EN DIRECTO
SI HOME SI

Novas tecnoloxías e vellos vicios

Por Xosé Manuel Pereiro

 06:30  

Unha das características das clases dirixentes españolas, políticas ou económicas, é ter tan claros os obxectivos para mellorar e absolutamente escuros os camiños para conseguilos, quitado as insinuacións ao cidadán de que poña algo da súa parte. Iso, cando non a chamada de atención directa a que o faga o propio cidadán. Está o caso da productividade, que sempre reclaman como se no fondo estiveran berrando para que traballásemos máis, cando do que se trata fundamentalmente é de mellorar a organización do traballo, aspecto que non depende precisamente dos currantes. Ou o caso das novas tecnoloxías, con esas campañas de promoción entre o ridículo e o paternalismo, sen que unha cousa quita a outra, para que a xente as use. A min paréceme que nunha houbo necesidade de promover o uso de adiantos como a electricidade ou o automóbil. Outra cousa son os servizos e os prezos, que é onde os que mandan, na política e na economía, poden facer algo.
Por exemplo, a Comisión del Mercado de Telecomunicaciones (CMT), organismo nada alternativo, acaba de informar que Telefónica é o operador máis caro de Europa en servizos de banda ancha, os que realmente constitúen a base de internet. Segundo a CMT, a oferta do antigo monopolio no tramo de velocidade baixa é un 19% máis caras ca media europea, e para quen quere vicios, é dicir velocidades medias ou altas, os prezos son un 70% e un 63% maiores. E estamos a falar de cartos absolutos, sen ter en conta niveis salariais ou de vida de cada país. Non é soamente Telefónica, a media dos prezos en España é superior á media europea nun 6% nos servizos con máis demanda, pero a multinacional española é tamén líder noutro estudio que non ten valor científico ningún: o de queixas de coñecidos meus.
Unha amiga, por exemplo, fíxose cliente da división de telefonía móbil atraída polo glamouroso e atractivo terminal que tiñan en exclusiva, o iPhone. Glamouroso e atractivo tamén para os ladróns, como comprobou aos tres meses de ser propietaria do aparato. Afortunadamente, tíñao asegurado. O malo é que, logo dos trámites e denuncias pertinentes, cando cobrou os cartos e pretendeu facerse con outro aparato, o operador que a acollera tan amablemente tres meses antes díxolle que nada. Pasou un mes enteiro chamándoos, escoitou toda a gama de acentos do idioma español, falou con Vanessas, Cinthias, Pacos e Daríos, e cada un lle daba unha escusa ou argumento diferente para non solucionarlle o problema. Porque o problema é que ela estaba atada a ese operador, pero o terminal non llo daban nin llo vendían. Nun par de ocasións, non sabe se porque deu con becarios ou con axentes comprensivos, dixéronlle que si, e estaba a dar os datos cando se cortou a chamada (ben, cortar cortóuselle máis veces) e despois de pasar de novo o trámite das gravacións, o que lle tocaba xa non era dos comprensivos. Pediu falar con encargados, mandou cartas, denunciouno á OCU. Nada. Que soamente se vendía un terminal por DNI. Estaba pagando unha liña que non podía usar porque non tiña aparato, e da que non se podía dar de baixa. Finalmente, optou por comprar un teléfono nos Estados Unidos, por internet. Un amigo ao que llo contou díxolle que el tivera que insistir algo, pero que lle venderan un iPhone de 16Gb para substituír ao seu de 8Gb, sen que llo mangaran nin nada. Faleille dos casos (o da que non conseguiu o teléfono e o de que si) a outro amigo, e el contoume dun terceiro (ou cuarto, xa me perdín) que extraviara o iPhone dos narices no verao, e logo de moito teimar, estes días acababan de darlle un novo, sen pagar nada.
Co cal, en Europa en asuntos de novas tecnoloxías, en Europa terán mellores prezos, pero atención personalizada e axeitada ao cliente como a que dan aquí, en lado ningún.

  HEMEROTECA
Caja Negra        O Bichero         Floreano
  LA SELECCIÓN DE LOS LECTORES
 LO ÚLTIMO
 LO MÁS LEÍDO
 LO MÁS VOTADO
CONÓZCANOS: CONTACTO | FARO DE VIGO | LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES | CLUB FARO DE VIGO | ACERCA DE ED. GALEGO PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR
farodevigo.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca | El Diari  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad | Oscars | Premios Goya