A Darío Armendáriz, en Vigo; ao Boubeta, en Birmingham; aos tupas dispersados por Europa.
Diciamos eiquí que o combate tupamaro de Uruguay non contaba nin co apoio nin co afecto da URSS, que consideraba o MLN pequeno burgués e terrorista. Nunca se falaba deles na Revista Internacional nin en calquera outra publicación soviética. O PCCH tamén os ignoraba, por non lles resultar cómodos. Só se falaba do MLN, ou sexa dos Tupamaros, en revistas cubanas como Verde Olivo ou Razón Crítica porque nas direccións delas rexía o pluralismo revolucionario.
A URSS inmolouse a ela mesma aos pés do Capital e arrastrou o próximo; pro o Tupa Pepe Mujica é agora mesmo presidente da República Oriental del Uruguay. Sen máis apoio que os sufraxios do pobo a que pertence.
Mujica é home de palabra directa, brillante, clarificadora. Este home que pode ser o político con máis alta preparación intelectual das Américas, di sempre a verdade. Cando se dirixe ás masas sen mover os brazos e sen recorrer a fraseoloxía feita nin a citas literaritas, os que os escoitan saben que el é merecente de confianza. Mujica é o intelectual que loitou na guerrilla urbana, que sofreu longuísima cadea e que, logo dun período de política de masas, recibe o apoio dos cidadáns que o sitúan no vértice dos poderes políticos da Nación. Naturalmente, non no vértice dos poderes económicos, nacionais e estranxeiros que pretenden manexar as riquezas do País en detrimento da Nación.
Vistas as cousas desde Galicia, desde os amigos e amigas uruguayos, desde a reflexión contemporánea, un chega á conclusión de que a presenza de Mujica na presidencia do seu país é resultado dunha práctica da unidade da que foi erradicado o personalismo e o sectarismo. Se así non fose, o Frente Amplio nunca chegaría a ser e a gañar eleccións. Hai moitos anos, Dimitrov sinaláralle o camino da unidade da esquerda aos alemáns: estes desoíronno e gañou o partido nazi. A fórmula frentepopularista segue a ser válida nos nosos días e, en Uruguay, suscitou e xeneralizou a virtude de fraternidade e esta mellorou e dignificou as relación humanas no seo do pobo. O Frente Amplio triunfa e pon sobre o escudo a Mujica porque non é só unha coalición de partidos senón un conseso de esperanzas, de desexos, de confianza. De confianza en cousas mínimas que Mujica pon á frente do seu discurso, aparentemente minimalista: qué salario gañar, qué comer, ónde vivir, cómo vestirse, qué sanidade, cál escola, qué gandaría, qué banca.
Home de programa mínimo, sen dúbida, as esperanzas de Mujica furan os ceos e el mesmo se presenta, sen ningunha clase de pudor, como alguén que aspira á utopía e que a considera realizábel: a da libertade, a da igualdade.
Xa escomenzaron a se ouvir as voces que sinalan a Mujica co dedo doutrinario. E din: Mujica é un pragmático sen principios e o seu modelo é un Lula que pacta co inimigo. Que teñan coidado estes anxélicos en non lle facer o traballo suxo aos grandes intereses capitalistas, e mesmo sen cobrar por facelo. Mujica é realista e sabe o que espera por el no gobernó. Di: "Habra muchos palos en la rueda y dentro mismo de nosotros van a aparecer las mismas contradicciones que hay en la sociedad. Pero en todo caso, si tiene que venir una izquierda mejor, será después de que en la calle se laude el fracaso o el triunfo de esta izquierda. David siempre encontró la forma de luchar contra Goliath.
¿El problema final? Fundar otra civilización, porque si nos adaptamos a esta dejamos de ser de izquierda".