Ás veces dáme a impresión que España está gobernada polos responsables de programación das televisións. Porque, por unha parte, todo é previsible, para mal, e por outra aínda nos sorprenden con que todo é aínda peor do que previamos. O caso do Alakrana é unha evidencia máis desa impresión. Nos 47 días en que durou o suspense, aínda se mantiveron máis ou menos as formas, tanto na clase política como na dos programas de actualidade, e sobre todo en Galicia, aspecto diferencial do que nos debemos sentir orgullosos. Pero non rematara aínda o día da liberación dos tripulantes e do barco cando se desataron e saíron desbocados todos os demos que levaban mordendo o ramal.

Os primeiros os nosos queridos líderes políticos, convenientemente estimulados por aqueles que fan política sen presentarse ás eleccións e confunden interpretar a realidade con moldeala. "España mostrou a súa debilidade", escribía un editorial un deses ilustres que deben ter como modelo de comportamento a Guzmán el Bueno ou outro contemporáneo del. Porque no asunto este pódeselle criticar ao Goberno por moitas cousas. Pola torpeza de inducir o traer a España aos dous piratas, que resultaron ser uns contratados para que botaran un ollo a ver se vían presas. Polas contradicións entre os seus membros que evidenciaron. Pódese tamén discutir a súa política de comunicación coas familias, aínda que non sei, porque nestes casos, contar as cousas é tan necesario como inconveniente. E mesmo se pode dicir que quizais se puido ter amañado antes o asunto, aínda que o Goberno alemán tardou catro meses en negociar o rescate dun barco (e xa postos, ao ministro do Interior Rajoy levoulle máis dun ano xestionar a liberación de dous empresarios españois secuestrados en Xeorxia). En resumo, pódeselle criticar cousas que fixeron, pero nunca botarlles en cara que pagaran o rescate, ou que mediaran para que se pagase. Ninguén dos que critican agora o pagamento cuestionaron iso antes, cando era o momento de facelo. E supoño que os que agora non se recatan en queixarse de que os barcos españois son un chollo para os piratas, a próxima vez defendan nos editoriais e nos parlamentos (e ante as familias) que non se debe ceder ás esixencias, pase o que pase.

E pódense discutir, e moito, as medidas a tomar para evitar a ocasión de que haxa Guzmanes ou Rambos. De entrada, é moi discutible esa de adestrar a militares somalís ou kenyanos, ou calquera similar de pagar ás autoridades da zona, entre outras cousas porque os piratas teñen, segundo estimacións que non sei como fan, o apoio do 70% da poboación do país. E de saída, quen ten que pagar o que haxa que pagar é quen fai o negocio do atún, un negocio que debe ser tan bo que fai desprezar os riscos que se corren (ben, que corren os tripulantes. Os armadores, ademais de que hai seguros moi competitivos, de arredor de 20.000 euros a póliza, nun par de mareas facturan o que custou o rescate do Alakrana). Incluídos o risco de faenar 400 millas por fóra da zona de seguridade establecida polos militares.

Pero á par do desboque da clase política (ben, do PP para ser exactos) está o da clase mediática, que coa falta de rigor e de criterio que está de moda, dálle cancha a todo o que abre a boca, teña ou non teña nada que dicir. A última novidade é a aparición estelar do avogado do pirata trasladado Cabdullahi Cabduwilly (alias Abdu Willy, para que o poda pronunciar calquera presentador e caiba nos sms dos espectadores), que anuncia que o seu representado quere quedar en España e mesmo quere casar aquí. Se o xuíz Santiago Pedraz o puidese condenar a casar con Belén Esteban, matabamos varios paxaros dun tiro.