO | LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES | CLUB FARO DE VIGO | ACERCA DE ED. GALEGO PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR
farodevigo.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca | El Diari  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad | Oscars | Premios Goya