EN DIRECTO
Os Camiños da Vida

Esta morte

X. L. Méndez Ferrín

 

Deixou o mundo Antonio Bernardo Rubio, grande home e amigo noso. A morte dos máis queridos, dos máis próximos, supón unha vivencia anticipada da nosa propia morte. Sentimos dó por Antonio pero, egoistas, sentimos dó ao propio tempo por aquela porción de nós que o defunto leva consigo ao reino frío do nada. De súpeto o pobo dos mortos que nos acompañaron na felicidade e no infortunio faise moito máis grande. E digo isto porque na noemoria histórica dos individuos hai mortos tan importantes que nos van obrigar a sermos menos, nos relanzos que nos resten da vida. Foi tan intensa a presenza da Antonio Bernardo Rubio na miña vida que a transformación del en recordo vai resultar moi dolorosa. Estáo a resultar xa.
A maldita memoria tómanos por asalto, fragmental e caótica. Vemos a Antonio Bernardo Rubio, novo en Coruxo, cos seus e nosos amigos en diálogo vivaz, que termina coa guitarra e os cantos dos que non poden faltar os máis comprometidos de Luís Cilia e de José Afonso. Vemos a biblioteca, os volumes de historia polos que el soía navegar, o Ramos Oliveira. Os cans boxer a tras das galiñas e que acurran un carneiro na Praia da Fontaíña, entre as gamelas varadas.
Vemos sempre, no "centro de tanto alrededor", Mariló González Lorenzo, que arrequece as letras galegas como Lola Gándara.
Xa que Antonio Bernardo Rubio era segoviano de nación, tamén o vemos en Segovia, nas rúas medievais de verán coas cigoñas a cloquear nas alturas. Vémolo en Pedraza, nas vellas pousadas dos camiños, no boscaxe fluvial de Balsaín que nos semellaba tán galego.
Vemos que os nenos nacen, e medran. A casa amplíase e a vida, con moito de feliz, avanza. Ao propio tempo, o múndo móvese. Antonio (nós con el) entra na madurez, na ancianía. E veleiquí, hoxe, Antonio Bernardo na "fosa común do tempo", que dicía o poeta. Nós dámoslles as grazas a Antonio por el contribuír, non sempre con éxito, a que nosa existencia fose equilibrada, leda, comprensiva, razoábel, leal co conxénere. Sabemos que imos seguir procurando o consello de Antonio Bernardo nas encrucilladas que aínda, nun curto futuro, estean agardando por nós para nos sorprender coa dúbida.
Decembro de 1967. Todo o país foi cuberto, en dúas horas, de pegatinas co lema LIBERTADE PRA GALICIA. Vemos Antonio na acción, valentemente. Vémolo nas mans da BPS de Taboada Leal, Vigo. Vémolo na prisión infame de Príncipe. Logo, aí o está, no TOP ( propaganda ilegal), defendido por Mariano Robles e representado polo procurador inesquencíbel Gonçal Castelló. E condenado, por episodio que abrío os tempos anovadores de 1968. Veleiquí Antonio Bernardo Rubio nun lugar preferente da historia da nosa resistencia que aínda non foi escrita e que corre perigo de esquencemento. Beizón a Javier Vázquez, abogado coma Antonio por nos lembrar en FARO DE VIGO que este era un republicano de Segovia que aoubo comprender e asumir o nacionalismo galego de esquerda.
Non se me vai da cabeza Antonio Bernardo Rubio en compañía dos amigos, nestes versos de Lorenzo Varela: "Tán doce ara a xuntanza miña e vosa,/ de todos nós co Mundo!".

  HEMEROTECA
Caja Negra        O Bichero         Floreano
  LA SELECCIÓN DE LOS LECTORES
 LO ÚLTIMO
 LO MÁS LEÍDO
 LO MÁS VOTADO
CONÓZCANOS: CONTACTO | FARO DE VIGO | LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES | CLUB FARO DE VIGO | ACERCA DE ED. GALEGO PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR
farodevigo.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca | El Diari  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad | Oscars | Premios Goya