Como acostuman –ou acostumaban, polo menos- consignar as crónicas taurinas, sen dúbida que hai entre Vdes, sempre moi amables lectores destas liñas semanais, unha efectiva "división de opiniones" na hora de xulgar a "faena" que veñen de ofrecernos o señor conselleiro de Educación, D. Xesús Vázquez Abad, e mais equipo adxunto a propósito da suspensión de actividades docentes en Primaria e Secundaria este pasado mércores, día 16 do mes que habitamos. Maticemos, non obstante e para que ninguén se alporice, que do que se tratou foi dunha suspensión das clases previstas para ese día; polo contrario, houbo moitos profesores que si acudiron aos seus postos de traballo, para levar a cabo as sesións de avaliación e/ou demais tarefas burocráticas. É dicir, a medida foi tomada apenas en previsión de accidentes e en amparo das raparigas e rapaces.
Mais do que se trata aquí e agora, cabe supoñer, é de que este modesto cronista achegue o seu parecer acerca de semellante conxuntura. Pois ben; a iso imos decontado, meus; iso si, disimulen Vdes. que vaia polo medio, antes, un xeito de pequena parábola.
Anda a circular por aí adiante, Internet no medio e medio, a seguinte fábula fabulosa á que un servidor lle engade aínda unhas pingas da súa persoal colleita: "Ano 1989. Durante o recreo, Paco, Paquiño, chama a Xosé Manuel para mostrarlle unha navalla suíza que lle regalou un tío seu con motivo do rapazolo vir de cumprir quince anos. Ambos os compañeiros están absolutamente entregados aos posibles, e marabillosos, mil e un usos da singular ferramenta cando se lles achega o profesor de física e química, D. Antonio, quen lles pide poder botar unha ollada á tal faca. Vista e revista esta, o profe procura no peto e velaí que tira del, mostrándollela moi feliz aos seus discípulos, unha outra pequena daga senlleira: non posúe a variedade de funcións desoutra das terras alpinas, pero a navalla de D. Antonio é das de Taramundi, aí é nada! Chega o final do recreo e, con el, profesor e alumnos retornan, felices e contentos, á próxima clase. Fin da primeira parte.
Ano 2009: Jonathan chama a Carla Jennifer –ous dous cumpriron a quincena- para mostrarlle unha navalla suíza que foi quen de mangarlle a un tío seu. A parella é sorprendida, daquela, pola directora do Departamento de (Para)psicoloxía, Dna. Margarita, quen decontado requisa a arma, chama á xefa de estudos, ao director… Nun abrir e pechar de ollos, reúnense representantes da Apa, do concello, da consellería, dos diferentes sindicatos, de varias organizacións de defensa contra-defensa dos dereitos humanos (e desoutros dos fabricantes de navallas suízas e/ou galego-asturianas con denominación de orixe), de Galicia bilingüe (en que idioma se produciu a conversa dos rapaces e/ou coa (para)psícolaga?)… e chegan á conclusión de que alí mesmo, mire Vde.!, se está a producir, ao tempo e nin máis nin menos, que unha explosión de violencia nas aulas, de violencia de xénero –non esquezamos a posible simboloxía fálica do obxecto do delicto-, de deterioro da calidade educativa (niso terían razón, digo eu!), da capa de ozono, do cambio climático e mais da convivencia democrática no marco dunha crispación crecente e bla, bla, bla. Aparecen, como por arte de maxia, Mercedes Milá, os de "Callejeros" e mais Supernnay e a cousa acaba nos parlamentos –autonómico e estatal-, nos xulgados da praza de Castilla e nos platós de "Sávame de luxe" e "La Noria". A Conferencia Episcopal, entendendo que todo é produto da evidente descristianización desta sociedade hedonista, fané e descangayada, chama a unha manifestación na que se pide a dimisión de ZP e á que acoden, segundo os cálculos de certos medios de comunicación, arredor de 30.000.0000 de manifestantes."
Traducido: que un rapaz/rapaza de dezaoito anos pode ir de "misión humanitaria" ao Afganistán, pero apenas uns meses antes vén resultar tan delicado/a como o/a curmán/á rarito/a de Peter Pan. Así as cousas, se eu fose conselleiro de Educación –líbreme S. Alberto Núñez Feijoo de tal!-, andaría tamén a velas vir. Non vaia ser o demo, poño por caso, que un autobús calquera pegue un frenazo e, por mor do xeo, un cativo/a sufra unha escordadura que o envíe ao dique seco durante quince días ou un mes! Ou que é o que pretenden os nosos dirixentes –e o cronsita canda deles-? Que vivamos todos/as perigosamente?
En fin; o autor destas liñas –que se despiden de Vdes. deica o próximo ano; feliz Nadal e boa entrada do 2010-, por máis que xa non sexan alumnos de Primaria e/ou Secundaria, non se considera, a pesar do dito/escrito, un mal pai de fillos.