|
|
|
HEMEROTECA » |
|
Unha muller peta hoxe na conciencia do mundo. Cando o século XX daba os primeiros pasos, o alcalde de Cork, Mac-Swiney, púñase en folga de fame para pedir a independencia de Irlanda. Morreu o patriota de Sinn Féin e Irlanda non tardou en se constituir en república, inda que non por completo até o día de hoxe. Igual que o alcalde de Cork colocou a cuestión irlandesa perante os ollos dos interesados e dos indiferentes, estes días a militante, republicana e independensita coma o irlandés citado, Aminetu Haidar conmove as persoas honradas do mundo coa súa folga de fame a morte.
Aminetu Haidar non é unha islamista de Bin Laden. É socialista e nacionalista árabe, coma os pais fundadores da independencia de Arxelia que iluminaran a nosa mocedade. A política do seu partido é nobre e contemporánea. Co seu sacrificio está a facer evidente unha causa: a do pobo saharaui ao que a barbarie monárquica de Marrocos ten asoballado contra as disposicións das da Nacións Unidas, co mesmo xesto arrogante co que o sionismo mantén ocupados territorios tamén árabes contra todo o dereito.
Haidar está a denunciar España. Todas as Españas oficiais: a do franquismo agonizante que lle entregou o Sahara ao despotismo marroquino e as Españas seguintes que desembocan en Zapatero. Agora eu lembro a posición de todos os gobernos portugueses posteriores á ocupación de Timor Leste polo fascismo indonesio, e comparo.
O pobo saharaui séntese árabe, socialista, republicano, e escolleu vivir independente da monarquía de Marrocos. Como escollera tamén iso o pobo bérbere do Rif, igualmente asoballado polo sultán de Rabat. Os gobernos españois, en lugar de fomentar a disidencia interna da monarquía marroquina, esencialmente anti-española, aplican con miopía os seus instintos centralistas no Norte de África. Desde o franquismo final a Zapatero, a política española para Marrocos teme apoiar o nacionalismo saharaui, e o bérbere do Rif, porque en lugar de Abd El-Krim se lle representa Sabino Arana e no sitio do Polisario se lle forma a figura odiada dos chamados "nacionalismos excluyentes". Nas políticas para Marrocos, toscamente aplicadas polos despachos do Palacio de Santa Cruz, España é cobarde. Iso si, tal cobardía áchase fortemente condicionado polos EE UU que ordenan que Madrid respecte unha autocracia marroquina na que se culcan sistemática e ferozmente todos os dereitos humanos en troco da fidelidade ao Imperio.
Moi concomitantes co baasiamo, con Nasser, co FLN alxeriano, os patriotas do Frente Polisario da miña xeración, e máis novos, foron conformando un corpo de doutrina e unha práctica política que aspira á autodeterminación e á independencia cara un Sahara Occidental neutralista e internamente socialista en forma de República. Na loita e na desposesión dos seus dereitos, os saharauis foron construíndo unha identidade nova. Están determinados a conseguir os seus obxectivos e o apoio popular ao Polisario e ao seu goberno é masivo. Se morrer Aminetu Haidar (ogallá non) a identidade saharaui sairá robustecida e disposta para o triunfo final.
|
|
| LA SELECCIÓN DE LOS LECTORES | ||
LO ÚLTIMO |
LO MÁS LEÍDO |
LO MÁS VOTADO |
| CONÓZCANOS: CONTACTO | FARO DE VIGO | LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES | CLUB FARO DE VIGO | ACERCA DE ED. GALEGO | PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR |
|
|
||||||||