Existen intelectuais cuxa función consiste en modular as correntes que dominan o pensamento dunha época. Outros, escasos e situados nas encrucilladas, son os que innovan de xeito absoluto e marcan o sentido dos tempos. Entre os primeiros encontraríase o Claude Lévi-Strauss que acaba de morrer e do que trataremos na sexta feira que vén. Entre os que crean e marcan os camiños das nosas vidas, sexamos ou non conscientes diso, están Copérnico, Marx, Einstein, Freud, Charles Darwin. Non seriamos o que somos nin o espírito do tempo sería como é se as mentes dos citados homes non se expandisen sobre a masa neutra do real para procurar a verdade.
Leo nos xornais ingleses que tal día coma este no que escribo viu a luz a primeira edición d´A Orixe das Especies por Selección Natural, obra na que Charles Darwin descobriu a forma como se produciron e se producen as especies vivas, incluída a nosa da que o autor no gosta de falar. Cando escribo esta nota, 24 de Santos do 2009, cúmprense os cento e cincuenta anos da publicación d´A Orixe das especies, segundo me din. Xa tratamos aí atrás, e na sección No Fondo dos Espellos, de Darwin e do darwinismo en Galicia. Agora vou evocar únicamente as circunstancias da difusión do libro de Darwin entre os rapaces que estudaban comigo o bacharelato en Pontevedra.
Digamos que, en 1954, o evolucionismo cristianizado non era percibido. Teilhard de Chardin aínda non se coñecía e coido que o sabio estaba reducido ao silencio polo Santo Oficio. De xeito que o evolucionismo se enfrentaba sen paliativos á doutrina católica que o negaba nas clases obrigatorias de relixión, incluso na Universidade. O profesorado de historia natural propendía ao darwinismo pro eu notábano francamente atemorizado e non ía ao fondo das cousas. Circulaban chistes estúpidos sobre o home e o macaco. E veleiquí que se produciu un milagre.
Á librería de Luís Martínez Gendra, rúa da Oliva, chegou un día, de 1954, desde Valladolid, A orixe das especies, editado polas Ediciones Ibéricas de Juan B. Bergua. Formaba parte dunha Biblioteca de Bolsillo na que se incluían grandes obras da literatura e do pensamiento universais e, aínda que resulte difícil de crer, Darwin contaba con todas as autorizacións da censura franquista. A obra estaba editada en dous volumes e costaba 20 pesetas.
O libreiro puxo a obra mítica e fascinante de Darwin no escaparate e algún de nós pasamos a cobizala. Cando xuntei as 20 pesetas fun comprar A orixe das especies… O encargado da libraría, señor Seoane, olloume con preocupación e preguntoume, en castelán, se tiña permiso dos meus país para ler a Darwin. Infelizmente, conservo outros libros das Ediciones Ibéricas de Bergua pero non sei onde foi parar o meu venerado exemplar d´A Orixe das Especies…
Na crónica estudantil dos anos cincuenta da Universidade de Compostela ocupa un lugar moi importante a furiosa polémica establecida de xeito permanente, duro e xocoso, entre os cóengos profesores de Relixión (Villasante, Pascua) e unha masa de alumnos de todas as facultades que asumían o darwinismo e se proclamaban pensadores libres. Seguramente moitos deles gardarían nas súas incipientes bibliotecas a edición d´A Orixe das Especies que eu tiña na miña. Por qué a censura franquista indultou Darwin e por qué indultara anos atrás Aires da Miña Terra de Curros Enríquez é cousa que me pregunto con frecuencia.