farodevigo.es » Opinión
 Noticia anterior   Noticia siguiente 
Segunda Feira

Dar a morte

X.L. Méndez Ferrín

 
Enviar
Imprimir
Aumentar el texto
Reducir el texto

Chamoume moito a atención que o voceiro dos bispos españois calificase de "herexes" aos partidarios da legalización do aborto. "Heresía" sempre fora a doutrina contraria ao estatuído pola Igrexa Católica en materia dogmática. Agora parece que a conferencia episcopal está a innovar con grande forza e, para os prelados de España, a noción de heresía deixou de se referir á Fe. Tamén poido ocorrer que os xornalistas terxiversen ou ointerpretasen mal as palabras de monseñor Camino.
A predicación contra as leis reguladoras do aborto, polo menos desde os día do papa Woytila, insiste moito nun grande pecado que consiste en "matar un inocente". Con esta expresión tan intensa e emocional trátase de conseguir no receptor predisposto una asociación co episodio evanxélico da matanza en masa dos nenos israelitas. Ao mesmo tempo, o catolicismo fai patente a súa doutrina: é pecado matar "un inocente". Quer dicir isto que a Igrexa Católica consideraría bon matar un "culpábel"?
Teño entendido que o mandamento da Lei de Deus que prohíbe que os seres humanos maten outros seres humanos constitúe un principio rector para os cristiáns. Cristo non exerceu máis violencia ca uns vergallazos ben dados aos feirantes que invadían o Templo e el mesmo foi víctima de tormentos e executado de xeito impiedoso. Aínda así a doutrina católica contempla casos nos que é lexítimo quitarle a vida a homes e mulleres. Só Deus pode matar, pero ás veces tamén poden facelo os homes.
En defensa da propia vida non é pecado matar un ser humano. Ser humano que, neste caso, non sería un "inocente" senon un "culpábel". A Igrexa Católica pensa que a sociedade pode defenderse dos criminais, e mesmo dos herexes, dándolles a morte. Por iso os católicos defenderon sempre a pena de norte. Tanto a defenderon que tal pena existía nos Estados Vaticanos até que foron conquistados polas tropas de Víctor Manuel II e Pío IX ficou sen a capacidade para exercer a xustiza temporal: isto, coma quen di onte. O réxime nacionalcatólico de Franco mantivo a pena de norte durante toda a súa existencia sen que a Conferencia Episcopal lle fixese ao autócrata advertencia ninguna sobre o valor da vida humana.
A doutrina da Igrexa acepta como lexítima a matanza sistemática de humanos na guerra, sempre e cando a guerra na que participe o católico sexa "xusta". Enumera o catolicismo una serie de supostos que deben darse para que o fiel poda matar en guerra ao tempo que se mantén en graza de Deus. Inclusivamente, a Igrexa Católica ten declarado guerras con carácter de Cruzada e instigado en masa ao confronto bélico e ás matanzas. E non nos estamos a referir á Reconquista ibérica nin ás Cruzadas de Terra Santa nin á chamada Cruzada contra os albixenses que destruiu Occitania no século XII. Estamos a nos acordar de que a Igrexa Católica declarou Cruzada a guerra de España iniciada en 1936 e benceu o bando franquista. Por isto último aínda a tal Igrexa non pediu perdón aos pobos de España como llo pediu ao pobo xudeu.
En realidade, eu non tiña previsto escribir sobre a lexitimidade (obvia) das leis protectoras da muller que regulan o aborto. Pro estou a ver que, a este respecto, moitos católicos se movilizan gabándose a eles mesmos como "defensores da vida". Parece coma se os demais fósemos uns asasinos sen entrañas. E non é verdade. A historia do catolicismo ensínanos que esta confisión permitiu e incitou de xeito incesante e horroroso ao pecado de Caín.

COMPARTIR
 
  Encuestas de actualidad
¿Cree que algún día se pondrá en marcha el transporte metropolitano?
  Sí
  No
Votar »
 
RESULTADOS ACTUALES
36%
No 64%
 
Ver más encuestas »
  LA SELECCIÓN DE LOS LECTORES
 LO ÚLTIMO
 LO MÁS LEÍDO
 LO MÁS VOTADO
  CONÓZCANOS:  CONTACTO |  FARO DE VIGO |  LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES |  CLUB FARO DE VIGO     PUBLICIDAD:  TARIFAS |  CONTRATAR  
farodevigo.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes