EN DIRECTO
Os Camiños da Vida

A propósito de José Mujica

X. L. Méndez Ferrín

 21:29  

A chegada de Pepe Mujica (acento tónico no í) á presidencia da República Oriental del Uruguay supón unha volta máis de parafuso na penetración da esquerda real no poder iberoamericano. Con Mujica presidente seguramente vostedes verán xestos de descontentamento e de ira en certa prensa progresista de Madrid que serve os intereses neocoloniais españois na América. Agora reducen a caricatura a noticia do ascenso de Mujica á presidencia. O tupamaro de pasado terrorista: insistese moito nisto. Ou, se non: o peculiar que traballa na horticultura e gosta do chimpín ("tractor lixeiro", en galego de Vigo) e do motorino. Pro "el Pepe", como lle chama a nación dos pobres uruguayos, está moi afeito a recibir as coiteladas do silencio como arma mortal. E as outras sevicias físicas.

Lembro eu ben os días de Sendic, de Wessen, de Fernández Huidobro e doutros compañeiros que, con Mujica, puxeron a funcionar o MLN, ou sexa o organización dos Tupamaros, como unha maquinaria sorprendentemente precisa. Eran "luchadores sociais", e non me parecían un foco guevarista preparado para tomar o poder como o fixera en Cuba e non se lograra facer en Bolivia e outros lugares. Alí, en Uruguay, a guerrilla era urbana e a súa práctica non se distanciaba das ideas estratéxicas e tácticas do brasileiro Maringhela. A política revestía unha certa elevación pedagóxica e parecía tratarse de devolverlle á República a nobreza e a honestidade míticas de Artigas. "Copiar en Revolución es como copiar en um examen", dixera un día Fidel Castro.Os Tupas parecían dispostos a non copiar nin das planas socialistas e comunistas uruguayas nin do brillante e fascinador modelo cubano. Eles tiñan un pequeño país que liberar, un pobo e unha clase en situación de emerxencia e tiñan cabezas pensantes para facelo. Unha destas cabezas, e destas vontades indomabeis, era a de José Mujica, "el Pepe".

Os Tupamaros recibiron inmensos apoios no Uruguay e no mundo. Pro tamén apañaron críticas escuras e silencios estrepitosos. Suslov, ideólogo oficial da URSS, e os seus funcionarios, meteu os Tupas no apartado de "movimentos pequeñoburgueses radicais esquerdistas", o que ocasionou que non se falase deles nos medios soviéticos e afíns. O sindicalismo e a esquerda uruguaya convencional acusounos de provocar a dereira e o fascismo e de perxudicar así as súas organizacións (vella estoria). Houbo quen chegou máis lonxe e suxeriu que o MLN estaba infiltrado pola policía e que era manipulado polos servizos secretos norteamericanos. Todo isto sabeo moi ben Mujica, que caiu preso cos seus compañeiros e na prisión pasou duros anos.

Que os Tupas eran constantes e que estaban "enteiros" ficou de manefesto o 15 de marzo de 1985 cando os Tupamaros que sobreviviran á represión sairon da cadea e lle comunicaban ao seu pobo que alí non se disolvía ninguén, que eles seguían.

A partir de entón, os vellos Tupas avisaron de que "ían loitar dentro da legalidade vixente" recentemente instaurada. E o seu pobo entendeu ben a mensaxe. Froito desta determinación, que nunca excluíu a posibilidade do regreso á loita armada en caso de involución politicomilitar nin tampouco a posibilidade de gañar o gobermo mediante o sufraxio universal, é a presenza de Pepe Mujica, Tupamaro, primeiro nas cámaras do Poder Lexislativo e agora na presidencia de República.

Un principio central na idea dos Tupamaros ao seren liberados e voltaren á política era a da unidade frentepopulista. E aí a está o Frente Amplio que, dunha en outra convocatoria electoral, acolle a totalidade da esquerda política, sindical, cultural, asociativa, e non cesou de medrar. A forza do Frente Amplio e forza de Pepe Mujica é a da unidade do pobo fronte aos predadores interiores e exteriores.

  HEMEROTECA
Caja Negra        O Bichero         Floreano
  LA SELECCIÓN DE LOS LECTORES
 LO ÚLTIMO
 LO MÁS LEÍDO
 LO MÁS VOTADO
CONÓZCANOS: CONTACTO | FARO DE VIGO | LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES | CLUB FARO DE VIGO | ACERCA DE ED. GALEGO PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR
farodevigo.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca | El Diari  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad | Oscars | Premios Goya