Cando os, sempre moi amables, lectores destas crónicas semanais anden a ler as presentes liñas, xa habitaremos de certo na véspera do grande acontecemento. Millóns de persoas estarán –estaremos- atentas, daquela, ás imaxes que transmitan as pantallas de TV, aos comentarios radiofónicos e aínda a esoutras informacións e noticias mil que facilitan arreo, con singular dilixencia, todos os "papeis" habidos e por haber, este venerable rotativo –faltaría máis– sempre na vangarda. Nin que dicir ten, o tal acaecemento non vén ser outro máis que ese mesmo, cualificado polos expertos como "o partido do século", e que vai enfrontar aos todopoderosos F.C. Barcelona e R. Madrid nos cumes da alta serra –cal se se tratase do célebre western de Peckinpah– da, seica, mellor liga de fútbol do mundo e parte da Vía Láctea.
"O partido do século", xa que logo; aínda que, iso si, tamén un "partido do século" que se vén xogando cada seis meses –iso polo menos; está sempre a posiblidade dun duelo na Copa do Rei (con permiso do Alcorcón, claro é) ou mesmo nas competicións europeas– desde o 10 de febreiro de 1929. "Vaia, o mesmo de sempre", han de retrucar, sen dúbida, os detractores –que si que os hai!– da cousa balompédica. E si que teñen a súa parte de razón, os tales: trátase do "mesmo de sempre"; pero é que acontece, en realidade, que os Barça-Madrid –e calquera outro dos alcumados "derbys", se ben que singularmente o que dirimen os dous "grandes"– conforman unha liturxia, un ritual que se explica de seu, que non precisa de lexitimidades para alén da súa propia conformación, da súa cerna. Hai moito de manierismo, polo tanto, no "partido do século": ese mesmo, poño por caso, que envolve un concerto dos Rolling Stones –quen acode a eles agardando de veras novas cancións?, do que se trata é de escoitar por enésima vez "Paint it, black", "Satisfaction" ou "Honky Tonk Women"- ou, se prefiren Vdes. poñerse máis finos e/ou enxebres, a celebración periódica das cantigas de amigo. Todas as ligas da liga conflúen, polo tanto, nesa epifanía. Por exemplo, esa competición dentro da competición a concretar que se alguén adestra, poño por caso, ao Rácing de Santander ou, que sei eu, o Valladolid e acada o subcampionato de liga, finalista da Copa do Rei e semifinalista en Europa, será considerado un novo xenio ás portas. Porén, subcampión de liga, de Copa e de Champions conleva o máis absoluto fracaso en Can Barça ou na Casa Branca. Especialmente se o eterno inimigo foi quen, nesa mesma temporada, de alzarse con algún dos títulos en xogo.
"Un exceso"; "unha actividade absolutamente sobredimensionada"; "un escándalo en tempos de crise". En tempos ingratos para a lírica, pero tamén para o rock´n´roll, parece aumentar a forza dos que rexeitan un espectáculo apenas válido, na súa perspectiva, para a pura e dura alienación das masas. Mesmo pode acontecer aínda que, desde abaixo, xurda o desencanto, o escepticismo e a desgana : "a min gústame o fútbol; mellor dito, gustábame cando o fútbol era fútbol, pero agora todo son millonarios que xogan pola pasta e máis nada". Non acrediten en tal caída de Damasco, os heterodoxos. Tan logo como unha leve brisa sopre nas velas, reabrollan os soños, xa saben: estación de Ave, museo de arte contemporánea –un museo interactivo, desde logo–, aeroporto con liñas low-cost, distrito universitario propio e, faltaría máis, un equipo de fútbol en primeira división capaz de competir cos grandes e/ou polo menos clasificarse para un torneo europeo. Calquera aspirante que se precie a conselleiro ou concelleiro ha de ter ben presente as peticións populares. Outra cousa, iso tamén, é que, despois de todo o que está a chover, queden aínda "posibles" para retornarmos ás andadas.
Todo o anterior é certo, sen dúbida. Porén, os que gostamos del, sabemos que o fútbol, a liturxia do duelo na alta serra non só se explica con esa mestura letal de cartos e política rateira. Afortunadamente, e a pesar de todos os pesares, a esencia dun partido, sexa ou non ese mesmo "do século" a xogarse cada seis meses, ten churchilliana forma de sangue, suor e bágoas: un combustible sen o cal, por moito que os Florentinos de turno queiran e/ou poñan, é imposible que arda a necesaria lumeirada das paixóns, que ondeen de veras as bandeiras, que se canten a coro os himnos, que se espallen os berros de alento. É por iso, entón, que seguiremos a xogar a el nas rúas e nas prazas, nas areas da praia e nos prados, nos campos, nas eiras, nos adros, nas ribeiras e mais en calquera descampado; sobre a herba, a lama ou o cemento…; con balóns de regulamento, desde logo, pero tamén, se é preciso, con pelotas de trapo, con latas… E nunca, nunca, nunca nos renderemos.